A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia arrincaba o pasado 2023 cunha campaña destinada a honrar e dignificar a apicultura galega baixo o título ‘Un modo de vida’.
Seguindo precisamente esta filosofía na que a preservación da biodiversidade, o coidado das abellas e a valorización dun oficio tradicional son o eixo central, o Consello Regulador da IXP lanzaba a iniciativa ‘Elixindo un modo de vida’, un proxecto de reforestación que hoxe, 26 de xaneiro, vía a luz.
Así, este venres pola mañá a concelleira de Medio Ambiente do Barco de Valdeorras, Diana Urdangaray, e o Consello Regulador da IXP máis daban por iniciada a plantación de 500 castiñeiros nunha das áreas arrasadas polos incendios en Valdeorras do 2022. Concretamente, na parroquia de Alixo, pertencente ao concello valdeorrés.
A elección desta árbore senlleira débese a que se trata dunha especie melífera e autóctona con moito que ofrecer. Ademais de flor para a polinización e a consecución de mel, tamén se obterán castañas nun futuro, contribuíndo así coa dinamización do medio rural.
Coa axuda das veciñas e veciños do Barco de Valdeorras puido levarse a cabo esta acción, en coincidencia co Día Mundial da Educación Ambiental que se conmemora este 26 de xaneiro, coa que Mel de Galicia procura crear conciencia sobre a problemática medioambiental a nivel local e global.
“A repoboación das zonas queimadas con especies autóctonas é de vital importancia para a recuperación do territorio e para a alimentación das abellas e en consecuencia para a produción do Mel de Galicia. Xurde así a acción medioambiental Elixindo un modo de vida respectuoso co medio ambiente, unha mensaxe en favor dos produtores e dun futuro comprometido co medio ambiente e cas abellas” explican dende Mel de Galicia.