Radiografía da produción de carne en Galicia

O sector está conformado por 19.500 ganderías de vacún, 15.000 de ovino e caprino, 4.000 de cabalos e 2.500 granxas de porcos, 1.000 de polos e 179 de coellos. Esta é a situación das explotacións nas distintas especies 

producion de carne en Galicia por especiesO sector cárnico é, xunto ao sector lácteo e ao forestal, un dos piares estratéxicos da economía rural de Galicia. O sector está conformado por 43.479 explotacións e 192 industrias de transformación que empregan a 4.601 traballadores a tempo completo.

Pero alén do peso económico que este sector ten en moitas comarcas, é maior aínda a súa relevancia social e medioambiental, pois mantén a poboación no territorio en zonas demograficamente deprimidas e evita a proliferación de incendios forestais a través da posta en valor de máis de 307.000 hectáreas de terras agrarias.

Malia manter polo de agora unha ampla distribución nas catro provincias, a tendencia mostrada pola evolución nos últimos anos camiña cara a unha concentración da produción en determinadas comarcas e cada vez máis nun número de concellos máis reducido.  

Nos últimos anos está a gañar peso a produción porcina e avícola en Galicia, mentres o ovino se reduciu á metade

A produción de carne de vacún segue a manter unha clara vinculación con sistemas de pastoreo, convivindo (e competindo pola terra) con ganderías leiteiras en zonas de produción láctea. Están a proliferar tamén nos últimos anos nalgunhas destas áreas de produción láctea (comarca do Deza ou o interior de Lugo) as granxas de polos eco porcos, que tamén se concentran en determinadas comarcas ourensás, como A Limia.

A produción de carne en Galicia caracterízase pola súa atomización e pola convivencia de explotacións de pequeno tamaño e que aportan unicamente ingresos complementarios aos seus titulares con outras profesionalizadas. Existe tamén una clara relación entre o tamaño da explotación e a idade do titular, sendo as granxas máis grandes as que contan con titulares máis novos. 

A estrategia presentada pola Xunta propón priorizar as explotacións profesionais no acceso ás axudas públicas nos vindeiros anos

A Estratexia de dinamización do sector cárnico galego para o período 2022-2030, elaborada pola Fundación Juana de Vega, aposta por concentras as axudas públicas nestas últimas. Este documento de planificación, presentado esta semana pola Xunta, establece as accións a desenvolver para mellorar o posicionamento competitivo do sector cárnico galego de aquí ao 2030. Trátase dunha folla de ruta para os próximos anos que busca lograr un sector máis profesionalizado, sostible, competitivo e internacionalizado e que permite facer unha completa radiografía do sector da carne en Galicia por tipo de producción e a súa evolución nos últimos anos.  

VACÚN

resumo vacun de carneO número de explotacións que se dedican á produción de carne de vacún rexistradas mediante REGA en Galicia é de 19.537. Delas, 6.399 (32,75%) están situadas na provincia da Coruña, 8.458 (43,29%) na provincia de Lugo, 1.583 (8,10%) na de Ourense e 3.097 (15,85%) en Pontevedra.

Lugo é a provincia con maior número de ganderías (8.458), o que se traduce nun 43,29% do total de Galicia

O número de explotacións supera as 200 en 18 concellos, dos cales os que máis explotacións teñen son: Vilalba (534), Friol (339), Lugo (315), Lalín (309) e A Estrada (295). Os concellos de Friol, Vilalba e A Fonsagrada son os que máis animais concentran, con máis de 10.000 animais nos tres casos. Fóra da provincia de Lugo, os concellos con máis de 4.000 animais son Mazaricos, Sobrado e Melide, na provincia da Coruña; Montederramo e A Gudiña, en Ourense; e Lalín, na provincia de Pontevedra.

mapa distribución dos animais de produción de carne de vacún por concellos

A explotación media de Galicia conta con 22,11 animais, xestiona unha superficie de 11 hectáreas repartidas en 32,26 parcelas, emprega 0,36 UTA e a idade dos produtores é de 57 anos.

En xeral pode apreciarse como a idade media dos produtores diminúe cando se incrementa o tamaño das explotacións, indicativo dun maior nivel de intensificación e profesionalización.

Titularidade e remuda xeracional

explotacions de vacun de carne por tamaño

Na produción de carne de vacún en Galicia predomina a extensificación. As explotacións máis grandes, de máis de 250 animais (cebadeiros), son as menos abundantes, con só 73 en Galicia en setembro de 2021. No outro extremo, a maioría das explotacións pequenas (con menos de 10 animais), as máis abundantes, non chegan a unha UTA (0,14), indicativo de que a explotación constitúe unha actividade complementaria.

Case un 50% das explotacións de vacún de carne ten menos de 10 animais

No 94% dos casos a titularidade da explotación téñena gandeiros a título individual, divididos ao 50% entre homes e mulleres. Un factor limitante para o futuro das explotacións familiares galegas é a falta de relevo xeracional. A incorporación da mocidade ás explotacións deuse entre 2016 e 2019 en 591 casos, mentres que os beneficiarios das axudas de incorporación entre os anos 2019 e 2021 foron 143.

IXP Ternera Gallega

Segundo os datos do Consello Regulador, a finais de novembro de 2021 o número de explotacións que producía baixo o selo de IXP Ternera Gallega era de 7.397. Destas explotacións, 6.993 correspondían a Ternera Gallega Suprema e 404 eran cebadeiros. Do total, o 74% das ganderías atópanse na provincia de Lugo, o 18% na da Coruña, o 6% en Ourense e o 2% en Pontevedra.

Tres de cada catro explotacións inscritas na IXP están na provincia de Lugo

Os cebadeiros de Ternera Gallega están situados na súa maioría en concellos da provincia de Lugo, nos concellos de Vilalba, A Fonsagrada, Abadín, Lugo, Friol e Paradela. A provincia de Lugo ten tamén a maior concentración de granxas de Ternera Gallega Suprema de toda Galicia, con algún concello onde se superan as 100 explotacións (Lugo, Guntín, O Corgo, Becerreá ou Cervantes).

O número de tenreiros rexistrados no ano 2021 foi de 135.606 e certificáronse 95.279 canais, nun total de 96 industrias. En conxunto, ao amparo da IXP foron comercializadas 22.000 toneladas de carne. A categoría de Ternera Gallega Suprema é a que máis canles certifica e da que máis toneladas de carne se producen.

O punto que máis polémica xera entre os produtores é a posibilidade de diferenciar cunha nova categoría os becerros pasteiros dos que reciben un acabado estabulados

En relación á IXP Ternera Gallega na Estratexia de dinamización do sector cárnico propóñense distintas accións, enfocadas tanto a lograr unha maior homoxenización da produción como a mellorar a transparencia e rastrexabilidade da carne facendo chegar aos consumidores información útil a través do emprego de etiquetas e envases intelixentes.

PORCINO

resumo porcinoO número de explotacións que se dedican á produción de carne de porcino rexistradas mediante REGA en Galicia é de 2.593. Delas, 458 están situadas na provincia da Coruña, 1.267 na provincia de Lugo, 364 na de Ourense e 504 en Pontevedra. A pesar de ser Pontevedra a provincia con maior produción, non é a provincia co maior número de granxas, o que reflicte un maior tamaño das explotacións nesa provincia.

A provincia de Pontevedra lidera a produción de carne de porcino

O concello con maior número de porcos censados en decembro de 2020 foi Rodeiro, con 104.261 animais, seguido de Silleda, con 98.776 animais. Outra zona que concentra un alto número de animais censados é a comarca da Limia (Xinzo de Limia, Os Blancos, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras). Na provincia de Ourense tamén destaca Maceda, con 46.414 animais; ao igual que na de Lugo Chantada, Carballedo, Sarria, Portomarín e Palas de Rei; e na da Coruña Melide, Abegondo e Ponteceso.

mapa porcinoA produción porcina intensificouse nas últimas décadas, cunha maior cantidade de porcos por granxa e un incremento dos rendementos cárnicos. A explotación media de porcino en Galicia conta con 591,77 animais, emprega 0,78 UTA e as persoas titulares teñen unha idade media de 52,24 anos.

O número de explotacións de carne de porcino aumentou de xeito sostido desde xaneiro de 2016, pasando das 27.530 explotacións ás 29.619 existentes en xaneiro de 2021. Un total de 45 mozos e mozas incorporáronse ao sector entre 2016 e 2019 e 25 entre 2019 e 2021.

A fórmula xurídica dunha cuarta parte das explotacións é a sociedade, mentres nos casos de titularidade individual, na maior parte o titular é un home.

OVINO E CAPRINO

resumo ovino e caprinoO número de explotacións que se dedican á produción de carne de ovino e caprino rexistradas en Galicia é de 15.783, das que 3.831 (o 24,3%) están situadas na provincia da Coruña, 4.466 (o 28,3%) na provincia de Lugo, 2.733 (o 17,3%) na de Ourense e 4.753 (o 30,1%) en Pontevedra.

A figura de agricultor individual, repartida case ao 50% entre homes e mulleres, é a que representa a titularidade maioritaria nas explotacións

Non se dispón de datos de explotacións de ovino e caprino por separado, o que obriga a abordar o estudo das dúas especies en conxunto. O concello con maior número de animais censados é A Mezquita (15.159 animais), seguido de Vilariño de Conso e A Estrada, con máis de 3.000 animais censados, ou Cualedro, con máis de 1.500. No que se refire á área central de Lugo, destacan cinco concellos con máis de 1.500 animais: Friol, Vilalba, Lugo, A Pastoriza e Cospeito.

mapa ovino e caprinoA maioría das explotacións (93,53 %) teñen menos de 25 animais e achegan en conxunto o 50,98% da produción. Pola contra, hai unicamente 130 explotacións (0,82%) con máis de 150 animais, que achegan o 21,30% da produción. Estas explotacións de máis de 150 animais xestionan unha media de 30 ha repartidas en 120 parcelas e empregan 0,65 UTA.

De 2016 a 2019 houbo 56 incorporacións e de 2019 a 2021 producíronse 142

O número medio de animais por explotación é de 10,51, valor moi baixo. As producións de ovino e caprino son reducidas, con moitas das explotacións asociadas a pastoreo tradicional e de subsistencia.

As 15.783 explotacións xestionan unha superficie de 54.353,73 hectáreas repartidas en 180.014 parcelas, cunha superficie media por explotación de 3,44 ha repartidas en 11 parcelas de media. A idade dos produtores sitúase ao redor dos 60 anos e moitas das explotacións non chegan a ter unha UTA.

Descenso xeralizado da produción

evolución da produción de carne de ovino en Galicia 2001-2020A produción de carne de ovino descendeu nas catro provincias galegas de maneira notable nas últimas dúas décadas, pasando das 640,43 toneladas en 2001 ás 264,17 toneladas do ano 2020, o que supón unha redución da produción de máis da metade (58,8%).

Ourense é a provincia que maior cantidade de carne de ovino produciu en matadoiros durante todo o período estudado (2001-2020)

No caso da produción de carne de gando cabrún e aínda que a tendencia no conxunto de Galicia foi de descenso, os datos da Coruña e Pontevedra son maiores na actualidade ca no ano 2001.

Os animais sacrificados na Coruña representaron en 2020 case o 15% da produción galega, mentres que no 2001 representaban unicamente o 0,11%, pero trátase de produción de carne en matadoiro, e isto non significa que os animais sexan da propia provincia, nin sequera de orixe galega.

AVICULTURA

resumo aviculturaO número de explotacións de aves de curral para produción de carne en Galicia é de 1.075, segundo as cifras dos censos de 2020. Analizando a evolución no número de explotacións nos últimos anos obsérvase como este pasou das 825 granxas que había en xaneiro de 2016 a 912 en xaneiro de 2021. Os animais destas explotacións son de diferentes especies: sobre todo polos, pero tamén hai pavos.

Nos últimos 5 anos creáronse en Galicia 87 novas explotacións avícolas

Ourense é a provincia que maior cantidade de carne de aves de curral produce (134,87 milleiros de toneladas para o ano 2020), seguida de Lugo, Pontevedra e A Coruña, con 44,66, 31,08 e 12,94 milleiros de toneladas respectivamente.

mapa aviculturaUnicamente 6 dos 313 concellos galegos teñen máis de 25 explotacións avícolas, entre os que destaca o concello de Friol, que conta con máis de 50 granxas. Os concellos con maior número de animais censados son Sarreaus, Friol e Xinzo de Limia, que superan a cifra de 1.200.000 animais.

O concello de Friol conta con máis de 50 granxas de polos e pavos

A produción de carne de ave en Galicia concéntrase naquelas explotacións cuxa capacidade se sitúa por riba dos 25.000 animais. Estas representan o 33,48% das explotacións e acollen o 69,94% da capacidade produtiva.

producion avicultura

CABALAR

resumo cabalosA produción de carne de equino é das menos relevantes en Galicia e nos últimos anos vén seguindo unha tendencia negativa. En Galicia hai 4.314 explotacións de cabalos para carne. Por provincias, Lugo concentra 2.573 explotacións (56,64%), seguida da Coruña, con 1.437 (33,31%), e de Pontevedra, con 274 (6,35%), mentres que na provincia de Ourense se rexístranse unicamente 30 explotacións (0,69%).

A maior produción de cabalo está na Serra do Xistral

Os concellos que contan con maior número de cabalos para carne son os da montaña do norte lucense, que pertencen ou limitan coa Serra do Xistral. Na provincia de Pontevedra tamén había concellos con máis de 200 cabalos censados en decembro de 2020. Son os casos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Gondomar e Oia. Na provincia da Coruña, unicamente Boiro e Porto de Son teñen máis de 200 cabalos censados. A provincia de Ourense conta cun escaso censo de cabalos para carne e só A Veiga conta con máis de 100 animais.

mapa cabaloAs explotacións con maior superficie media asociada segundo as terras declaradas na PAC son as que teñen máis de 50 animais, moitas veces ligadas a Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. No que atinxe a esta especie, os datos dispoñibles amosan que neste sector non abundan os casos de remuda xeracional: o número de beneficiarios da liña de axudas a mozos agricultores da PAC no período 2016- 2019 foi só de once, e no período 2019-2021 de catro.

CUNÍCOLA

resumo coellosEn Galicia hai un total de 179 explotacións de coellos destinados a carne. A produción está concentrada nuns poucos concellos. O concello con maior número de animais censados é Abegondo, con 40.037. Os seguintes que concentran máis coellos son Ponteceso, Boiro, Chantada, Monfero e Guitiriz, que superan os 20.000 animais.

A produción de carne de coello concéntrase naquelas explotacións máis grandes, que representan o 25% do censo de granxas e acollen o 62% dos animais

Un total de 46 granxas contan con máis de 5.000 prazas e dan emprego a 46 UTAs. Estas representan o 25,70% das explotacións e acollen o 62,07% da capacidade produtiva.

mapa coellosAs 179 explotacións inscritas no REAGA teñen unha capacidade media de 3.461,13 animais e a idade media dos produtores é de 51 anos. Só 39 explotacións de carne de coello foron beneficiarias entre 2016 e 2021 de axudas a mozos agricultores, segundo as declaracións para as axudas da PAC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información