Archives

Prazo aberto ata o 25 de abril para participar nos Premios Galicia Alimentación 2024

Os Premios Galicia Alimentación celebran a súa décima edición e o prazo para que os interesados presenten as súas candidaturas está aberto ata o 25 de abril, día tamén incluído. A vía de presentación é a través dos formularios da web do Clúster Alimentario de Galicia. A diferencia doutros anos haberá cinco premios en dúas categorías diferentes e reservase a posibilidade de establecer un Premio Honorífico Galicia Alimentación. Poden optar aos Premios persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas, que teñan sede social, centros produtivos u exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia e institución galegas ou situadas fóra do territorio que desenvolvesen actividades en favor dos produtos alimentarios galegos. Unha mesma entidade ou profesional pode presentar candidaturas a varios premios, sexan ou non da mesma categoría. A primeira categoría estará dedicada aos produtos alimentarios en si, e baixo o nome de “Alimentos e bebidas”. Estará integrada por dous galardóns, por un lado o Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador, enfocado a recoñecer aqueles produtos caracterizados pola súa innovación, potencial comercial ou deseño, e pola a súa adaptación ás demandas do consumidor ou o valor que aportan ás materias primas galegas. Na mesma categoría tamén estará o Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Recoñece a aqueles produtos que incorporen valores tradicionais do sector alimentario galego adaptándoos ao momento actual polo seu deseño e usando materias primas locais. Neste caso cobran especial importancia as características organolépticas dos alimentos e bebidas que se presenten e, de feito, poñerase especial atención aos produtos “gourmet” e ecolóxicos.  A segunda categoría, “Iniciativas do Sector Alimentario”, premia aqueles proxectos, accións ou prácticas empresariais en tres ámbitos: estratexias de márketing ou internacionalización, innovación e sustentabilidade. Deste xeito, o Premio Galicia Alimentación á Estratexia de Márketing ou Internacionalización galardoa o esforzo de empresas e organizacións do sector alimentación por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. O Premio Galicia Alimentación á Innovación vai dirixido a proxectos, institucións ou organizacións e empresas que destaquen pola súa innovación no seu modelo de negocio, que desenvolvan produtos ou servizos innovadores do ámbito da alimentación ou que destaquen polo seu carácter emprendedor e cooperativo. En canto ao Premio Galicia Alimentación á Sostibilidade, o Clúster Alimentario de Galicia quería introducir o respecto ao medio ambiente e á contorna como unha temática a destacar nos seus galardóns. Por iso, coma novidade, este ano incorpora este premio para recoñecer aquelas prácticas, institucións ou empresas caracterizadas pola súa sostibilidade, tanto na organización e produción coma nos seus produtos e servizos.  A entrega de premios está prevista para o mes de xuño, nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación, que se desenvolverá co apoio institucional da Xunta de Galicia, co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski e o bronce de Salimat Abanca.

Expertos en sostibilidade, produtores e influencers analizarán os retos da transición verde no Foro Galicia Alimentación

O desenvolvemento rural, a resiliencia e a produción sostible serán os temas protagonistas do VIII Foro Galicia Alimentación. Baixo o titulo de “Alimentación sostible e resiliencia alimentaria: Reflexións en torno a unha transición necesaria”, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) reunirá a expertos nestas cuestións para abordar os retos de futuro aos que se terá que afrontar o sector. Será o 14 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia. Para tratar un tema tan complicado e que afecta a todos os elos da cadea da alimentación, Clusaga reuniu tanto a expertos en medio ambiente e na aplicación da sostibilidade nas empresas como a produtores para, xuntos, afondar nestas problemáticas desde diferentes perspectivas. A xornada comezará coa mesa redonda “Unha transición necesaria”, na que participarán: Antonio Vasconcelos, colíder en Planetiers New Generation e INSURE.Hub, unha iniciativa que, dende Portugal, ten como obxectivo promover o coñecemento, innovación e emprendemento sostible nas empresas e organizacións, de cara a transición verde; e Mila Valcárcel, managing partner de Eatable Adventures, unha compañía internacional que traballa con proxectos foodtech emerxentes do sector para xerar un impacto relevante no sector da alimentación. A mesa complétase coa presenza de Eva Garrell, que desde B Corp Impact Programs Senior Lead de B Lab Spain asesora no deseño e implementación de estratexias de sostibilidade empresarial; e María Coto, directora da liña de desenvolvemento rural e sostibilidade en Red2Red. Na outra mesa redonda, “Do mar e a granxa á mesa”, serán os produtores os que tomen protagonismo da man de nomes destacados en redes sociais e medios, que traballan para pór en valor o sector e a calidade dos seus produtos, coma María Fontán, máis coñecida como “Mariscadora 2.0”, e Ana Corredoira, bióloga e gandeira en Ganados A Cernada. Xunto a elas estará o CEO de Kiwi Atlántico, José Piñeiro, e a xerente da Real Conservera Española, Lucrecia García.  Por último, a conferencia principal do foro impartiraa José María Bonmatí, o director xeral da Asociación de Fabricantes y Distribuidores AECOC, unha das maiores asociacións empresariais do país que representa ao sector de bens de consumo a nivel nacional. Bonmatí ofrecerá un relatorio titulado “Visión do sector e o gran consumo” no que explicará que o consumidor é cada vez máis consciente e, polo tanto, máis esixente cos distintos axentes da cadea de valor da alimentación. De feito, a tendencia vai cara un consumo con atención á ética e a sostibilidade.

Premios Galicia Alimentación

Como xa vén sendo tradición, unha vez rematado o foro, procederase á entrega dos Premios Galicia Alimentación, nos que este ano conseguiuse un récord de participación con 99 candidaturas entre as catro categorías: a Produto Innovador, a Produto Excelente, a Proxecto Sectorial e á Estratexia de Mercado. Tanto o Foro coma os Premios Galicia Alimentación contan co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski e aos mesmos asistirán responsables da administración pública e das principais empresas distribuidoras de Galicia.

Fundación Mapfre pon en marcha a segunda edición do Premio á Mellor Iniciativa no Sector Agropecuario

A Fundación Mapfre convoca o Premio á Mellor Iniciativa no Sector Agropecuario, un galardón de carácter internacional e periodicidade bienal, cunha dotación económica de 30.000 euros. A este, pode aspirar calquera produtor agropecuario ou agroindustrial que puxese en marcha un proxecto a nivel individual ou desde unha cooperativa ou calquera outro tipo de asociación que destaque polo deseño e posta en marcha de iniciativas innovadoras, xa sexa na produción, a transformación e/ou a comercialización dos seus produtos durante os dous últimos exercicios. Poderanse presentar até o 31 de maio do 2022 a través desta ligazón.

O galardón, cunha dotación económica de 30.000 euros, recoñece aos proxectos máis innovadores neste campo

Ademais, o xurado terá en conta a contribución do proxecto á actividade económica do territorio no que se desenvolve; a sustentabilidade da iniciativa nos aspectos económico, ambiental e sociocultural; a contribución á empregabilidade, incluíndo a colectivos en risco de exclusión social ou calquera tipo de discriminación; a existencia dun plan de xestión de riscos; e o apoio de institucións locais, autonómicas ou nacionais que apoien a candidatura.

A directora da área de Seguros e Previsión Social de Fundación Mapfre, Clara Bazán, destaca que “os agricultores e gandeiros, produtores e empresarios do sector agropecuario, a pesar das grandes dificultades polas que atravesaron debido á pandemia, seguiron producindo e sacando ao mercado produtos frescos, garantindo o abastecemento da industria e a distribución e pondo por diante a seguridade alimentaria, o que evidencia, sen dúbida, a importancia do seu traballo para o conxunto da sociedade”.

Así mesmo, sinala que “se trata dun sector estratéxico cun papel fundamental para a economía e para o desenvolvemento do territorio, esencial durante a pandemia, e que debe seguir tendo ese papel protagonista durante a recuperación. De aí a importancia de contar cun sistema agroalimentario cos máis altos estándares de calidade, innovación e seguridade”.

Toda unha vida apoiando ao medio rural

Mapfre, nacida en 1933 como a Mutua da Agrupación de Propietarios de Fincas Rústicas de España, veu apoiando desde ese primeiro instante aos agricultores, gandeiros e industriais españois, prestándolles os seus servizos e coñecementos na xestión dos riscos da súa actividade e sendo un dos alicerces no lanzamento e posterior consolidación do Sistema de Seguros Agrarios Combinados.
Fundación Mapfre, en recoñecemento a esas orixes e ao importante labor desenvolvido desde o sector, convoca este premio con intención de recoñecer os logros do empresario agropecuario que destaque por innovacións neste ámbito e con intención de converterse nun estímulo para todos os empresarios, produtores e profesionais que apostan por optimizar os seus recursos para transformar e mellorar o seu sector.

Convocatoria do ‘Premio Alimentos de España ao Mellor Viño 2022’

O Ministerio de Agricultura publicou hoxe a convocatoria do ‘Premio Alimentos de España ao Mellor Viño 2022’. A pretensión do galardón é promocionar e dar a coñecer os viños españois con Denominación de Orixe Protexida ou Indicación Xeográfica Protexida con maior calidade e propiedades organolépticas. Poderán participar no premio os viños que pertenzan a algunha das D.O.P ou I.X.P. españolas recoñecidas pola Unión Europea, cuxa empresa elaboradora teña a súa sede principal no territorio nacional. Outro dos requisitos é que o produto obteña unha das mellores cinco puntuacións no concurso internacional de viños Bacchus 2022, que se celebrará entre o 25 e 28 de abril. Os candidatos contarán con 10 días hábiles para presentar os Anexos I e II, desde a recepción da comunicación que remitirá o subdirector xeral de Promoción dos Alimentos de España, como órgano instrutor, informando da posibilidade de optar ao premio. A resolución será nun prazo máximo de 6 meses.

Convocados os premios de Agader para proxectos no rural

A convocatoria e as bases reguladoras da décimo terceira edición dos Premios ao desenvolvemento rural de Galicia vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia. A Consellería do Medio Rural destinará 80.000€ que se repartirán entre os gañadores das oito categorías. Cada un recibirá 10.000 euros, que terán que reinvestirse en cada un dos proxectos premiados. O prazo para presentar as súas candidaturas, con iniciativas que deben estar concluídas con carácter previo á publicación desta convocatoria, é dun mes. As oito categorías que existen son: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia, nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de recuperación e posta en valor da terra agraria. Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader ou que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou estados membros. Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.