Archives

Prohibidas as queimas agrícolas e forestais desde este venres

A partir de mañá, venres 22 de marzo quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste venres. A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de incendio. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control. Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este venres e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Convenio entre Xunta e Deputación de Pontevedra para prevención de incendios forestais

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes co conselleiro de Medio Rural, José González, un protocolo de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais. Un acordo a través do cal a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia achegan 300.000 euros cada unha para ratificar o compromiso compartido na loita contra o lume e para realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal, dotando de medios materiais aos concellos da provincia. Trátase do primeiro convenio deste tipo asinado entre a Deputación e a Xunta de Galicia. López destacou que “os concellos serán os beneficiarios desta medida”. O acordo, asinado este martes no Pazo provincial coa presenza do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, senta as bases para executar accións concretas neste ámbito no que a Deputación e a Xunta cooperarán para adquirir nova maquinaria, poñer a disposición do goberno autonómico o material de titularidade provincial, formar persoal dos Concellos no uso destas ferramentas e en estratexias de prevención e extinción de incendios. Uns obxectivos que materializarán posteriormente a través de convenios específicos entre a Deputación, a Xunta e os concellos da provincia. Despois de asinar o convenio, Luis López sinalou que os lumes son unha das grandes ameazas que afectan o medio rural. “Ameazas que proveñen do despoboamento do rural co que loitamos a través do departamento creado por este goberno para o Reto Demográfico, ameazas que proveñen do cambio climático que tratamos de combater e ameazas como esas accións imprudentes ou intencionadas, pero sempre inxustificables dalgunhas persoas que danan o noso patrimonio natural”, subliñou o mandatario provincial. Ademais, Luis López recordou que a colaboración entre Xunta e Deputación en materia de prevención de incendios é un exemplo máis da cooperación entre ambas as dúas institucións, como a cesión da Escola de Cantaría, o Pazo de Lourizán ou os centros educativos de Príncipe Felipe, así como o compromiso para a reforma de Santa Clara. Neste sentido, o presidente da Deputación agradeceu ao conselleiro José González e á Xunta de Galicia o compromiso coa conservación do patrimonio natural. “Na loita contra os incendios non cabe outra cousa que non sexa a máxima colaboración e cooperación entre institucións”, rematou Luis López. Este convenio enmárcase na liña de acordos de prevención que Medio Rural está a asinar coas Deputacións provinciais.

Apoios para a recuperación das comarcas máis afectadas por incendios forestais

A Xunta traballa en diferentes medidas na liña da recuperación e xestión das áreas afectadas polos incendios rexistrados no 2022,con iniciativas como a reforestación con coníferas e frondosas autóctonas, a apertura e mellora de pistas e camiños, a construción e mellora de puntos de auga, a creación, recuperación e mantemento de pradarías e pasteiros ou o impulso dos instrumentos de recuperación da terra, como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, os soutos tradicionais ou os pasteiros. Así o explicou o conselleiro do Medio Rural, José González, na mesa de axentes sociais que tivo lugar onte no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón. O obxectivo desta xuntanza, á que tamén asistiron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, foi presentar as conclusións obtidas durante as primeiras fases do proceso participativo para a recuperación e xestión de áreas de concorrencia de lumes forestais. Cinco ámbitos xeográficos Esta colaboración con axentes sociais -sinalou o conselleiro- implica cinco comarcas afectadas polos lumes de 2022: O Courel, Valdeorras, Macizo Central, Monterrei e Barbanza. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural colabora con 26 concellos para buscar solucións as máis de 245.000 hectáreas que requirían de medidas para a súa xestión. De seguido, José González reafirmou a súa aposta pola recuperación de terra abandonada xa que “é a mellor forma de evitar que se produzan os lumes e de limitar a súa afectación unha vez que se producen”, aseverou. Con respecto ao proceso, realizáronse encontros con axentes destas áreas, como cargos e técnicos de diferentes administracións, empresas xestoras, axentes forestais, profesionais da madeira, gandeiros, comuneiros e cidadanía en xeral. Os principais obxectivos deste proceso son a compilación de propostas de uso e xestión do territorio, dende os puntos de vista forestal, agrogandeiro, ambiental e social-recreativo, identificar os axentes interesados en levar a cabo propostas, así como priorizar as áreas de actuación de cara a mellora da resiliencia fronte ao lume. Seguindo esta liña, o titular de Medio Rural trasladou a importancia dos instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria na anticipación aos lumes. Deste xeito, dixo, trabállase mediante as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, o Banco de terras, os polígonos cortalumes ou as agrupacións forestais de xestión conxunta. Ademais, referiuse tamén a ferramentas como o Plan Forestal de Galicia, o Plan de Pastos, o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña de Galicia ou o Plan Galego de valorización sustentable de madeiras frondosas caducifolias. Fondo público-privado O conselleiro fixo fincapé na planificación estratéxica posta en marcha polo Goberno galego, que implicará unha acción integral no territorio. Para levar isto a cabo, tal e como indicou José González, cóntase coa colaboración aberta pola Xunta para crear un novo fondo público-privado para anticiparse aos incendios. Neste sentido, agradeceu de novo a incorporación de Inditex a este fondo, cunha achega de 9 millóns de euros que se suman ao esforzo investidor da Xunta e que permitirá intervir nas devanditas comarcas e beneficiar unhas 118.000 persoas e trasladou que proximamente se engadirán máis empresas. Este fondo naceu co fin de crear un territorio resiliente ao lume, restaurar os espazos afectados e levar a cabo unha política de xestión da paisaxe centrada na prevención.

Convocadas as axudas de prevención de incendios forestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos titulares de montes veciñais de man común, as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) para a posta en marcha de actuacións preventivas dos danos causados aos bosques por incendios. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, convoca estas axudas para contribuír a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, cun orzamento superior aos 3,5 millóns de euros que se repartirán entre 2023 -353.990,7 euros- e 2024 -3.159.816,3 euros-. As achegas contan con dúas liñas de actuación. A primeira é para o control selectivo de combustible, na que se concederán achegas para áreas de devasa en monte desarborado, para roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, con preto de 590 euros por hectárea. Para montes en rexeneración, serán máis de 1.650 euros por hectárea para o clareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos, mentres que para roza de penetración, rareo de entrefaixa e trituración de restos nas faixas, será de case 1.300 euros por hectárea. Nesta liña, as axudas complétanse para as devasas con 635 euros por hectárea para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e, para as faixas de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura, destinaranse case 590 euros/ha se é roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar, ou con 734 euros/ha, no caso da roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar. A segunda liña desta convocatoria de axudas destínase para a construción de puntos de auga. Nesta caso, a achega será de 25.690 euros por cada depósito de auga de 8x7x2 metros cun volume útil de 110 metros cúbicos. Superficies de máis de 100 hectáreas Os beneficiarios serán as persoas titulares dos montes veciñais de man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal que conten con superficies de máis de 100 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Trabada, un concello “número 1” na xestión do monte que sucumbiu ante o maior lume do 2023

Parroquia de Barreiros, en Trabada, unha das primeiras zonas do incendio, nunha foto tomada o xoves 12 ás 19:00h Unha semana despois de que o lume arrasara os montes de Trabada, os afectados tratan de asimilar o sucedido, valorar os danos e planificar os traballos de repoboación e recuperación da superficie ardida. Ninguén dubida da intencionalidade na orixe do lume e todos aseguran que as condicións climatolóxicas que se daban o pasado xoves día 12, con vento forte de sur e altas temperaturas, foron determinantes para o fatal desenlace. O eucalipto é a especie predominante (practicamente a única) nos montes da Mariña. Desde hai máis de 50 anos os propietarios apostaron polo seu potencial de crecimento. As cortas de eucalipto, que acadan na comunidade 5,6 millóns de metros cúbicos anuais, suman 1 millón de toneladas só na Mariña lucense.
Arredor dun 20% das cortas de eucalipto galegas prodúcense na Mariña
A zona de Trabada conta, a diferenza do que sucede no resto da comarca, con concentración parcelaria nos montes, boas pistas de acceso, balsas de auga, cortalumes e outras medidas antiincendios, pero que se mostraron totalmente inservibles para frear o avance das lapas. O lume cruzou ao veciño concello de Ribadeo e obrigou a cortar a autovía A-8, que mesmo atravesou debido á súa virulencia. De nada serviron os medios aéreos despregados nin as cisternas dos gandeiros. Porque ao contrario do que acontece noutros lugares de Galicia onde arde o monte, nesta zona non hai abandono: segue habendo explotacións leiteiras e ao monte sácaselle rendibilidade económica. É unha situación ben distinta á de Ourense, o tradicional buraco negro dos lumes na comunidade. O maior lume do ano en Galicia As máis de 2.300 ha ardidas, segundo o reconto provisional da Xunta, equivalen a máis dunha cuarta parte da superficie total do concello de Trabada (82,71 km cadrados). Só o ardido neste lume é case a mesma superficie que fora queimada até o momento en toda Galicia este ano: 2.600 ha. Non é o primeiro lume importante que se produce no municipio de Trabada, pero si o máis devastador da súa historia. A comezos da década dos 80 outro incendio arrasara 400 hectáreas en tres horas en Fórnea e Vilar. O da pasada fin de semana iniciouse na zona do Bizarro e avanzou cara o lugar de Barreiros e desde aí o vento de sur levouno cara a Penacova (onde se desaloxaron as vivendas por mor do fume e a cercanía do incendio) e Trabadela, na parroquia de Sante; cara O Castro na de Vidal; e San Fernando, en Valboa; para logo irse expandindo cara ás parroquias de Cedofeita e Arante, xa en Ribadeo, con conatos e focos secundarios tamén en Alto de Fórnea e Noceda.
Trabada é un concello eminentemente forestal e gandeiro e tamén arderon pastos
Por parte da Xunta foron despregadas 114 brigadas, 78 motobombas, 6 avións e 3 helicópteros pero as fortes rachas de vento obrigou aos medios aéreos a deixar de voar e os tractores coas cisternas do purín dos gandeiros da zona tomaron o protagonismo para loitar por terra contra as lapas que avanzaban sen control. Arderon tamén numerosos pastos e a discontinuidade que estes provocan na masa forestal non foi suficiente nesta ocasión para deter o avance do lume. O cambio climático muda o perfil dos lumes A riqueza xerada polo monte e a humidade habitual da Mariña alonxaran até agora o perigo do lume dos montes da comarca. Pero as circunstancias cambiaron. “Estamos ante un cambio climático que afecta tamén aquí”, recoñece a alcaldesa de Trabada, Mayra García. “Evidentemente, nada ten que ver como era antes o clima, cando a especie chegou a esta zona, con como é agora”, afirma en relación ás plantacións de eucalipto que hai no municipio. Por iso a rexedora agarda que a Xunta de Galicia, xunto cos propios concellos afectados, que teñen solicitado unha xuntanza con Medio Rural, fagan “un traballo conxunto de planificación e de ordenación das plantacións no territorio”.
Na maior parte das zonas había concentración parcelaria, polo que arderon grandes pezas de monte
A inmensa maioría do monte queimado eran plantacións de eucalipto, agás en Valboa, onde tamén ardeu piñeiro, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia. O monte na maior parte do territorio está concentrado. De feito, agás en Vidal, o resto de zonas ardidas eran zonas de concentración parcelaria, polo que arderon grandes pezas de monte, como unha de 400 ha entre O Castro e Vidal e outra de 200 en Mondigo.
Trabada é un concello eminentemente forestal, pero tamén gandeiro, cun bo número de gandeirías leiteiras, concentradas sobre todo na parroquia de Sante
A alcaldesa non ten dúbidas da intencionalidade do lume e confía en que “a investigación dea os seus froitos e poida caer o peso da lei sobre quen orixinou este dano tan grande”. O lume tamén afectou a infraestruturas como traídas de auga e desde o Concello temen agora que os traballos de saca da madeira queimada dos montes poidan provocar danos nas pistas e estradas municipais. A saca non vai ser inmediata Javier Barcia, de Maderas Barcia, de Lourenzá, tiña madeira mercada en varios montes que arderon, tanto na zona de Trabadela, O Bizarro e Vidal, en Trabada, como en Vilaframil, en Ribadeo. O monte que lle colleu eran superficies grandes todas, mercadas a particulares. “Menos en Vidal as outras zonas de Trabada eran zonas de concentración de monte. En Ribadeo eran fincas máis pequeneiras; tiña varias mercadas na zona de Vilaframil, onde o lume chegou a cruzar a autovía. Estiven case toda a noite e impresionaba ver o lume. Entre a forza do vento e a temperatura, de 25 graos de madrugada, iso era unha bomba”, relata. É moi cedo aínda para decidir o uso final da madeira queimada. “Algún monte que igual estaba máis limpo e no que pasou rápido o lume quizais poidan salvarse os eucaliptos”, confía. Nos casos nos que hai que cortar a plantación, di, a saca non vai ser inmediata. 
A normativa esixe unha espera de dous meses para poder cortar madeira nun monte queimado
“Hai que tramitar os permisos e a normativa esixe un mínimo de dous meses desde que pasou o lume para entrar no monte a cortar”, explica. Ademais, “a madeira queimada ten que ir pelada e para pelala hai que esperar a que retoñen os eucaliptos para que pelen mellor, senón pelan mal”, di. A saca convértese tamén en moito máis “engorrosa” nun monte ardido. “Non dá gusto traballar coas máquinas no queimado, porque hai que andar limpando filtros todos os días”, asegura Javier. Destino da madeira queimada “Esa madeira ten que ir moi limpa para que cha queiran para celulosa”, di. “A que é madeirable hai que pelala pero a perda de valor neses casos non é moi grande se se dá aproveitado toda. O problema é que se está moi queimada, a primeira troza pérdese nalgunha árbore”, explica.
Para que a queiran para celulosa a madeira queimada ten que ir pelada e moi limpa
No caso de que o eucalipto non sirva todo para celulosa e teña que ir para taboleiro xa supón un 30% menos valor. “É distinto que teña que ir para astillar ou para biomasa, que vale tres veces menos”, admite. O problema da saída para biomasa é tamén de capacidade. “Esas fábricas recollen moito menos e ese mercado agora vaise saturar, porque asume menos cantidade de madeira que o da celulosa”, conta.
Se o destino é facer taboleiro o prezo cae un 30% e se vai para biomasa vale tres veces menos
“Isto é malo para todos, é malo para o propietario e é malo para as empresas forestais. Hasta cadrou todo mal, porque coincide coa baixada de prezo que tivo o eucalipto nos últimos meses”, conclúe. Pero os propietarios máis afectados son aqueles con plantacións máis novas. “Se ten menos de 5 ou 7 anos perdes todo, o custo da plantación máis o valor do tempo, porque son anos de crecemento que perdes”, enfatiza Javier. Fincas non madeirables que hai que repoñer Sara Montero é xerente de Edelmiro López SL, unha das empresas forestais asentadas no concello de Trabada e á que lle arderon máis de 50 ha, entre elas unha finca grande no Castro. “Nós en particular temos un reconto de entre 54 e 57 hectáreas afectadas, 37 delas nunha soa peza cara a Valboa que xa nos ardeu tres veces, unha das veces, cando aínda vivía meu avó, por un chispazo na liña eléctrica”, conta.
A madeira de menos de 10 anos non é polo xeral madeirable nesta zona e a súa extracción supón uns custos importantes
“Nesa finca a plantación podía ter uns 6 anos, polo que non é madeirable, pero para volver a plantar hai que cortar primeiro. Imos esperar a ver se hai rebrote, porque os traballos forestais de corta e saca desas árbores supoñen un custo importante”, di. Sara calcula un mínimo de 20€ por tonelada extraída o custo de sacar esa madeira delgada a un parque, polo que o importe total de sacar e repoñer a plantación ascendería a uns 3.000 €/ha. “Sería o custo de volver poñer a producir ese monte”, indica.
Os turnos de corta nesta zona son máis longos que na Terra Chá e lógranse boas producións, de 400 ou 450 toneladas por hectárea
 “Estamos esperando a ver se a Xunta saca algún fondo de compensación, ou se se tramita por parte dos concellos afectados unha solicitude de zona catastrófica para poder acceder a cartos da Unión Europea para que todo o monte que se queimou se poida volver a poñer en produción”, propón. “En Vidal non hai concentración coma noutras parroquias, temos minifundio e o lume afectounos a todos os veciños en maior ou menor medida. As plantacións de eucalipto aquí son moi importantes para a economía das familias”, destaca. “O monte estaba limpo” Sara insiste en que o monte que ardeu estaba coidado. “Os veciños en Trabada estamos concienciados de que hai que ter o monte limpo. Estaba desbrozado e había cortalumes pero era un incendio de copa que se propagaba saltando por arriba, iso é moi difícil de parar”, di.
Foi un incendio de copa que se propagaba saltando por enriba; iso é moi difícil de parar
Non ten tampouco dúbidas na intencionalidade da orixe do lume porque “houbo xa un conato de incendio en agosto en Barreiros que lograron apagar”, lembra. Pero desta vez, di, “deuse a tormenta perfecta polas condicións climatolóxicas que había”. Con afán construtivo, para evitar novos lumes no futuro, Sara propón mellorar o mantemento das infraestruturas de auga e a creación de novos depósitos. Tamén que por parte do Concello se merquen mangueiras e conectores para poder enganchalas ás cisternas agrícolas “porque se demostrou que foi o recurso máis válido para apagar o lume”, di.
As cisternas dos gandeiros demostraron ser o recurso máis válido para apagar o lume
“A axuda dos veciños foi a máis importante, mesmo máis que os medios públicos profesionais despregados. Foi incrible a unión e a mobilización da xente. O lume empezou ás 3 da tarde e os hidroavións voaron ata as 7 pero despois pararon polo vento e xa non volveron”, lembra. Entre 12 e 15 millóns de euros en perdas directas O concello de Trabada levaba 40 anos sin un incendio forestal importante. O último gran lume produciuse no ano 1982, lembra Daniel Villapol, de Maderas Villapol SA, e foi o detonante das concentracións de monte levadas a cabo no municipio. “Aquel incendio tivo lugar na zona do Vilar e saltou a Arante. Eran leiras moi longas pero moi estreitas. A raíz daquel lume decidimos ordenar o monte e facer as cousas doutra maneira. Foi indirectamente o que nos levou a facer a primeira concentración privada, onde se creou a SAT Costa e Granda, con 250 ha. Fora o primeiro exemplo de concentración privada e fixérase en 14 meses”, destaca.
O 67% do termo municipal de Trabada é monte e o lume calcinou o 15% da superficie forestal do concello
Hoxe, a maior parte do monte do municipio está ordenado. “Esta zona da Mariña é a número un á hora de traballar o monte en Galicia. O que ardeu estaba ordenado a todos os efectos, con pistas, cortalumes, balsas de auga e todas as medidas que hai que ter”, asegura. Como mínimo, calcula Daniel, as perdas directas por parte dos propietarios forestais afectados polo lume, uns 1.000, estarían entre os 12 e os 15 millóns de euros. “A desgraza é moi grande, unha verdadeira pena”, lamenta. Afectada un 10% da SAT Monte de Trabada Na parroquia de Trabada o lume afectou a unhas 130 ha, das 1.250 totais da SAT Monte de Trabada, constituída no seu día por 302 propietarios. Deles medio cento teríase visto afectado polo lume da pasada fin de semana, xa que dentro da superficie da SAT hai parcelación individual e cada un conserva a propiedade sobre as súas fincas, aínda que o plan de cultivos e toda a plantación trala concentración se fixo en conxunto. A maior parte da superficie queimada da SAT estaba plantada do ano 2007 e 2008, unhas 100 ha con clon de eucalipto glóbulus e 30 con piñeiro pinaster. “O piñeiro non queda outra que cortalo, xa que ao pasar o lume morre, porque aínda que non se queime, a calor colapsa a sabia e a árbore acaba morrendo", explica Daniel. Cos anos que tiña, uns 15 dun turno de corta total de 24-25 anos, o aproveitamento que se vai poder facer del vai ser limitado. “Fixérase unha poda baixa e unha limpeza hai 2 ou 3 anos e estaba prevista facer unha clara agora. No momento do torno no que está case todo vai ter que ir destinado a trituración, porque non dá aínda madeira de calidade para aserrado, polo que perde moito valor, aproximadamente entre 7.000 e 8.000€ por hectárea”, calcula.
As perdas no valor da madeira en plantacións de 15 anos son duns 7.000 euros por hectárea, tanto no caso do piñeiro como do eucalipto
No caso do eucalipto, “pode vivir tralo incendio, pero se lle afectou moito a calor volve brotar por el arriba e non se desenvolve ben, polo que hai que cortalo tamén", di. “Faltábanlle como mínimo 4 ou 5 anos para a corta, porque o clon de glóbulos na costa necesita entre 18 e 22 anos para chegar ao momento adecuado de rendemento e nestes últimos anos é cando realmente acumula máis toneladas, polo que as perdas son tamén importantes, de entre 6.000 e 7.000€ por hectárea”, indica. A maiores, di, cortar este eucalipto “ten maior custo de aproveitamento”. “Non vai descortezar ata a primavera que vén e vai perder peso. E parte del non valerá para celulosa, que é moi esixente con que non vaia nada manchado. Se ten que ir para taboleiro o valor é entre un 20 e un 30% menor”, aclara. Deterioro no chan para a vindeira plantación Daniel teme tamén que o lume producido e o medo a que se repita un incendio destas características nos vindeiros anos podan levar ao “abandono” do monte. “A xente nova está menos vinculada ao monte e a xente maior non sei se se vai animar a plantar. O temor a que se repita o lume vai estar aí e ao ser intencionado máis aínda, porque o risco é maior, polo que moita xente é posible que deixe de plantar ao velo como un investimento inseguro”, di. Plantar una hectárea de monte con eucalipto custa neste momento entre 1.600 e 2.000 euros, dependendo da dificultade, unha cantidade importante á que facer fronte por parte dos propietarios. “Vai ser difícil acceder a axudas da Administración para volver a plantar eucalipto polo que vai haber abandono do monte, porque vai haber xente que vai desistir de facer un investimento importante ante o risco. O lume vai desanimar á xente e o monte vai perder valor”, considera.
O monte vai ter unha produtividade menor cando se volva plantar nese solo queimado
Ao feito de ter que agardar alomenos 20 anos para recuperar o investimento realizado, súmase a menor produtividade do monte tralo incendio. “O solo nesta zona non é moi rico e hai un deterioro importante no chan polo lume, polo que a plantación posterior vai ter menor crecemento. Algunhas zonas pendentes van ter perda de solo, iso vai conlevar que a seguinte produción sexa menor”, advirte Daniel. O  valor da madeira pode multiplicar por 10 o custo da plantación, en función da especie plantada, o seu crecemento, a ubicación da parcela e o prezo que teña a madeira nese momento da venda, pero haberá que alongar máis anos o turno de corta para compensar o déficit de crecemento da nova planta nun solo desnudo e sen materia orgánica.  

 “O eucalipto non é a razón para que arda o monte, máis ben é a razón para que non arda"

Vacas nun pasto da zona de Barreiros (Trabada) con lume de fondo o pasado venres día 13 Desde a outra punta da comarca da Mariña, Manuel Galdo, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (PROMAVI) pon o foco en non culpabilizar ao eucalipto do acontecido.   “O eucalipto non é o culpable, el só non planta o lume. Pero  se se planta cando está todo seco, o monte de eucalipto tamén arde. Ese sambenito de que o eucalipto arde máis sempre o temos os produtores de eucalipto, aínda que o eucalipto non é a razón de que arda o monte, máis ben é a razón de que non arda”, argumenta. “Afortunadamente nesta zona levabamos moito tempo sen o que se dera un gran incendio, que é aquel que supera o límite das 500 ha; levabamos na Mariña máis de 20 anos, cerca de 30, sen un lume desta consideración”, explica. Crear discontinuidade no monte Segundo a información achegada polo Pladiga 2023, o ano pasado arderon en Galicia un total de 51.642 hectáreas, das que 34.876 eran superficie de monte raso e as restantes 16.766 tratábanse de zonas arborizadas, unha parte mínima delas con eucalipto. Neste sentido, o informe forestal sobre o eucalipto na cornixa cantábrica, editado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose), desmonta o mito sobre os supostos riscos asociados á especie e centra a cuestión: o risco non é a especie, senón a falta de xestión do monte ou un mal manexo técnico. Por iso, desde as asociacións de propietarios forestais avógase por optimizar o seu cultivo, integrándoo en paisaxes rurais máis resilientes ante os incendios e os riscos asociados ao cambio climático.
As masas continuas de eucaliptais deberían ter outras franxas intermedias de caducifolias que amortiguen o avance do lume. Pero, é iso factible co actual modelo de propiedade do monte?
O manexo das plantacións de eucalipto, considera Manuel, é compatible co mantemento de franxas de frondosas caducifolias alí onde tecnicamente sexa aconsellable (vagoadas con regatos, entorno de vivendas e núcleos de poboación, proximidades de vías de comunicación, etc.), que exercerían unha función de atenuación do lume. Pero advirte, “nunha zona de concentración parcelaria pódese pedir que haxa iso, pero onde non hai concentración non. A parcela media en Galicia é de 2.000 metros cadrados; non se pode pedir habendo ese parcelario que haxa franxas de protección de frondosas”, argumenta. Cumprir a normativa en canto a distancias de plantación Manuel destaca a ordenación forestal de Trabada. “As plantacións que hai alí son o exemplo para toda Galicia. Houbo concentración parcelaria e as fincas son todas de 1 hectárea para arriba, cando o resto de propietarios de monte estamos contando aínda por ferrados”, compara. Outro dos aspectos nos que fai fincapé é no respecto ás necesarias distancias de plantación que marque a normativa en cada momento. “A lexislación que hai en vigor por parte da Xunta de Galicia estamos de acordo en que se aplique. As administracións, en plural, teñen que velar porque se cumpra”, insiste.
O Concello de Ribadeo levou a cabo nos últimos anos campañas de limpeza das faixas de protección arredor das casas
O Concello de Ribadeo levou a cabo nos últimos anos importantes campañas de cumprimento da normativa de distancias de plantación e limpeza das faixas secundarias no entorno dos núcleos de poboación, vivendas illadas, vías de comunicación e demais infraestruturas, mentres no caso de Trabada “había franxas de separación creadas polos pastizais, porque é unha zona de forte implantación gandeira”, destaca Manuel. “A distancia ás vivendas é o que debe primar. Neste caso houbo desaloxos pero non ardeu ningunha casa, como arderon noutras zonas de Galicia en anos pasados”, compara.
O monte na Mariña arde sobre todo en outubro, que é cando a maleza está seca
“O monte nesta zona da Mariña non estaba descoidado ou abandonado pero iso non evita que se o incendio foi provocado, con temperaturas de 30 grados, vendaval e todo seco despois dun mes sen chover, o monte arda”, recoñece Manuel. “O outono é nesta comarca a época máis complicada”, asegura. E considera que coas condicións que se deron o incendio era imposible de frear. “As pistas de acceso son fundamentais á hora de facer xestión forestal e tamén á hora de apagar o lume e aquí habíaas. Tamén había cortalumes, aínda que non hai cortalumes mellor que a autovía e cruzouna. Por iso o que podemos dicir é que afortunadamente choveu”, resume.  

Imaxes que deixa o incendio

I) Terreo forestal varios días despois do comezo do incendio. Estas tomas reflexan unha das primeiras zonas devastadas, comprendendo principalmente Barreiros, parte de O Bizarro e Trabadela. O vídeo finaliza en dirección ao avance do incendio cara a zona de Penacova, a cal tivo que se desaloxada no seu momento. II) Continuación do avance do lume desde os puntos de partida de O Bizarro e Barreiros. Nesta ocasión vense parcelas comprendidas entre Vidal e O Castro en paralelo á carretera LU-132. Esta toma finaliza nunha casa de Trabadela, unha máis das afectadas pola proximidade ao lume. O incendio continuou cara as zonas de Valboa, San Fernando, Cedofeita ou Arante polo que no vídeo tan só aparece unha parte da súa magnitude. III) Vista a pé da LU-132, a altura de Chao do Sevil, sobre o avance por vento de sur-sureste na primeira hora do incendio

A Xunta e 250 Concellos impulsan brigadas municipais que revisarán a biomasa das faixas de seguridade

A Xunta está a asinar convenios con preto de 250 Concellos galegos para que poidan constituír as brigadas municipais contraincendios, que este ano se encargarán tamén -como novidade- de revisar o estado de xestión da biomasa nas franxas secundarias, isto é, nas dos 50 metros máis próximos ás vivendas. Así mesmo, no mes de xuño un grupo de supervisores da empresa pública Seaga comezará a encargarse tamén deste tipo de traballos. En canto ás brigadas municipais, coa sinatura dos pertinentes convenios entre a Xunta e os respectivos Concellos, os consistorios están en disposición de constituír brigadas de cinco compoñentes cada unha, para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa contra os incendios forestais, así como de actuacións preventivas de control de combustible. A maiores, este ano tamén se contempla no marco dos convenios que se poidan encargar da inspección do estado de xestión de biomasa das parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, como tarefa prioritaria de cara á anticipación dos lumes. Este labor de revisión das franxas máis próximas as casas será tamén cometido do grupo de supervisores da empresa pública Seaga, que comezarán a operar no mes de xuño no marco do convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e Seaga. Un convenio ao que están adheridos un total de 279 concellos, que representan o 89% dos municipios galegos. Cabe lembrar que no marco deste acordo este ano tamén se implementou como novidade un visor público para que os cidadáns dos concellos que contan xa co seu plan municipal de prevención aprobado poidan consultar as parcelas incluídas nas faixas secundarias, co gallo de impulsar a súa prioritaria limpeza.

Medio Rural crea as figuras de paisaxes cortalumes e de áreas estratéxicas de xestión contra incendios

A normativa de protección contra incendios actualizarase previsiblemente este ano cunha nova normativa, a Lei de Loita Integral contra Incendios Forestais, que inicia agora o seu proceso de información previa, antes de entrar no Parlamento. A normativa, que se abordou hoxe no Consello da Xunta, substituirá á Lei de Prevención dos Incendios Forestais, aprobada no 2007 e sometida desde entón a numerosos cambios. A Lei de Loita Integral que se proxecta agora manterá a esencia daquela Lei de Prevención de Incendios, pois segundo anunciou o presidente da Xunta, manteranse as franxas de xestión de biomasa xa definidas: as primarias arredor das vías de comunicación, as secundarias arredor dos núcleos de poboación e as terceiras, aos lados das pistas forestais. As principais novidades sitúanse no campo dos proxectos de actuación da Administración. Medio Rural creará dúas novas figuras de zonificación do territorio, a efectos de programar a xestión e ordenación de usos. Son as paisaxes cortalumes e as áreas estratéxicas de xestión (contra incendios), que se definirán nos correspondentes plans de prevención por distrito forestal, que substituirán ós actuais plans municipais. Paisaxes cortalume O obxectivo declarado das paisaxes cortalume é o de impulsar a actividade agrícola, gandeira e forestal sostible nas zonas onde se detecten máis riscos de lumes, a fin de avanzar cara unha paisaxe mosaico, con discontinuidades nas masas forestais por aproveitamentos agrogandeiros, así como con teselas de diversas especies nas propias masas forestais, combinando aquelas que son máis inflamables coas que presentan unha velocidade máis reducida de avance dos lumes, como as frondosas caducifolias. Nas paisaxes cortalume, Medio Rural prevé impulsar os polígonos cortalumes, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, e as agrupacións forestais de xestión conxunta, especialmente diversificando as masas forestais nas franxas de biomasa arredor dos núcleos de poboación, con emprego de froiteiras e frondosas caducifolias. Tamén se lle quere dar máis peso ó silvopastoreo. Áreas de xestión As áreas de xestión, segundo avanzou a Xunta, serán zonas de actuación singularizada no territorio nas que se optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios. Outra novidade chegará da man dun mapa dinámico de incendios forestais, no que se zonificará o territorio desde a perspectiva do risco de incendios. Para iso terase en conta a vexetación existente, a recurrencia histórica de lumes e as súas causas. Por último, a Xunta anuncia a creación dun Consello de Loita contra os Incendios Forestais de Galicia, que será un órgano colexiado consultivo e de asesoramento. Ausencia de valoracións do sector Desde as asociacións do sector forestal, non valoraron de momento o anteproxecto da Lei de Loita Integral contra Incendios, xa que aseguraron hoxe que aínda non tiñan o borrador. Está previsto que este anteproxecto se debata o próximo martes no Consello Forestal, pero desde as asociacións do sector pregúntanse como vai ser posible ese debate se aínda non coñecen o texto. Diversos colectivos forestais xa teñen criticado nos últimos anos o papel do Consello Forestal de Galicia, que de órgano consultivo da Administración pasou máis ben a desempeñar unha función de foro no que a Administración informa das súas decisións e medidas.

Principais novidades do Plan de Prevención de Incendios Forestais de Galicia 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa; subliñou a “novidade” de contar cun visor público en liña para que calquera cidadán saiba que parcelas deben estar acondicionadas; e valorou a implicación das brigadas forestais na revisión das faixas preto das casas para que a xestión da biomasa sexa a correcta, xa que ata o de agora só se encargaban dos labores de roza e extinción. Ademais destas accións no territorio, Conde puxo en valor actuacións dirixidas á concienciar a poboación que se recollen no Plan de prevención de incendios forestais —ao que hoxe o Consello da Xunta lle deu o visto e prace— como as máis de 300 charlas en centro educativos de Galicia ou accións de formación en 40 parroquias de alta actividade incendiaria do rural. Conde precisou que o plan estará en vigor ata marzo do próximo ano 2024 (incluído) e prevé actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre a creación de puntos novos e o mantemento dos existentes. No que se refire ás queimas prescritas, deica marzo de 2024 está previsto executalas en máis de 2.100 hectáreas. O plan contará cun orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17 % de aumento con respecto ao de 2022.

Principais novidades

Conde explicou que coa incorporación de diversas novidades, búscase reforzar a revisión e xestión da biomasa nas franxas secundarias (as máis próximas ás vivendas), tendo en conta ademais que son xa 279 os municipios adheridos ao convenio de protección das aldeas entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, o que supón o 89 % do total. Deste xeito, avanzou que están previstas xa 2.790 hectáreas de execucións subsidiarias no marco do acordo, cifra que podería aumentar coas actuacións en concellos piloto. Unha desas novidades é un visor público ao abeiro do convenio, que mostrará aos cidadáns, para a súa consulta e posterior limpeza, as parcelas dentro das faixas (en concreto, dos concellos con Plan municipal de prevención aprobado). Así mesmo, incorpórase a revisión para comprobar o nivel de xestión dos predios das franxas secundarias nos convenios de brigadas que mantén o Goberno galego cos consistorios, que ata agora se centraban en labores de roza e de extinción.

Obxectivos xerais

O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede de infraestruturas preventivas correctamente dimensionada, e mantela en bo estado de conservación. Trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas, e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros, así como de desenvolver un plan de queimas prescritas, avaladas polos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, co fin de reducir a biomasa en lugares estratéxicos. Neste caso, prevese actuar en máis de 2.100 hectáreas, triplicando as preto de 700 ha realizadas desde abril pasado. A concienciación da poboación sobre o risco que supoñen os incendios forestais e os seus impactos negativos é outra das finalidades do plan, que incidirá sobre todo na poboación rural e tamén na comunidade educativa. Así mesmo, trátase de regular o uso do lume polos cidadáns en función do risco esperado e de manter informados os habitantes do rural, así como de colaborar coas administracións e cos organismos implicados na prevención de incendios, coordinando as actuacións para lograr unha maior efectividade das medidas. Este plan estrutúrase en dous grandes bloques. Por un lado, a programación de medidas e accións dirixidas á poboación e, por outro, as centradas no territorio. As primeiras teñen que ver, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar. Así, están previstas un total de 304 charlas, 16 en cada distrito forestal, dirixidas a estudantes de diferentes niveis, que serán impartidas por axentes ambientais e técnicos. Nesta mesma liña, tamén se prevén accións de formación dirixidas á poboación rural -como 40 charlas en parroquias de alta actividade incendiaria-, así como campañas de difusión en medios de comunicación. Neste punto tamén se inclúe a tramitación do anteproxecto da Lei integral contra os incendios forestais ou o desenvolvemento do Centro Integral para a Loita contra o Lume de Toén (Ourense), que ten xa en funcionamento as pistas de adestramento para vehículos todo terreo e motobombas.

Accións no territorio

O segundo gran bloque deste pan preventivo céntrase nas medidas e accións dirixidas ao territorio. Neste amplo abano intégranse por exemplo as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa, tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas e devasas en terreo forestal, fundamentalmente). En relación coas faixas máis próximas ás casas, o plan integra, entre outras accións, as vinculadas ao convenio de colaboración subscrito coa Fegamp e Seaga para a protección das aldeas. Así, ponse en valor o feito de que xa estean adheridos ao acordo o 89 % dos municipios galegos (279 en total), así como de que xa estean elaborados 273 plans municipais de prevención (representan case o 98 % dos concellos adheridos) e 216 plans aprobados (máis do 79 % dos elaborados). No marco do avance na elaboración destes plans, este ano -como novidade- ponse á disposición un visor de faixas secundarias de xestión de biomasa, accesible para toda a cidadanía. En concreto, aparecerán delimitadas as faixas secundarias daqueles concellos que teñan o Plan de prevención aprobado, de xeito que calquera persoa poderá visualizar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e superficie afectada pola faixa, co fin último de garantir a prioritaria xestión da biomasa nas contornas das vivendas, de cara á anticipación aos incendios forestais. No plan recóllense datos relativos á xestión da biomasa, tanto en parroquias priorizadas como non priorizadas dentro deste convenio, así como as execucións subsidiarias previstas ou os labores en vías de titularidade municipal. No caso das execucións subsidiarias, cada concello dos 279 adheridos poderá solicitar ata 10 hectáreas de actuación, ata un total de 2.790 ha; pero os designados como concellos piloto (de momento, As Nogais, Monterrei, Cualedro, Lobios, Carnota, Gondomar e A Gudiña) non terán límite, polo que se prevé que esta cifra aumente. A maiores, recóllense as iniciativas veciñais realizadas e as actuacións mecanizadas previstas (mediante o uso de ata 35 tractores e de maquinaria multifunción). Canto á planificación dos labores preventivos, recóllense os que está previsto realizar con medios propios (incluídas as queimas prescritas), os contratados, os desenvolvidos mediante subvencións e os enmarcados en convenios coas entidades locais. Estes últimos refírense ás motobombas, ás rozas ou á constitución de brigadas, neste último caso, con novidades, xa que incorporan para a súa subvención a inspección do estado de xestión de biomasa das parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, máis aló da extinción e da prevención mediante roza. A estes acordos cómpre engadir os convenios entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as deputacións provinciais para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), que tamén desenvolven, entre outros, traballos preventivos; ou o convenio coa Deputación Provincial de Ourense e 13 concellos da provincia para a dotación de tractores e rozadoiras. Con respecto aos puntos de auga, prevese actuar en case 4.840, entre o mantemento dos existentes e a creación de puntos novos. Este plan preventivo integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2023 que, como é habitual, se aprobará antes do inicio da tempada de alto risco de lumes, que se iniciará o 1 de xullo.

Aposta pola prevención

A implicación da Administración autonómica nas actuacións preventivas incrementouse notablemente nos últimos anos. No ano 2020 o orzamento roldaba os 30,5 millóns de euros, que pasan aos case 39 millóns da actualidade, dende entón propóñense actuacións que cada ano superan os 5.000 km de pistas e que en hectáreas se achegan na actualidade a 60.000 (partíase en 2020 de preto de 46.000). Un punto destacado neste senso é a importantísima evolución do convenio de colaboración coa Fegamp e Seaga, principalmente desde o ano 2021. Así, entre 2021 e 2022, inspeccionáronse un total de 84.914,57 hectáreas de 1.243.069 parcelas incluídas na rede de faixas secundarias de xestión da biomasa. No relativo á superficie xestionada, ben polos propietarios ou ben de xeito subsidiario, pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70 % en 2022. Ademais, os propietarios das parcelas non xestionadas están sendo obxecto da correspondente notificación, advertíndolles da repercusión do custo e da imposición de sanción en caso de incumprimento. Estamos a falar, desde o ano 2021, de 250.303 notificacións xeradas e de 208.635 referencias catastrais para publicar en diarios oficiais. Con base no convenio e como reforzo das actuacións preventivas propias deste plan, proseguiuse coa cesión de maquinaria para empregar con este fin. Deste xeito, durante os anos 2021 e 2022 foron beneficiados directamente 55 concellos. Ademais, cedéronse tractores para uso do persoal propio dos distritos forestais, que actuaron en concellos adheridos da súa demarcación.

A Xunta destina 13,4 millóns de euros a contratar 8 helicópteros contra incendios ata o ano 2026

Helicóptero da Xunta para a loita contra os lumes. Foto: Arquivo O Consello da Xunta autorizou este xoves á Consellería do Medio Rural para que proceda á contratación de oito helicópteros de tipo lixeiro destinados á loita contra os incendios forestais ata o ano 2026, por un importe total de 13,4 millóns de euros. En concreto, contratarase o servizo de seis helicópteros de extinción con dúas brigadas helitransportadas e outros dous helicópteros de coordinación cos seus técnicos correspondentes.
A Consellería do Medio Rural amplía o tempo de contratación anual dos helicópteros de extinción, pasando de 3,5 a 5 meses ao ano dispoñibles
"Esta licitación persegue unha loita contra os incendios forestais eficaz. Tendo en conta o número medio de lumes e a súa simultaneidade, cómpre dispoñer de medios aéreos que poidan chegar a calquera punto da xeografía galega e na maior brevidade posible”, xustifica a Xunta. Medios aéreos dispoñibles Xunto co servizo destas aeronaves, tamén se contratan dúas brigadas helitransportadas compostas por un total de 12 persoas entre técnicos de brigada, peóns condutores, peóns e emisoristas. A Xunta dispón dunha brigada helitransportada propia para este tipo de helicópteros e prevese a creación doutras tres brigadas propias máis.
A Xunta dispón dunha brigada helitransportada propia para este tipo de helicópteros e prevese a creación doutras tres brigadas propias máis
En canto aos dous helicópteros de coordinación, o servizo tamén inclúe ata oito profesionais entre técnicos coordinadores e técnicos analistas de imaxes e vídeos. Estas dúas aeronaves empregaranse nas tarefas de vixilancia e coordinación dos medios aéreos durante os labores de extinción dos lumes que se producen. O Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta disporá para a vindeira tempada de alto risco de incendios dun total de 18 medios aéreos, entre helicópteros de extinción e coordinación e avións de carga en terra. A estes súmanse os cedidos polo Goberno central ata completar unha trintena de aeronaves, ao igual que na época de alto risco deste ano.

Medio Rural destina 8,3 millóns de euros para vehículos do servizo de extinción de incendios

O Consello da Xunta autorizou á Consellería do Medio Rural para a compra de 15 motobombas e 12 batracios -que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer-, coa opción de adquirir ata cinco vehículos máis en 2023. Con este investimento, a Xunta sinala que trátase de garantir o éxito das operacións de defensa contra os incendios forestais, incrementando a seguridade do persoal e apostando por medios de prevención que minimicen a carga de biomasa nos montes galegos En concreto, prevense comprar 15 motobombas por un importe de 4,2 millóns de euros e outros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer, por importe de 4,16 millóns de euros. Así, vaise licitar a compra de 15 vehículos motobomba que terán unha capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de cabida útil de auga. Doutra banda, Medio Rural sinala que cómpre afondar nos medios relacionados con traballos preventivos nos montes, de cara a minimizar a carga de biomasa e, polo tanto, reducir tamén a virulencia dos incendios forestais. Así, a Consellería sacará a licitación a compra de 12 batracios, que permitirán desenvolver traballos de limpeza e mantemento de pistas forestais, liñas de defensa contra incendios e cortalumes. Tamén se empregarán no mantemento de puntos de auga e apoio nas queimas prescritas que se levan a cabo no dispositivo de prevención contra incendios forestais. Ademais, poderanse empregar, en caso necesario, para tarefas de extinción de lumes. Cómpre salientar que a compra de todos estes equipamentos está financiada ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2014-2020, cuxa execución se prolongou ata o 2022. Por último, cabe indicar que, en ambas as licitacións, se especifica unha cláusula de modificación do contrato que permite a compra de ata 3 vehículos motobombas e 2 batracios adicionais no ano 2023, a través do programa operativo Feder 2014-2020. O importe máximo destas adxudicacións será de case 700.000 euros no primeiro caso e de 580.000 euros no segundo. Investimentos adicionais no 2022 A parte dos investimentos anteriores, neste ano 2022 mercáronse outras 13 novas motobombas por importe de 2.717.000 euros, que serán entregadas no ano 2023 e que están financiadas con fondos NextGeneration da UE. Renovación do parque móbil da Consellería Medio Rural informou tamén recentemente dun investimento de 7,5 millóns de euros dirixido a renovar o parque móbil da Consellería. En concreto, este ano investiranse 3,8 millóns de euros para 89 vehículos de axentes ambientais e persoal técnico, en tanto que no 2023 destinaranse 2,7 millóns de euros para 61 vehículos. Outro millón de euros irá a parar ó renting de 137 pick-ups para as brigadas de 6 meses dos servizos de extinción.

A Xunta regula a comercialización do carbono capturado nos montes para frear a especulación

A comercialización do carbono almacenado nos montes convertiuse nos últimos anos nun aproveitamento forestal de gran atractivo. O sistema beneficia tanto a comunidades de montes e propietarios forestais, que poden vender parte do carbono atmosférico capturado nos seus montes, como a aquelas empresas e institucións que queren compensar voluntariamente a súa pegada climática coa compra dese carbono. O problema radica en determinadas empresas que operan como intermediarias entre uns e outros, pois en ocasións estábanse quedando con porcentaxes de ata o 50% do valor do carbono. Nun intento de frear ese escenario de especulación, a Xunta decidiu regular a comercialización do carbono capturado nos montes a través da Lei de acompañamento dos presupostos, que previsiblemente se aprobará antes de fin de ano no Parlamento galego. A normativa proposta pola Administración busca dotar de maior transparencia ó sistema. Calquera cesión ou venda de carbono que decida unha comunidade de montes terá que ser aprobada en asemblea pola maioría dos comuneiros, que deberán representar ó 50% da comunidade en primeira convocatoria ou ó 30% en segunda. Esixirase ademais que a asemblea teña a súa disposición un informe económico que analice as obrigas que o negocio xurídico supón para a comunidade, especialmente no referido ó periodo de conservación da masa, así como unha xustificación de que o prezo proposto responde a valores de mercado. En canto ós negocios xurídicos formalizados polas comunidades de montes antes da entrada en vigor da nova normativa, a Xunta sinala que deberán considerarse actos de disposición, polo que, no caso de que non fosen refrendados en asemblea polas maiorías pertinentes, serán nulos, sen prexuízo da posibilidade de que poidan someterse á aprobación da asemblea, aprobación que terá efecto desde o momento da súa adopción. A nova regulación establece igualmente que, no caso dos montes de xestión pública, a cesión de dereitos de carbono terá que contar coa autorización previa da Administración e formalizarse en escritura pública, que deberá ser inscrita no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común. A Xunta obrigará a que os acordos inclúan ademais estipulacións no caso de que o cesionario venda os créditos de carbono a un terceiro, no sentido de que a comunidade de montes terá dereito a percibir parte do prezo de transmisión que se estableza. O periodo contractual non poderá ser superior a 30 anos, excepto nos casos en que os anos asociados á quenda de corta da especie principal sexa superior. Outra das cuestións que terán que aclarar os contratos é que sucede no caso dun incendio forestal ou doutra causa de forza maior que impida que a masa forestal capture o carbono proxectado. Funcionamento do sistema En España, o Decreto de Huella de Carbono (2014) estableceu polo de agora dúas vías para proxectos de absorción e compensación de emisións nos montes: a forestación de superficies que estiveran desarboradas desde o 1989 ou a restauración de montes afectados por incendios forestais. En ambos casos, propietarios e comunidades de montes poden inscribir os seus proxectos de forestación no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica. O sistema representa así unha oportunidade para financiar a restauración forestal de montes, pois as empresas interesadas en compensar as súas emisións poden presentarlle ofertas por ese carbono ós propietarios. Deste xeito, o mercado de carbono configurouse como un recurso de gran interese para o propietario, pois cada tonelada de carbono ten un prezo de mercado que ronda os 20 – 30 euros. Se se ten en conta que cada hectárea inscrita pode absorber arredor de 250 – 350 toneladas, en función do tempo de permanencia da masa e da densidade de plantación, os ingresos que pode xerar o carbono rondan na práctica unha media de arredor de 6.000 - 7.000 euros por hectárea. O problema radica na aparición de empresas intermediarias que, en ocasións, reservábanse ata o 50% do valor do carbono do monte. De cara a protexer os dereitos das comunidades de montes e propietarios, a Consellería do Medio Rural mesmo baralla aprobar modelos tipo orientativos de contrato, de utilización voluntaria.

Rexistro autonómico de proxectos de carbono

En paralelo a unha maior regulación sobre as compras vendas do carbono forestal, a Xunta proxecta crear un Rexistro de CO2 alternativo ó do Ministerio, asumindo así as súas competencias na materia. En concreto, o borrador da Lei de acompañamento dos presupostos establece que “a Xunta de Galicia poderá articular un sistema de créditos de carbono de carácter voluntario cun rexistro no que se poderán inscribir aquelas persoas titulares dos dereitos derivados do aumento de carbono almacenado grazas as súas actividades. Este sistema servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos ben como intermediarios ou ben como axentes finais, co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións” As comunidades de montes e propietarios que desexen inscribir proxectos no sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia deberán cumprir, cando menos, cos seguintes requisitos: - Dispor dun instrumento de ordenación forestal aprobado pola Administración. - Realizar tomas de parcelas de mostraxe de inventario forestal, de xeito complementario ós requisitos establecidos no Decreto 52/2014 de ordenación e xestión dos montes. - Estar suxeitos a auditorías continuadas e permitir a entrada ao persoal responsable do sistema de créditos de carbono da Xunta, así como cooperar con eles no que fora necesario a fin de dotar da maior transparencia ó sistema, en particular na detección de posibles casos de dobre contabilidade en materia de créditos de carbono en Galicia. - Permanecer no sistema alomenos os anos que corresponda a quenda de corta da especie principal da masa.
Fe de erratas: Nun inicio, informouse de que a cesión dos dereitos de carbono terá que contar coa autorización previa da Administración galega, pero iso só é aplicable no caso dos montes de xestión pública. https://www.campogalego.gal/como-funciona-o-mercado-de-carbono-no-monte-galego-luces-e-sombras/

A falta de limpeza de fincas centra as queixas do agro á Valedora do Pobo

A Valedora do Pobo é un organismo no que a cidadanía adoita buscar amparo cando lle fallan o resto de institucións. O seu informe anual de queixas é un termómetro das preocupacións sociais que teñen complicada solución. Un ano máis, o ránking de problemas difíciles encabézao a falta de limpeza de fincas forestais próximas a vivendas. Arredor da metade de expedientes ligados ó rural que tramitou a Valedora, 53 de 105, corresponden a esta cuestión. A falta de xestión de biomasa forestal é un problema xeneralizado en toda Galicia, como proba que as queixas chegadas ó organismo proceden de tódalas provincias, tanto de áreas metropolitanas como de comarcas rurais da costa ou do interior. Cando lle chega unha queixa deste tipo, a Valedora adoita trasladarlle a cuestións ós Concellos implicados. Os gobernos locais son os encargados de contactar cos propietarios para emprazalos ós correspondentes desbroces. De non proceder os propietarios á limpeza, os Concellos poden aplicar multas coercitivas e proceder á execución subsidiaria, cargándolle os custos ós propietarios, segundo lembra a Valedora no seu informe 2021. Distancias de arborado e plantacións ilegais Un segundo foco de queixas ligadas coa prevención de incendios atópase nas distancias do arborado ás vivendas e nas plantacións ilegais, en especial de eucaliptos, en terreos nos que esta especie está prohibida. Por estes motivos, a institución recibiu unha ducia de reclamacións. A Valedora do Pobo sinala que o proceso para solventar este tipo de cuestións é complexo, pois inclúe inspeccións e medicións sobre o terreo dos axentes forestais, así como a determinación dos propietarios implicados. En caso de que non se localice ós propietarios, haberá que proceder a publicacións nos diarios oficiais (Boe e Dog), o que dilata os trámites e os prazos a cumprir. “Debido á complexidade do expediente e os medios con que contan os pequenos Concellos, a finalización dos expedientes con execución subsidiaria prolóngase no tempo”, recoñece a Valedora. Outras cuestións forestais No informe de actividade da Valedora do último ano, hai outra cuestión forestal a destacar, a queixa de asociacións de Riotorto, Meira, A Pontenova e Pastoriza (Lugo) polas taxas municipais á extracción de madeira. Desde o punto de vista da Valedora, trátase de taxas acertadas, pois actividades como a forestal ou a das canteiras implican un impacto para as pistas. “O obxectivo da taxa é que os danos causados á rede viaria municipal sexan soportados polos causantes dos mesmos, que obteñen un beneficio pola realización da súa actividade”, subliña. Cuestións agrarias En cuestións estrictamente agrarias, a concentración parcelaria volve ser un dos motivos máis frecuentes de queixas, por factores diversos como desacordo coas fincas de reemprazo, retrasos, estado de camiños de acceso e outros. Tamén se recibiu unha queixa polas axudas do lobo, en concreto dunha granxa que entendía denegada a súa solicitude de dano por silencio administrativo. É dicir, pasados 3 meses da solicitude non recibira contestación da Consellería de Medio Ambiente. Consultada a Consellería pola Valedora, Medio Ambiente precisou que os seus traballadores non tiveran capacidade para contestar ó expediente en tempo, pero que esa indemnización fóra aprobada por unha resolución posterior, o que deixaba sen efecto a suposta denegación por silencio administrativo.

Pinzás: un rabaño de 60 vacas vianesas para pacer o monte e manter a raia os incendios

Natividad González, presidenta da Comunidade de Montes, e Sara, outra das comuneiras, coas vacas vianesas “Cada 10 anos a costa de Oia arde, é unha constante. Nos últimos anos nós logramos escapar ao lume, incluso nos salvamos da vaga de incendios do 2017, porque tivemos moita sorte e quedamos un pouco no medio”, conta Natividad González, a presidenta da CMVMC da parroquia de Pinzás, en Tomiño, onde nos últimos anos puxeron en marcha un ambicioso programa de pastoreo con gando no monte veciñal. Aínda que os terreos da Comunidade de Montes, situados entre Tomiño, Baiona e Gondomar, se libraron case milagrosamente da ola de incendios que en outono de 2017 cercou a cidade de Vigo, os veciños de Pinzás estaban afeitos a ver o lume preto das súas casas. Por iso quixeron poñerlle remedio.
Contamos con 532 ha nun só monte denominado Cereixo, dedicadas a usos forestais, gandeiros e recreativos
“A idea de recuperar o pastoreo xurdiu no ano 2015 a raíz dunha conversa entre os comuneiros”, explica Francisco Javier López, secretario da Comunidade de Montes. A nova directiva púxose a traballar no proxecto, aínda que os animais non comezaron a chegar a Pinzás até tres anos despois, no 2018. Produción de madeira A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pinzás está formada por 52 veciños comuneiros. A extensión total é de 530 hectáreas de monte, que se reparten entre produción de madeira e pastizais recuperados. “A actividade forestal constitúe unha das nosas actividades principais. Contamos no noso monte con zonas dedicadas a produción de madeira, principalmente piñeiro, e outras zonas con carácter protector nas que hai frondosas autóctonas como os carballos”, explican.
Na zona de onde nos vén habitualmente o lume tiñamos eucaliptos, pero cortámolos e agora imos plantar castiñeiros
“Na zona de onde nos vén habitualmente o lume tiñamos eucaliptos, pero cortámolos e agora imos plantar castiñeiros nunha superficie dunhas 11 hectáreas para manter un pouco o monte protexido do lume”, engaden. A maiores, a nova directiva da CMVMC de Pinzás quixo diversificar os usos do monte, engadindo ao aproveitamento madeireiro o agrogandeiro, así como a vertente social, patrimonial e ecosistémica. “A gandería incrementa a rendibilidade do monte, crea emprego e axuda a previr incendios”, destacan Nati e Fran, que contaron a súa experiencia nas últimas xornadas organizadas pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Recuperar a actividade gandeira tradicional Mapa do monte comunal de Pinzás cos pastizais recuperados “Tiñamos 120 ha de monte raso que eran antigos pastizais que fixeran nos anos 80 a Comunidade de Montes e os veciños. Fixéranse para o gando que había nas casas pero ao ir deixando de haber gando fóranse abandonando e só estaban aproveitados por cabalos salvaxes, que eran os que mantiñan un pouco a raia o mato”, explica Fran. “Máis nas zonas onde non había animais a vexetación medraba moi rápido, así que cando entramos na directiva da Comunidade de Montes no 2015 empezamos a pensar que facer con esas 120 hectáreas”, lembra.
A idea de recuperar o pastoreo xurdiu no ano 2015 a raíz dunha conversa entre os comuneiros
Logo de visitar varias explotacións na provincia de Ourense decantáronse pola introdución de animais de raza vianesa, por tratarse dunha raza autóctona que podía adaptarse ben ás características do monte de Pinzás. “O noso monte atópase entre a Serra da Groba e a Serra do Galiñeiro, a unha altitude media duns 380 metros sobre o nivel do mar e rodea case por completo o núcleo de casas da parroquia. En xeral, os nosos terreos non contan con grandes pendentes, e o punto máis alto é o Alto das Pozas, situado a 600 metros sobre o nivel do mar”, detallan. Aposta pola raza vianesa No 2018 chegaron as primeiras xovencas de raza vianesa a Pinzás. Pero foi un momento crítico, recoñecen, xa que “chegaron as vacas pero pasto non tiñamos, só tiñamos monte raso”, lembran.
Ata que trouxeron as vacas vianesas había cabalos salvaxes que eran os que mantiñan a raia o mato
Foi entón cando se decidiron a crear pastizais e recuperar aqueles que estaban abandonados, unha labor na que contaron coa axuda e o asesoramento técnico do CIAM de Mabegondo. “Se non fora pola axuda do CIAM non teriamos saído adiante”, asegura Nati. 51 hectáreas e 60 animais No 2020 empezaron a facer as pradeiras. “O GDR fíxonos 4 hectáreas de peche e a plantación. Necesitabamos tamén unha nave para gardar o tractor e os apeiros da Comunidade de Montes, que fixemos tamén con axuda do Plan Leader”, conta Fran.
Demóstrase que o monte pode ser pradeira, porque tiñamos zonas pedregosas e mesmo unha que fora aeródromo, con pista de grava, onde a herba se está implantando ben
Ao ano seguinte, os veciños de Pinzás pediron outra subvención da Consellería do Medio Rural, dentro do Plan de Pastos do 2021, para facer 31 hectáreas más. “É o que nos permite sacar adiante os animais, porque é unha zona sen tradición gandeira onde non é doado mercar forraxe. Teriamos que ir a Lugo ou a Ourense e sairíanos carísimo”, argumenta Nati. Cebo dos xatos para venda directa Ademais da recuperación dos pastizais, a realización de peches e instalación de bebedeiros, colocaron un túnel de lona onde ceban os becerros. “Cebamos dous meses, sacrificámolos entre 1 ano e 14 meses cuns 200 quilos. Separamos aos machos para o matadoiro e ás femias, que as recriamos e as vendemos para vida”, detallan.
A carne que producimos repartímola entre os comuneiros e o resto vendémola a particulares
“Para a venda de carne estamos na zona ideal, porque é unha zona de moito consumo pero ao mesmo tempo tamén é unha zona onde se está producindo abandono do rural. A carne que producimos repartímola primeiro entre os comuneiros e o resto facemos venda directa a particulares, pero estanos custando bastante porque aínda non nos demos moito a coñecer”, admiten. Crear emprego A posta en valor do monte é un xeito tamén de xerar emprego, xa que a CMVMC de Pinzás ten persoas contratadas para o coidado do gando e do monte. “Temos dous traballadores que fan traballos forestais de podas e desbroces e que atenden tamén o gando”, explica Fran.
Teñen o Plan Forestal do Monte feito do ano pasado, onde pediron o cambio de uso e delimitaron as zonas de pasto
A recuperación da tradición gandeira da parroquia, o coidado medioambiental do territorio e a educación e sensibilización da poboación son os obxectivos que perseguen con este proxecto integral que aposta pola multifuncionalidade do monte. Uso de novas tecnoloxías Outro dos alicerces do proxecto é o emprego de novas tecnoloxías que contribúan a facilitar a xestión do monte e a divulgar a importancia do seu coidado. Neste eido, os comuneiros de Pinzás contan con solucións tecnolóxicas de apoio ao manexo do gando, como dispositivos de localización GPS que trasladan tamén alertas sobre a súa actividade que axudan a detectar celos ou partos e a interpretar o estado sanitario dos animais. “Temos colares, que nos axudan bastante co gando. Cando temos as vacas perdidas polo monte se non fora polos colares non saberiamos onde están. Cos colares a verdade é que é unha marabilla”, asegura Fran. Proxecto didáctico ‘As Vaquiñas de Pinzás’ Nave de maquinaria e aula didáctica No ano 2020 o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, no programa de desenvolvemento Rural 2014-2020 concedeulle á CMVMC de Pinzás una subvención para o seu proxecto As Vaquiñas de Pinzás. Ademais da construción da nave agrícola para a maquinaria, as pradeiras para as vacas, as instalacións para cebar os becerros e a colocación dos dispositivos de seguimento do gando por GPS, tamén se instalou unha estación meteorolóxica e se habilitou unha aula de interpretación para divulgación entre os nenos e nenas dos centros de ensino e entre a poboación en xeral.
O investimento total, incluído o proxecto produtivo e a parte divulgativa, foi de 180.000 euros
A aula de interpretación centraliza a dimensión educativa do proxecto da Comunidade de Montes. Trátase dun espazo interactivo anexo á nave de maquinaria e que dispón de unidades didácticas sobre o entorno, o propio proxecto e a importancia do coidado do monte; con temáticas que van desde o papel das CMVMC, os usos tradicionais do monte en Galicia, a gandería extensiva, as razas autóctonas en perigo de extinción, as causas e consecuencias dos incendios forestais ou a biodiversidade e os servizos ecosistémicos asociados á presenza do gando no monte.

“Son montes de características graníticas, distintos aos que habitualmente se destinan a produción gandeira en Galicia”

Juan Valladares, enxeñeiro agrónomo e investigador do CIAM, foi o que dirixiu a recuperación dos pastos de Pinzás. “O que había era piñeiros e eucaliptos nas zonas forestais e mato nas partes altas, nas que decidimos localizar tres parcelas”, explica. A estratexia seguida nelas foi distinta, en función das súas características.   Trátase dunha zona de valor ambiental, que está moi preto do Monte Aloia, o primeiro parque natural que se declarou en Galicia “Nas parcelas que podían ser laboreadas fixemos laboreo convencional con sementeira, que non se puido facer en outono e fíxose en primavera, polo que fallou e houbo que facer unha resementeira no outono, mentres que nas zonas con penedos fíxose mínimo laboreo ou sementeira directa”, detalla. Mestura de trevos e gramíneas A dificultade para atopar maquinaria na zona (gradas pesadas, sementadoras e abonadoras), por non ser zona de tradición agrogandeira, provocou retrasos na sementeira inicial prevista en outono. “Cando logramos conseguir maquinaria xa comezara a chover e non puidemos entrar nas parcelas até a primavera seguinte e sabiamos que as sementeiras de primaveira dificilmente se instalan porque os trevos cando se comezan a implantar teñen moita competencia de adventicias e logo chega o verán e a seca cando o trevo aínda se está comezando a implantar”, razoa Juan. O obxectivo era implantar unha pradeira con trevos anuais mesturados con trevos perennes. “O que había eran fentos. As vacas vianesas andaban por alí e pastoreaban o que atopaban”, indica.
Para conseguir que o trevo anual funcione como un trevo perenne hai que deixalo ir a semente, polo que non se pode pastorear até o mes de agosto
As sementes escollidas eran unha mestura metade e metade de trevos e gramíneas. “Metimos unha batería de gramíneas, con festuca e datilo, porque non sabiamos cales se ían implantar mellor, xa que era unha zona descoñecida para nós”, recoñece Juan. “O raigrás está funcionando moi ben pero á festuca estalle custando”, admite. Os trevos eran tamén ao 50% trevos anuais pero coa intención de que se converteran en trevos plurianuais. “Para conseguir que o trevo anual funcione como un trevo perenne hai que deixalo ir a semente, porque esa semente xermina despois de maneira gradual durante varios anos. Por iso, cando se sementa trevo nunha pradeira hai que agardar a agosto para pastorear para que caia semente viable”, explica o investigador do CIAM. Encalado e fertilización A zona ten un clima de características atlánticas, que se adapta a ter pasto en canto a temperaturas e chuvias. Pero outra cousa é o solo. “Son montes de características graníticas, distintos aos que habitualmente se destinan a produción gandeira en Galicia, moi altos na saturación de aluminio e cun pH de 5. Había que encalar de maneira intensiva e aportar fertilización fósforo-potásica”, explica Juan.
O gando fai unha labor de esparexemento da semente que é importante
Polas dificultades para atopar maquinaria na zona, finalmente a sementeira fíxose a comezos de marzo de 2020, pero por culpa da seca de agosto e da competencia das adventicias (o feito de encalar e abonar fixo que as adventicias, mellor adaptadas á zona e ao terreo, se desenvolveran mellor), a pradeira sementada en primavera non prosperou e houbo que resementar en outono. “Non aplicamos nitróxeno, porque a idea é que sexan os trevos os que aporten o nitróxeno necesario. A idea da Comunidade de Montes de Pinzás era ir a produción ecolóxica e nesa zona non é doado conseguir esterco e purín. Por iso a nosa idea era que as pradeiras foran autosuficientes en nitróxeno”, argumenta. Mellórase lentamente, polo que hai que seguir introducindo semente durante varios anos para ir instalando a pradeira que nos interesa”, conclúe.

O Plan de prevención de lumes contempla actuar en máis de 58.600 hectáreas e case 5.800 quilómetros de viais neste 2022

A Xunta destina este ano un total de 33,1 millóns de euros ao Plan de prevención de incendios forestais, o que supón un incremento de preto dun 13 %, segundo se recolle no informe presentado no Consello da Xunta desta semana. En total, con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Ademais, neste plan tamén se establece como horizonte a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Isto suporá actuar nun total de 4.861 puntos. O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades específicas están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede infraestruturas preventivas correctamente dimensionada e mantela en bo estado de conservación. Con este plan trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros. Así, contempla desenvolver un plan de queimas prescritas para reducir a biomasa en lugares estratéxicos, e crear un visor en que se rexistre a cartografía de todas as redes de faixas existentes.

Accións dirixidas á poboación e ó territorio

O plan, que estará vixente ata que se aprobe o de 2023, contempla medidas e accións dirixidas á poboación e as centradas no territorio. Entre as destinadas á ciudadanía prevén realizar un total de 304 charlas, 16 en cada distrito forestal, dirixidas a estudantes de diferentes niveis, así como accións de formación dirixidas á poboación rural. En cantó ás accións no territorio inclúense a vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas e devasas en terreo forestal, fundamentalmente). O plan integra, entre outras accións, as vinculadas ao convenio de colaboración subscrito coa Fegamp e Seaga para a protección das aldeas. Xa estean adheridos ao acordo o 87% dos municipios galegos (273 en total), e xa elaboraron 259 plans municipais antiincendios (representan o 95 % dos concellos adheridos) e aprobáronse 178 plans (o 67 % dos elaborados). No plan contémplanse todos os datos relativos a superficies de actuación tanto en parroquias priorizadas como non priorizadas dentro deste convenio, así como as execucións subsidiarias previstas, os labores en vías de titularidade municipal, nos perímetros de alto risco de incendios e, como novidade, en varios concellos piloto. Estes municipios piloto son os de Carnota, As Nogais, Cualedro, A Gudiña, Lobios, Monterrei e Gondomar, nos que se está a limpar a totalidade do perímetro. A maiores, recóllense as iniciativas veciñais realizadas ou planificadas e as actuacións mecanizadas previstas (mediante o uso de ata 35 tractores).