A Xunta adxudica por 6,1 millóns de euros 78 lotes de madeira na provincia de Lugo

A Xunta adxudica por 6,1 millóns de euros 78 lotes de madeira na provincia de Lugo

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 78 lotes de madeira por 6.102.762,72 euros na poxa pública electrónica de madeira que se celebrou este mércores na Xefatura Territorial de Lugo. Ademais destes lotes, outros 11 quedaron desertos e serán alleados en próximos procedementos. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

Nesta poxa, unha das máis importantes dos últimos anos, os lotes suman máis de 185.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, das que o 83 % é piñeiro insigne, un 13 % piñeiro do país e o resto piñeiro silvestre, así como unha pequena partida de eucalipto. Ademais, todos os lotes son de madeira verde e alléanse polo sistema de risco e ventura.

O aproveitamento destas árbores supón unha absorción de CO2 de máis de 139.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida, árbores que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, acadándose os valores máis altos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima sendo previsible que se manteñan no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.

Por outra parte, 41 lotes contan con certificación da xestión forestal sostible PEFC e 14 máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispoñer tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira.

Como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente, os licitadores realizaron todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase podía seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural:
https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información