Tímidas medidas da Comisión Europea para afrontar a crise láctea

O Consello de Ministros de Agricultura acorda doblar as cantidades de leite en po e manteiga que se mercarán en intervención a prezo fixo. Permite que organizacións de produtores e interprofesionais cheguen a acordos para regular a produción

Tímidas medidas da Comisión Europea para afrontar a crise láctea

Phil Hogan, comisario de Agricultura da UE.

As medidas que se lle reclamaban a Europa desde o sector gandeiro español para afrontar a crise láctea non chegaron. O Consello de Ministros de Agricultura da UE, reunido hoxe, acordou tímidas medidas de apoio ó sector lácteo pero persiste na súa escasa actuación sobre o mercado. Non haberá unha suba dos prezos de intervención do leite en po nin tampouco políticas para limitar temporalmente os aumentos de produción de leite na UE.

As decisións da UE centráronse en cuestións de carácter paliativo. As principais medidas son as seguintes:

– Autorización para que os Estados membros adiquen un máximo de 15.000 euros de axudas anuais para cada produtor. Cada Estado membro deberá concretar de aquí en adiante se establece axudas adicionais, a maiores das reguladas en setembro pasado, para encarar a crise e en que cantidades.

– A Comisión permitirá que organizacións de produtores, Interprofesionais e cooperativas cheguen a acordos voluntarios de produción e suministro. Os ministros entenden que esta pode ser unha vía de autorregulación da produción, pero non haberá pagos con cartos públicos a aquelas granxas que limiten temporalmente a produción, como propuxera Francia.

– Aumento das cantidades de leite en po e manteiga a mercar para intervención. O sistema de intervención público planificara a compra de 109.000 toneladas de leite en po a prezo fixo, así como de 60.000 de manteiga. Cando se completasen eses cupos, as compras faríanse por subasta á baixa. A Comisión aumentou as compras a prezo fixo ata as 218.000 toneladas de leite en po e as 100.000 de manteiga.

– A Comisión está examinando a viabilidade de conceder créditos á exportación de lácteos.

– Apoio ós investimentos no sector agrícola. A Comisión, a través do Banco Europeo de Investimentos e do Fondo Europeo de Investimentos, daralle prioridade ó desenvolvemento de instrumentos financieiros para axudar a produtores e á cadea industrial nos investimentos que melloren a súa competitividade.

– Axudas á promoción dos produtos gandeiros e a apertura de mercados en terceiros países. A Comisión sinala tamén que traballa para levantar o veto ruso ós produtos europeos, pero que non hai avances ó respecto.

Sectores cárnicos
En canto ós sectores de gandería de carne, tamén en crise, o Consello de Ministros de Agricultura da UE acordou dúas medidas específicas:

– Estudiar un novo sistema de axudas ó almacenamento privado de carne de porcino, cun calendario e volumes por determinar.

– Crear un observatorio europeo de carne, a imaxe do observatorio lácteo, que fará un seguemento dos mercados de vacún e de porcino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información