Unións Agrarias-UPA e a Asociación galega de empresarios do gando (AGEGA) -unha das dúas que representan ao colectivo na comunidade- instan á Xunta de Galicia a habilitar orzamento suficiente para compensar a suba de custos de produción en todo o sector produtor de vacún de carne.
Ambas organizacións celebran que a Consellería de Medio Rural teña habilitado fondos para apoiar as producións amparadas na IXP e, máis concretamente, a Tenreira Galega Suprema. Pero lamentan os criterios escollidos, que “deixan fóra non só ás explotacións que traballan á marxe da Indicación Xeográfica Protexida, senón tamén ao 35% dos becerros criados dentro dela”.
Neste sentido, Unións Agrarias e AGEGA fan un chamamento conxunto para que “a administración corrixa a discriminación que ven de perpetrar coa liña de axudas recentemente concedida aos produtores de Ternera Gallega e estenda ese apoio á totalidade do sector produtor de vacún de carne en Galicia”.
Temor a un colapso do mercado e a baixada de prezos
Ambas organizacións temen tamén “o colapso do mercado e a baixada de prezos que poden vir da man dunha liña de axudas que xa está a producir distorsións debido á paralización da saída de animais marcados dentro da IXP que antes se comercializaban sen certificar, por exemplo no mercado asturiano”.
“Esas vendas agora non se están a producir debido a que as ganderías non queren perder unhas axudas que se vinculan exclusivamente aos becerros certificados dentro da Indicación Xeográfica Protexida, polo que se está distorsionando o mercado, e isto podería xerar problemas a medio prazo”, indican dende Unións e AGEGA.
Nese senso, ambas organizacións instan á Xunta de Galicia a aclarar publicamente se esta axuda, en principio aprobada de xeito excepcional só para o 2023, se manterá nas mesmas condicións no ano que ven de arrincar.
“A crenza de que vai ser así xa está causando unha distorsión no mercado de compra-venda que pode traer consigo unha saturación e a consecuente caída dos prezos da carne en orixe. Unha situación moi preocupante que debemos atallar”, subliñan.
Dende Unións lembran que “Ternera Gallega Suprema certifica 55.000 becerros, pero inscribe 80.000, o que deixa ao 35% da produción amparada na IXP fóra desta liña de axudas, penalizando ás explotacións que apostan pola recría e, en definitiva, por tentar medrar e polo futuro do sector”. Así, ambas organizacións fan un chamamento conxunto para que o apoio público chegue á totalidade do sector e lembran que a suba de custos de produción afecta do mesmo xeito a todas as explotacións.
Nese senso, Unións Agrarias e AGEGA consideran “inaceptable que a administración dea as costas ao 65% do sector limitando o seu apoio á produción de Ternera Gallega Suprema”.