Carioni, a granxa ecolóxica máis grande de Italia, con 1.500 vacas e 1.000 hectáreas

Esta explotación de Lombardía transforma e vende os seus propios produtos e apostou pola autosuficiencia enerxética cunha planta de biogás e tractores que se moven con metano

Sara Carioni, xunto a Adrián Fernández, Antón Chaín, Mateo García e Brais Cajide, alumnos da EFA Fonteboa que esta primavera fixeron prácticas neste gandería italiana

Sara Carioni, xunto a Adrián Fernández, Antón Chaín, Mateo García e Brais Cajide, alumnos da EFA Fonteboa que esta primavera fixeron prácticas nesta gandería italiana

En 1920 a familia Carioni empezou a producir leite con 5 vacas na súa pequena granxa de Trescore Cremasco, no límite entre as provincias de Cremona e Bérgamo. Un século despois e propiedade na actualidade de Tommaso Carioni e os seus irmáns Mario e Tiziana, converteuse na explotación ecolóxica máis grande de Italia. Nela realizaron prácticas esta primavera catro alumnos da EFA Fonteboa dentro do programa de intercambio europeo Erasmus+.

Situada na zona agrícola de Crema, a 50 minutos da cidade de Milán, a granxa da familia Carioni é hoxe unha empresa diversificada, que transforma a súa produción láctea en queixos e outros produtos e que cultiva tamén hortalizas coas que fai conservas.

A granxa da familia Carioni é hoxe un exemplo de emprendemento agrícola recoñecido en Italia

A importante dimensión alcanzada garante todo o ciclo produtivo, desde a produción de forraxes e a cría do gando ata a transformación e venda directa dos seus produtos lácteos, un modelo de emprendemento agrícola recoñecido con numerosos premios en Italia. A procura da autosuficiencia enerxética levounos a investir tamén en placas solares e biodixestores para o aproveitamento do metano xerado polo xurro.

En ecolóxico desde o 2015

CARIONI (Lombardía) instalacións granxa

Vista aérea das instalacións onde se atopan as vacas de produción de leite ecolóxico, a queixaría e a planta de biogás

Na súa evolución como empresa, souberon fusionar tradición e investimentos nas tecnoloxías máis avanzadas para abrirse camiño no mercado. Un crecemento constante iniciado fai máis de medio século pero que se multiplicou na última década.

O pai de Tommaso, Francesco Carioni, incrementou nos anos 60 a cría de gando leiteiro e o cultivo da terra coa produción de hortalizas. Seguindo o seu exemplo de diversificación, no ano 2000 os seus fillos montaron unha queixería e empezaron a transformar o leite que producían en queixo fresco e curado de distintas denominacións de orixe, como Salva Cremasco ou Taleggio.

Pero é a partir de 2015 cando se produce o gran salto na empresa familiar, coa conversión a ecolóxico e o lanzamento de Carioni Food & Health, que resume a filosofía actual do grupo: adaptarse ás demandas do consumidor producindo alimentos de calidade, saudables, e que preserven o medio ambiente.

1.000 hectáreas de terreo

Sistema de rego, con 600 metros de mangueira e pivote

Sistema de rega, con 600 metros de mangueira e pivote

Desde entón duplicaron varias veces o tamaño da granxa e estenderon a súa superficie agraria, que suma na actualidade 1.000 hectáreas repartidas por 3 das 20 rexións italianas: Lombardía, Emilia Romagna e Marche.

“Facemos dous cultivos ao ano. As rotacións son moi importantes en ecolóxico para manter o chan e evitar as malas herbas”, asegura Sara Carioni, que se encarga do manexo de datos, a certificación ecolóxica das terras e a gandería e do sistema automatizado de alimentación, formado por tres robots Triolet.

A ración inclúe silo de trigo, silo de herba, pastone de millo, fariña de millo, torta de soia, fariña de chícharo e palla ou herba seca. Na actualidade só saen ao pasto as vacas secas, pero a partir da próxima primavera sairán tamén as vacas en produción. “Para iso temos que cambiar a estrada principal de sitio e necesitamos a autorización do Concello”, explica Sara.

Cultivos para alimentación humana e animal

A cultivo de girasol destinan 150 hectáreas

A cultivo de xirasol destinan 150 hectáreas

As vacas aliméntanse con forraxes ecolóxicas producidas nas terras que xestiona a propia granxa e coa importación de subministracións procedentes doutras áreas e doutros países, por exemplo millo de Europa do leste, que chega cada semana en tráiler por estrada.

Cultivan 250 hectáreas de trigo, 150 de millo, 150 de xirasol, 100 de cebada e 100 de herba para o gando e, para alimentación humana, 60 hactáreas de colza, 60 de chícharo e 50 de soia. Contan con terras en distintos municipios (Trescore Cremasco, Casaletto Vaprio, Crema, Romanengo, Pantigliate, Vignate) de varias provincias (Milán, Lodi, Cremona).

Realizan directamente eles mesmos unha parte importante dos traballos agrícolas, para o que dispoñen dun amplo parque de maquinaria, aínda que tamén subcontratan algúns labores específicos en momentos concretos.

Tres granxas

Vacas de producción ecológica, con 600 cabezas en ordeño

Vacas de produción ecolóxica, con 600 cabezas en muxidura e previsión de dobrar no plazo de 4 anos

A gandería conta con 1.500 cabezas totais repartidas en varias localizacións. O establo principal alberga a 600 vacas adultas en produción ecolóxica en Trescore Cremasco, que se complementa cunha granxa aparte para a recría. A poucos quilómetros, en Casaletto Vaprio, Carioni mantén outra explotación que produce en convencional cun cento de vacas en muxidura.

Producen diariamente 18.000 litros de leite ecolóxico e transforman o 40% da produción

A media de produción é duns 30 litros por vaca e día, cun 4,2% de graxa e un 3,5% de proteína. Das granxas da familia Carioni saen diariamente uns 18.000 litros de leite ecolóxico e 2.800 de convencional. Transforman o 40% da produción, á que dan saída a través da venda directa en tendas propias, situadas en Brescia e na estación central de Milán.

Son tamén socios da cooperativa Granarolo, á que subministran leite ecolóxico co que elaborar produtos de alimentación infantil. “Págannos pouco, só 69 céntimos por litro, uns 12 céntimos máis que o convencional”, quéixase Sara.

Exportación

CARIONI (Lombardía) produtos

Entre os produtos elaborados encóntranse queixos con denominación de orixe, leite fresco e distintas conservas

A demanda interna italiana está “saturada”, afirma. “É necesaria unha regulación da produción de leite porque, a falta de normas, o mercado italiano foi invadido por materia prima procedente do estranxeiro, o que provocou unha baixada de prezo que pon en dificultades aos gandeiros italianos”, asegura.

Por iso apostan por abrir mercados fóra, a través da exportación e internacionalización dos seus produtos. Tras converterse en provedores oficiais de McDonald’s Italia, iniciaron contactos en destinos afastados como Australia, Asia ou EEUU.

Seguir medrando coa innovación constante como bandeira

Sara, junto a los alumnos gallegos, en el establo de producción ecológica

Sara Carioni, xunto aos alumnos galegos, no establo de produción ecolóxica

Sara é a cuarta xeración na gandería iniciada polo seu bisavó fai máis dun século e representa o cambio tecnolóxico polo que está a apostar Carioni. “A innovación foi a clave da nosa evolución e do noso crecemento”, asegura Sara.

A pesar de vivir un crecemento exponencial nos últimos 10 anos, tanto en cabezas de gando como en hectáreas de terreo, o seu obxectivo a curto prazo é seguir crecendo. “O noso obxectivo en 4 anos é duplicar o número de vacas en produción, pasando das 600 actuais a 1.200”, detalla.

Aquí non se cuestiona o tamaño das explotacións, porque a sustentabilidade non depende diso senón de como se fagan as cousas

“Aquí non se cuestiona o tamaño das explotacións, hainas de máis de 1.000 vacas e non existe límite legal respecto diso e na miña opinión pode ser sostible unha granxa deste tamaño, porque non depende do número de vacas senón de como se fagan as cousas”, argumenta.

Robotización

Zona de carga de forrajes y concentrado del robot de alimentación

Zona de carga de forraxes e concentrado do robot de alimentación

Para acompañar ese crecemento, a granxa da familia Carioni aposta por un alto nivel tecnolóxico nos seus procesos de produción, tanto agrícolas como gandeiros. “Tanto o robot de alimentación como os de muxido que estamos a montar están xa pensados e deseñados para chegar ás 1.200 vacas en produción”, explica.

Están a substituír o muxido en sala dúas veces ao día por 20 robots

Trátase dun sistema pioneiro, da marca italiana TDM, no que os robots non están situados no medio dos distintos lotes de animais, senón nunha instalación aparte, á que se conducen as vacas para muxirse, igual que se se levasen á sala de muxido.

Os robots están dispostos en forma de semicírculo ao redor dunha sala de espera central para grupos de 150 vacas. “Para a nosa visión de futuro, unha sala de muxido rotativa non cumpría coas nosas expectativas, porque o noso obxectivo é robotizar a granxa”, conta Sara.

Cambio no rol dos traballadores

Iso non vai eliminar man de obra, considera, pero si que vai cambiar as súas funcións e o perfil dos traballadores, porque “a partir de agora necesitaremos menos operarios e máis técnicos informáticos”, afirma.

Dan emprego a máis de 60 persoas

Con todo, matiza, “aínda que se traballe con computadores e se manexen datos, as vacas hai que coñecelas igual, e a terra tamén”, salienta. En total dan emprego a entre 60 e 65 persoas nas distintas patas do grupo: agricultura, gandería, transformación, distribución e comercialización.

Agricultura de precisión

Cisterna con sistema de inxección do xurro

Cisterna con sistema de inxección para o xurro

No cultivo da terra, practican a agricultura de precisión, instalando sistemas de rega por goteo capaces de medir as necesidades hídricas específicas de cada parcela e tipo de cultivo.

“O clima está a cambiar moito, nesta zona temos entre 80 e 100 días de choiva ao ano, pero nos dous últimos anos choveu moito menos, a cantidade de precipitación foi moi inferior, polo que se fai imprescindible o regadío”, asegura. “Faciámolo por turbina e este ano incorporamos unha mangueira de 600 metros con pivote”, detalla.

No verán a temperatura alcanza os 35 graos e no inverno as mínimas caen ata os 5 graos baixo cero

A produción ecolóxica ten ademais outros requirimentos. “Non podemos usar nada de abono químico, polo que unicamente fertilizamos con abonos orgánicos, mediante xurro líquido inxectado e esterco sólido que enterramos ao momento para reducir as emisións”, explica.

Este profundo coñecemento da produción agrícola desde un punto de vista científico, a aplicación de boas prácticas agronómicas e os investimentos en tecnoloxías avanzadas permitíronlles mellorar a produtividade das terras.

Recría propia

Malia estar en produción ecolóxica, xó as vacas secas saen a pacer ao exterior das instalacións

Malia estar en produción ecolóxica, só as vacas secas saen a pacer ao exterior das instalacións

Carioni pretende duplicar nos próximos 4 anos o número de cabezas de gando en base á súa propia recría, para o que están inseminando a todas as vacas con seme holstein, usando sexado en xovencas e vacas de primeiro parto. “Levamos 2 anos facéndoo para medrar máis rápido”, indica.

Con todo, os problemas de amontoamento das tenreiras están a atrasar o seu crecemento e dificultando este obxectivo. Danlles 5 litros de costro ás tenreiras ao nacer, o que lles axuda a arrincar moi ben nas primeiras semanas de vida, pero despois o seu crecemento vese freado a medida que pasan aos lotes grupais, polo que se ven obrigados a ampliar a idade de destete nalgúns casos ata os 4 meses de idade.

Benestar animal

As camas nas novas naves son de colchoneta e látex

As camas nas novas naves son de colchoneta de látex

Desde fai 6 anos contan con certificación de benestar animal. “É unha demanda dos consumidores que compran os nosos produtos e unha garantía de bo manexo para os nosos clientes”, argumenta Sara.

As naves de produción construídas hai 5 anos dispoñen de cubículos con colchón de látex para o gando e nas máis antigas a cama é de palla picada.

A certificación non ten en conta a innovación; está un pouco desfasada

A certificación ten en conta a comodidade do aloxamento no que se atopan os animais, a ausencia de ruídos no establo, a abundancia de bebedoiros e prazas de cornadiza, a amplitude das instalacións, o raiado dos chans e outros aspectos construtivos, pero non as innovacións tecnolóxicas, polo que Sara considera que este tipo de certificacións quedáronse xa “desfasadas”.

Autosuficiencia enerxética

Tractor que usa el biometano producido en la planta de biogás como combustible

Parque de maquinaria, co tractor que usa o biometano como combustible

Outro dos obxectivos de Carioni é lograr ser unha explotación autosuficiente desde o punto de vista enerxético. Para iso están a instalar paneis solares para autoconsumo en todos os teitos das naves.

Pola noite seguen funcionando os robots de alimentación e manteñen as luces dos establos acendidas para estimular a inxesta

“O prezo da electricidade multiplicouse por catro o ano pasado e o custo da factura disparóusenos, pero cando instalemos todas as placas seremos autosuficientes enerxeticamente”, destaca Sara.

Ademais, desde o ano 2010 dispoñen dunha planta de biogás de gran tamaño, con dúas turbinas de 1 kw/h de potencia cada unha, o que lles permite inxectar á rede eléctrica a enerxía equivalente ao consumo de 3.000 familias.

Dispoñen dun tractor New Holland que utiliza biometano como combustible

A planta aliméntase de xurro de vaca, esterco de galiña, ensilado de cereal e raigrás, cebada das fincas que non están en ecolóxico, avea, fariña de millo, o soro da queixaría e diversos subproductos. O material dixestado é utilizado posteriormente nas terras como abono.

Esta granxa italiana é pioneira tamén na procura de fontes renovables alternativas para a maquinaria. “Ata o de agora produciamos só electricidade, pero imos transformar a planta para facer biometano”, avanza Sara. Dispoñen xa do primeiro tractor que utiliza biometano como combustible, da marca New Holland.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información