O Fondo Español de Garantía Agraria, dependente do Ministerio de Agricultura, vén de concretar os importes provisionais das axudas para vacún de cebo, que quedan como segue:
Axuda asociada para o engorde de becerros na explotación de nacemento
Esta axuda está destinada ás granxas extensivas ou semiextensivas que realizan o cebo de becerros na explotación de nacemento do animal. Son necesarios un mínimo de 3 animais primables para cobrar a axuda.
Agricultura reservou 12,3 millóns de euros no 2023 para esta prima. Concluído o ano, as comunidades autónomas comunicaron un total de 400.000 animais primables. A prima fixada é de 30,9 euros por animal.
No caso galego, hai máis de 9.500 beneficiarios, cun total de 91.000 animais con dereito a prima. Galicia é a comunidade con máis granxas beneficiadas, lixeiramente por riba de Castilla y León, pero atópase por detrás da comunidade veciña no número total de animais cebados, pois en Castilla superáronse os 130.000.
Axuda asociada para o engorde sostible de becerros
O Ministerio destinou 25,9 millóns de euros para apoiar o engorde de becerros en cebadeiros, é dicir en explotacións que adquiren os animais para o seu acabado. Pechado o 2023, as comunidades autónomas comunicaron un total de 1,5 millóns de animais primables, dos que algo máis de 53.000 corresponden a Galicia.
No cebo de becerros destacan Aragón, Cataluña, Castilla y León e Castilla La Mancha. Entre as catro comunidades suman máis dun millón de animais cebados.
A prima fixada é de 18,6 euros por animal para os primeiros 600 animais e de 9,3 euros para o treito de 600 a 1.400 animais. Galicia rexistrou 850 solicitudes no primeiro treito, con 46.700 becerros, e 19 no segundo, con 6.450.
Con estos importes unitarios, poderase facer un primeiro pago da axuda asociada, dun máximo do 90% do total. O segundo pago, ata completar o 100% poderase facer en abril, unha vez pechados de xeito definitivo todos os datos.