Archives

Curso de formación en construción industrializada e eficiente con madeira

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Fundación Laboral da Construción, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal e a Fundación Arume, organizan un curso sobre construción industrializada e eficiente con madeira. A formación ten por obxectivo capacitar a operarios do sector da madeira e a construción na fabricación e montaxe de estruturas de madeira baseadas en armazóns lixeiros de madeira e CLT, con illantes térmicos que permitan realizar construcións eficientes de consumo enerxético case nulo. O curso está destinado especialmente a carpinteiros e montadores, pero tamén a empresarios do sector da madeira e a construción e a todos os operarios e técnicos da construción en xeral que poidan levar a cabo construcións en madeira. A formación impartirase durante dúas semanas, do 11 ó 22 de setembro. Contará cunha parte teórica, que se impartirá de forma online en directo durante 15 horas a razón de 3 horas ó día durante 5 días (do 11 ó 15 de setembro). A segunda semana (do 18 ó 22 de setembro) impartirase a parte práctica, presencial, que terá unha duración de 35 horas, a razón de 7 horas diarias durante 5 días para construír unha pequena construción industrializada de alta eficiencia enerxética de madeira. Será nas instalacións da Fundación Laboral da Construción, en Santiago, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

Inscricións e prazas

O número de prazas é limitado a 20 alumnos. O curso pecharase coas 20 primeiras inscricións, admitidas segundo o orde de inscrición. A asistencia ó curso é gratuíta, xa que está financiado ó 100% pola Axencia Galega da Industria Forestal, pero a empresa deberá aboar 85 euros por alumno en concepto de reserva cando se formalice a inscrición, que lle devolverán unha vez terminado o curso, se o alumno asistiu como mínimo o 80% do curso. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición e obter máis información sobre o programa do curso aquí.

As empresas do Clúster da Madeira aumentan a súa facturación un 21%

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) celebrou este venres a súa Asemblea Anual de asociados, onde se fixo un percorrido polas principais actividades do exercicio anterior e expuxéronse os novos retos aos que se enfronta a entidade este ano. Unha das conclusións foi o bo exercicio 2022 do sector da madeira e o deseño, pois as empresas do Clúster aumentaron a súa facturación un 21%. A facturación conxunta das empresas do Clúster no 2022 ascendeu a 2.143 millóns de euros, dando emprego directo a máis de 5.600 persoas. Este dato supón un incremento do 21% con respecto ao ano anterior. Tendo en conta a facturación das súas empresas asociadas, o Clúster asegura que representa o 90% da facturación total do sector da madeira en Galicia, aglutinando a empresas de toda a cadea de valor industrial da madeira. Colaboración activa con prescritores e un Plan Estratéxico de Sector O presidente do Clúster, José Manuel Iglesias, compartiu cos asistentes a materialización dun fito histórico da entidade: a posta en marcha da plataforma Lignum Facile Responde, que trata de fomentar o uso correcto da madeira en construción. Esta plataforma conseguiuse activar grazas ao impulso da Axencia Galega da Industria Forestal. Con esta ferramenta, trátase de dar resposta a unha demanda de información existente dos arquitectos sobre o emprego do material a través dun espazo compartido. Conta cun apartado de consultas co que se pretende compartir as dúbidas sobre as diferentes solucións e formulacións sobre o uso da madeira nos seus múltiples usos. Outro dos grandes retos nos que está a traballar o Clúster é a posta en marcha dun Plan Estratéxico do Sector da Madeira. Trátase dunha demanda histórica do sector que a Administración se comprometeu a impulsar e que o Clúster asumiu o reto de liderar co apoio de toda a cadea. Entrega do galardón a David Chipperfield. David Chipperfield, socio de honra da entidade 2023 No transcurso da Asemblea Anual, o Clúster dá Madeira e o Deseño de Galicia nomeou á Fundación RIA, novo socio de honra da entidade, pola súa contribución á planificación territorial estratéxica para preservar os valores naturais e culturais de Galicia. Recolleu o recoñecemento o seu presidente, David Chipperfield, premio Pritzker de Arquitectura 2023. Na entrega do galardón, o presidente do Clúster destacou que o traballo que desenvolve a Fundación RIA “está totalmente aliñado cos argumentarios e plan de acción do CMD, así como coa tese universal que aprobou a cadea de valor da madeira”, na que se avoga por un monte sostible social, económica e medioambientalmente. Clausura O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu a clausura da asemblea xeral do Clúster da madeira e o deseño de Galicia. Na súa intervención neste acto, González apelou á colaboración público-privada para traballar a prol do sector madeireiro e, por extensión, pola industria forestal-madeira no seu conxunto. Así, evidenciou a potencialidade do recurso endóxeno que representa a madeira para a comunidade e a “potencialidade compartida” de impulsala decisivamente como tal.

XII Xornadas de Arquitectura e Deseño promovidas polo Clúster da Madeira

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica e o patrocinio das empresas Maderas Rubén, Molduras del Noroeste, Senssia e Grupo Siero, celebra este venres 7 as XII Xornadas de Arquitectura e Deseño, que terán lugar a partir das 09:30 horas no Auditorio Xosé Neira Vilas, na Cidade da Cultura, en Santiago. O deseño é unha ferramenta fundamental no proceso de innovación, tanto na parte da propia definición do produto como na súa comunicación e aceptación polo mercado. Da man de arquitectos, deseñadores, ebanistas e empresas do sector abordarase a importancia do deseño na construción e edición de produto, coa mirada posta no mercado e o consumidor final. Os arquitectos Pablo Falcón e Ángel Santorio, e o ebanista e artesán Ángel Otero, compartirán cos asistentes as súas experiencias profesionais co emprego da madeira. Ao termo das exposicións, celebrarase unha mesa de debate á que se sumarán as empresas asociadas ao Clúster, Cándido Hermida e Galopín Playgrounds para achegar a visión industrial. O debate, moderado pola arquitecta María Fernández, estará aberto a todos os asistentes. Pódese consultar neste documento o programa.

Nova edición dos ‘Meeting Point Lignum, Encontros Online de Innovación en Madeira’

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) celebra os próximos días 26 e 27 de abril a XII edición de ‘Meeting Point Lignum, Encontros Online de Innovación en Madeira’, co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica. Contaranse con dúas conexións ao día: ás 12:00 e ás 16:00 horas, a través da plataforma meetingpointlignum.com. Nestes encontros participarán destacados profesionais da arquitectura, que tratarán de pór o foco na conciencia real dos beneficios da madeira na contorna que se habita. Estas charlas quedarán arquivadas neste mesmo espazo e na canle de Youtube do CMD, para poder ser consultadas posteriormente á celebración. A edición deste ano está patrocinada por HOMAG,  Laminados Villapol, Molduras do Noroeste, Senssia, Grupo Siero e Wood is Wood. Con máis de 29.000 seguidores, esta cita situouse ao longo destes once anos nun punto de encontro para arquitectos, deseñadores e empresas do sector, contando cun arquivo audiovisual de 44 relatorios didácticos de prescriptores de referencia a nivel nacional, que se poden consultar na canle de Youtube do CMD. Programa: Mércores, 26 de abril – 12:00h María Fandiño – 16:00h Celestino Feijoo, técnico municipal do concello de Allariz Xoves, 27 de abril – 12:00h Müller. Feijoo arquitectos – 16:00h Buo Estudio

A EFA Fonteboa impartirá o Ciclo Formativo de Grao Superior de Xestión Forestal e Medio Ambiente

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) celebrou este venres, nas instalacións do Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa (Coristanco-A Coruña), a última Xunta Directiva do ano, na que se fixo balance das accións desenvolvidas neste período e analizáronse algúns dos retos e desafíos aos que se enfrontan as empresas asociadas no novo exercicio.

No próximo ano 2023, o CMD dará por concluído o seu Plan Estratéxico MADE 2020-2023 e dará paso a unha nova estratexia industrial que acompañe ás empresas asociadas durante o próximos catro anos.

Esta reunión desenvolveuse na EFA Fonteboa co obxectivo de dar os primeiros pasos no deseño do Ciclo Formativo de Grao Superior de Xestión Forestal e Medio Ambiente que o centro comezará a impartir o próximo ano, cunha formulación innovadora no pedagóxico e con participación e implicación das empresas do sector.

Desde hai tempo, as empresas do CMD manifestan a dificultade de atopar relevo aos profesionais que se están xubilando ou de contar con novos profesionais formados para dar resposta aos avances que a industria experimentou en canto a innovación e tecnoloxía. Con esta nova oferta formativa preténdese dar resposta ás necesidades de formación que existen no sector forestal, co fin de aproveitar todas as súas potencialidades.

O sector atópase ante a dificultade de captar talento

A aposta clara pola sustentabilidade e a economía circular, onde a madeira ten un papel fundamental, fixo que a actividade no sector aumente e, con iso, a demanda de profesionais formados no que o mercado demanda.

Para iso estudaranse todas as posibilidades que ofrece a formación regrada (Ciclos Formativos de FP) e non regrada (Certificados de profesionalidade e outras formacións específicas), facendo especial énfase na Formación en Alternancia (Dual). Analizaranse tamén as capacidades dispoñibles nos Centros de Formación adscritos á Consellería do Medio Rural, co obxectivo de poder deseñar unha oferta educativa en FP que cubra as necesidades que as empresas necesitan.

Xornada de rehabilitación en madeira

Santiago acolle o próximo xoves 3 de novembro unha xornada de rehabilitación en madeira organizada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia. Baixo o nome ‘Más Madera’, o evento pretende ser un punto de encontro entre profesionais da arquitectura, o deseño, industria, Universidade e Centros Tecnolóxicos onde debater as posibilidades que ofrece a rehabilitación en madeira e mostrar diferentes solucións técnicas con este material. A rehabilitación converteuse nunha das solucións á crise sufrida polo sector da construción. O interese crecente, tanto de promotores como de clientes por esta disciplina tradúcese en novas iniciativas de construción en madeira. A posta en marcha do centro de produción de madeira contralaminada (CLT) que opera en Galicia é un claro exemplo desta aliñación entre oferta e demanda, segundo sinala o Clúster. O programa da xornada inclúe ponencias, debates e este ano recupérase a visita guiada a unha obra referente en rehabilitación, tras non poder realizarse na anterior edición por mor da Covid.

Programa

O evento desenvolverase no Hotel Palacio del Carmen (rúa Oblatas s/n), en Santiago. 10:00 h - Olladas dende a obra Jorge Salgado, Salgado Cortizas Arquitecto 10:45 h - Inspección e diagnóstico de estruturas de madeira Pablo Alonso, MADEiRA Arquitectura 11:30 h - Pausa café- 12:00 h - Construír con madeira, sostible ou eficiente Leonardo Llamas, Edifico Arquitectur 12:45 h - MESA DE DEBATE: Retos da rehabilitación en madeira Os relatores das Xornadas: Jorge Salgado, Pablo Alonso e Leonardo Llamas Mario Carballo, xerente de Maderas Besteiro Pablo Prada, xerente de Maderas Rubén Modera: Idoia Camiruaga, arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago. 16 h. - Visita á intervención rehabilitadora da ala sur de San Domingos de Bonaval. Guiados por Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida, autores do proxecto e arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago. Faranse grupos de 20 persoas para realizar a visita, con hora asignada. Punto de encontro: Porta de acceso do Museo do Pobo Galego. Prégase puntualidade segundo a hora asignada.