O Diario Oficial de Galicia publica este martes unha resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria pola que se aproba e se dá publicidade á modificación do Prego de Condicións da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que a partir de agora obrigará a cebar con penso a todos os xatos marcados co selo de calidade da carne de vacún galega.
Os cambios (algúns deles xa levantaron polémica no sector cando se anunciaron), foron solicitados polo Pleno do Consello Regulador e tramitados por parte de AGACAL, dependente da Consellería do Medio Rural. A aprobación destas modificacións, considera a Xunta, corresponde á Administración autonómica, xa que non afectan ao nome da denominación nin ao vínculo do produto co territorio nin implican restricións ao comercio, que son os aspectos cuxo cambio requiriría a aprobación pola Comisión Europea.
A Xunta aproba cambios relativos ao cebo final dos animais e ás instalacións que deben albergalos
As modificacións que solicita introducir o Consello Regulador afectan fundamentalmente ao apartado do prego de condicións relativo ao aloxamento, alimentación e cebo final dos animais, así como á posibilidade de conxelación da carne cando o seu destino sexan países de fóra da UE.
Cebo con cereais e concentrados
O primeiro dos cambios no Prego de Condicións da IXP supón a introdución dalgunhas especificacións en relación coa alimentación e o manexo dos tenreiros nas explotacións que optan por modelos produtivos extensivos ou semiextensivos, de maneira que se introducen novas esixencias para que os chamados xatos pasteiros poidan ser marcados dentro de Ternera Gallega Suprema.
Establécese a obriga de complementar a alimentación dos xatos pasteiros con concentrados e para iso deberán dispor de moxegas ou comedeiros móbiles distribuídos polas pradeiras
Establécese a obriga de complementar con concentrado a alimentación dos animais que se sacrifiquen directamente do prado con menos de 8 meses. Cando superen esa idade deberán agruparse ou estabularse en recintos pechados e protexidos das inclemencias meteorolóxicas para realizar un acabamento durante un período mínimo de dous meses. Este requisito, que antes era unha recomendación no Prego de Condicións, pasa agora a ser unha obriga.
Co encarecemento do penso e a palla e a falta de man de obra moitas explotacións optaron nos últimos anos por non acortellar os xatos
Transitoriamente, durante un período máximo de dous anos, os tenreiros poderanse finalizar nas praderías, utilizando para iso as tolvas ou comedeiros móbiles selectivos, distribuídos de forma que poidan acceder a eles “xa que nalgunhas explotacións pode significar a necesidade de adecuar ou construír algunha instalación para o gando”, xustifica a Consellería.
A Consellería non aclara se o silo de millo e o gran húmido cumpren coas condicións fixadas no Prego de Condicións para o cebo con “cereais ou concentrados a libre disposición”
O prego de condicións recolle textualmente que cando a idade de sacrificio dos animais supere os 8 meses, co límite máximo dos 10 meses no caso de Ternera Gallega Suprema e de 12 meses no selo de Ternera Gallega convencional, deberá subministrárselles “cereais e/ou concentrados a libre disposición”, aínda que non se aclara se algúns ensilados a base de cereais producidos na propia explotación, como o gran húmido ou o silo de millo, por exemplo, cumplirían coas esixencias requeridas para o cebo final dos xatos e xatas que se comercialicen dentro da IXP.
Instalacións e manexo
O segundo dos aspectos do método de obtención da carne que se modifica refírese á introdución de determinadas especificacións relativas a prácticas que favorecen o benestar animal. En concreto, establécense requisitos relativos á limpeza e liberdade de movementos dos tenreiros, ás condicións hixiénico-sanitarias, ao estado dos patios e zonas de descanso e ás características construtivas do pavimento das cortes. Así, o chan das cortes non será esvaradío nin rugoso e as pendentes non poderán superar o 5%.
Determínanse tamén límites máximos para o número de animais que conforman un lote e superficies mínimas por animal. Deste xeito, para evitar a masificación, limítase a un máximo de 60 animais por lote cando dispoñan dunha superficie de máis de 4 metros cadrados por tenreiro, rebaixándose os grupos a 40 animais cando non se acaden os 4 metros por animal, debendo dispoñer, en todo caso, dunha superficie mínima de 2,2 metros cadrados por tenreiro maior de 6 meses.
Os animais deberán dispoñer dunha superficie mínima de 2,2 metros cadrados e 15 cm de comedeiro por cabeza
Por outra parte, recóllense especificacións sobre a calidade do aire e as condicións térmicas e a iluminación no interior das instalacións. O tenreiros deberán dispoñer dun mínimo de 8 horas diarias de “luz ambiental” e a temperatura nos establos non poderá baixar de 0ºC nin subir de 35ºC. A concentración de amoníaco (NH3) non poderá superar as 20 partes por millón (ppm) a un metro de altura.
Por último, recóllese que se debe favorecer o pastoreo, o acceso dos tenreiros á comida e dispoñibilidade de auga limpa, con indicacións dalgúns requisitos mínimos das instalacións para poder cumprir estas especificacións. Así, por exemplo, os comedeiros deben ter, como mínimo, unha lonxitude de 15 centímetros por cada animal maior de 6 meses de idade e haberá polo menos un bebedoiro por cada 15 animais.
A conxelación segue prohibida dentro da UE
O terceiro dos aspectos que se modifica no Prego de Condicións consiste na introdución da posibilidade de conxelar a carne sen perder a certificación da IXP cando esta vaia destinada á exportación a países de fóra da Unión Europea, excepto Andorra e o territorio de Xibraltar. No prego vixente ata agora a carne non podía comercializarse como Ternera Gallega se nalgún momento se sometía a un proceso de conxelación.
A Xunta autoriza a conxelación da carne de Ternera Gallega para a súa exportación a mercados de fóra da UE
Por último, tamén se modifica este apartado do prego de condicións para establecer algunhas especificacións en relación coa posibilidade de utilizar carne da IXP como ingrediente doutros produtos elaborados e informar diso ás persoas consumidoras na etiquetaxe. En concreto, recóllese a posibilidade de que, nese caso, a carne poida someterse a procesos de conservación, como o secado, o salgado ou a conxelación, sen por iso perder a posibilidade de utilizar o nome da indicación xeográfica na mención do ingrediente na etiquetaxe do produto.
O outro apartado do prego de condicións afectado pola modificación é o da estrutura de control. Trátase simplemente de adecuar os datos relativos ao nome do Consello Regulador, que actualmente está tramitando a súa modificación para pasar a denominarse Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas TerneraGallega e Vaca Gallega–Buey Gallego”, e o seu enderezo postal, unha vez que cambiou o seu domicilio social, así como substituír a referencia que se fai á norma EN 45011 por unha referencia á norma ISO 17065, que é a norma internacional que actualmente se aplica ás entidades que certifican produtos.
Pódese descargar o novo Prego de Condicións da IXP Ternera Gallega neste enlace.