É a macroplanta de biogás unha solución útil para o agro?

Falamos co sector agrario para valorar o anuncio dun proxecto de macroplanta de biogás en Cerceda, que pretende xestionar 1,2 millóns de toneladas de puríns. No campo hai coincidencia en percibir a iniciativa máis como un negocio empresarial que como un instrumento práctico para as granxas

É a macroplanta de biogás unha solución útil para o agro?

Foxa de xurro. / Arquivo.

As empresas enerxéticas Repsol, Naturgy e Reganosa, conxuntamente coa sociedade Impulsa Galicia, promovida pola Xunta, proxectan unha macroplanta de biogás en Cerceda (A Coruña) que se nutriría de xurros das provincias da Coruña e Lugo nunha primeira fase, para logo chegar tamén a Pontevedra e Ourense. O obxectivo é procesar 1,2 millóns de toneladas anuais de xurros en Cerceda, co apoio de plantas comarcais de pretratamento. De momento, a iniciativa é só un proxecto que aspira a captar fondos europeos Next Generation.

Falamos con organizacións agrarias, cooperativas, técnicos e empresas para que valoren a utilidade de tal proxecto para o agro. Analizámolo por puntos.

Existe un problema real de xurros de vacún excedentarios no campo?

O último balance de nutrientes agrarios publicado polo Ministerio de Agricultura sinala que en Galicia hai unha aplicación de nitratos agrarios superior ás necesidades dos cultivos. Existe, por tanto, un lixeiro sobreabonado das terras, unha situación que no sector achacan a un problema de xestión.

“Só coa aplicación de xurros, habería un equilibrio entre as necesidades dos cultivos e o abono aplicado. O sobreabonado é resultado da suma de xurros e abonos químicos. A cuestión é que hai explotacións que, por falta de dimensionamento das foxas de xurro, teñen que aplicalo no campo en momentos que non son interesantes para os cultivos”, explica un técnico do sector que prefire manter o anonimato.

Desde Unións Agrarias, o seu responsable de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijoo, coincide en sinalar que o exceso de xurros en vacún trátase dun “problema puntual” que é solucionable. “O mellor investimento ambiental é o que se pode facer nas propias granxas, mediante a ampliación das foxas de xurro e a súa cubrición, para evitar a entrada da auga da chuvia”, valora. O obxectivo é ter capacidade de almacenamento do xurro para aplicalo no momento en que os cultivos o precisan.

“O mellor investimento ambiental é ampliar e cubrir as foxas de xurro, de xeito que se poida reservar o abono para o momento en que o precisan os cultivos” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

Cómpre ademais ter en conta que o proxecto de Real Decreto de Nutrición Sostenible de los Suelos Agrarios, que se publicará previsiblemente nos próximos meses, prohibirá a aplicación de abonos en determinadas épocas de ano, principalmente nos meses invernais, aínda que dependerá de cada comunidade fixar o periodo de prohibición.

Por ese motivo, hai consenso en apuntar ó dimensionamento e mellora das foxas de xurro como unha das accións prioritarias a acometer. “En tanto se empregue unha soa tonelada de fertilizantes químicos no agro, non podemos dicir tecnicamente que sobre o xurro”, conclúe Jacobo Feijoo.

“Para que unha granxa de vacún sexa excedentaria en xurros, tería que ter 5 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea, algo que practicamente non sucede en Galicia”, valora un técnico consultado.

“En verdade, eu diría que somos deficitarios en xurros” -reflexionan desde unha empresa de servizos do sector-. “Para preservar os solos, unha medida que se podería adoptar, que xa se fai noutros países de Europa, é a prohibición de uso de nitróxeno químico que non sexa de liberación controlada, a fin de evitar perdas”, opinan.

Por parte do Sindicato Labrego, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, incide en que a acción da Administración debérase enfocar a promover “unha gandería sostible, con equilibrio entre número de animais e terra dispoñible. Iso si que dá postos de traballo no rural, en vez de enredar cun macroproxecto ó que se queren destinar inxentes fondos públicos”, cuestiona.

Como resolver a xestión dos xurros das granxas sen terra, porcinas e avícolas?

Os principais problemas de contaminación por xurros danse en Galicia na comarca da Limia por mor da gandería intensiva (porcino e avicultura). É a única comarca galega na que previsiblemente se delimitará unha Zona Vulnerable a Nitratos. Outra zona que o Ministerio considerou no seu día como sensible á contaminación por nitratos é o Deza (Pontevedra), onde a maiores da gandería de vacún, abundan as granxas de porcino e avícolas.

Fóra destas dúas comarcas, os problemas son menores no resto de Galicia, como recoñece a propia organización ecoloxista Greenpeace nun estudo que vén de publicar sobre a contaminación de augas. En Galicia, Greenpeace practicamente só marca problemas na comarca da Limia, en tanto recoñece un bo estado xeral dos solos do resto da comunidade.

Organizacións agrarias e técnicos consultados coinciden na necesidade de máis terra para xestionar os xurros do Limia e das granxas intensivas do Deza. “Eses puríns poderían empregarse en montes veciñais afectados por lumes e que houbese que restaurar”, suxire Jacobo Feijoo.

“Outra opción é deshidratar eses xurros a nivel comarcal e levalos a outras comarcas próximas onde sexan necesarios” -valora o responsable de Unións-. “Incluso se podería pensar en pequenas plantas de biogás a nivel de granxa ou de grupos de granxas para procesar os xurros, pero levalos da Limia e do Deza a Cerceda, nun modelo Sogama, non semella unha opción que sexa viable nin a nivel económico nin ambiental”, conclúe.

A maiores, hai que ter en conta que o proxecto inicial da planta de Cerceda oriéntase ás provincias da Coruña e Lugo, quedando para unha segunda fase o resto de provincias.

Que custo tería para as granxas o envío de xurros á planta?

O custo lóxistico de transportar a Cerceda ós xurros das granxas é unha cuestión que preocupa no campo. ““Descoñecemos o proxecto, pero temos claro que non lle podería custar nada ás granxas. O xurro é un abono e o seu uso natural é a aplicación en prados e cultivos”, subliña o director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán.

“Descoñecemos o proxecto, pero temos claro que non lle podería custar nada ás granxas” (Higinio Mougán, Agaca)

Claro que unha posible subvención ó transporte de xurros tampouco se ve con bos ollos desde parte do sector. “Estariamos quitando cartos do Plan de Desenvolvemento Rural que poderían destinarse a outras cuestións máis necesarias”, cuestiona Jacobo Feijoo.

É viable unha alternativa a Cerceda con plantas de biogás a nivel de granxa/s?

Este é o sistema máis implantado noutros países de Europa, como Alemania ou Holanda. En Alemania, as granxas cobran por entregarlle os xurros, xunto con sustratos (silos en mal estado , cortes de herba, etc.) a plantas de biogás anexas ás explotacións e que son xestionadas por unha empresa enerxética. É dicir, en lugar de pagar polo transporte dos xurros, as granxas cobran polo seu procesamento local para a obtención de enerxía.

En Galicia, a firma Norvento ten estudada a viabilidade e rendibilidade de pequenas plantas de biogás a nivel de granxa ou de grupos de granxas. Por que non apostar en Galicia por subvencionar as plantas de biogás a nivel de granxa, como xa se está facendo cos paneis fotovoltaicos?.

É ambientalmente sostible o transporte do xurro a Cerceda?

O sector dubida de que exista un beneficio ambiental derivado da produción de biogás en Cerceda. “Polo de agora descoñecemos o proxecto, pero habería que garantir que o gasto enerxético do transporte dos xurros a Cerceda non é superior á produción de enerxía obtida” -valora Higinio Mougán-. “Tamén hai que ter en conta que o emprego de xurros no agro supón unha redución de emisións indirecta, pois diminúe o uso de fertilizantes químicos, o que hai que considerar nos cálculos”, sinala.

Xunto co gasto enerxético do transporte do xurro á planta, outra cuestión que se apunta nas empresas do sector é o gasto enerxético de retornar ó agro o dixestato obtido na planta. O dixestato é o residuo do xurro trala produción de biogás e seguirá mantendo uns niveis de nutrientes semellantes ó xurro inicial nun produto máis concentrado. Que se fará con ese dixestato?. É unha das cuestións que polo de agora se descoñecen do proxecto.

O sector agarda unha reunión coas empresas impulsoras da iniciativa e coa Xunta. O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou onte que a súa idea era convocar o antes posible a unha reunión a asociacións de gandeiros, cooperativas e organizacións agrarias para explicarlles o proxecto.

Que vantaxes enerxéticas aportará a planta?

A guerra de Ucrania, coa conseguinte rotura do suministro ruso de gas natural, levou á Comisión Europea a lanzar este ano unha Alianza Industrial do Biometano, no marco do plan RePowerUE. O obxectivo é aumentar sustancialmente ao longo dos próximos anos a produción europea de biogas, de xeito que poida compensar en parte á perda do suministro ruso.

Os promotores do proxecto da macroplanta de Cerceda aseguran que a súa produción equivalería ó 7% do consumo de gas natural de Galicia.

Desde o Sindicato Labrego advirten, en calquera caso, dos posibles problemas técnicos que se podería atopar a planta. Como exemplo, cita a situación das plantas de coxeneración de enerxía eléctrica que empregaban purín, como a de Sarreaus (Ourense), que desde o 2014 están na súa maioría paradas por factores como o seu altos custos de produción. “Se esa situación se producise, o purín excedentario que hai no campo veríase sen saídas, como xa sucedeu nos últimos anos en determinadas comarcas”, cuestionan.

Temor a que a planta demande xurros non excedentarios

“A cuestión é que unha vez montada esa macroplanta, despois a toda costa teranlle que saír os números económicos. É de esperar que haxa presión no sector para levar o xurro alí, cando é un subproduto que ben xestionado, é un abono sostible no campo”, cuestiona Isabel Vilalba.

“Se se monta a planta, despois haberá presión ás granxas para que leven alí ós xurros, pois teranlles que saír os números a toda costa” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)

Da mesma opinión é Jacobo Feijoo, de Unións: “A impresión é que a macroplanta nace para facer negocio, non para resolver un problema. Unha vez feito un investimento tan grande (146 millóns de euros), haberá que darlle de comer e é previsible que se cambie a normativa para forzar ó sector a levar alí os xurros. En lugar da situación actual, na que o uso do xurro como abono constitúe un paradigma de economía circular de Kilómetro 0, o gandeiro tería que pagar por levalo a Cerceda, perdendo o beneficio agronómico do seu bo uso”, conclúe.

“Logo de analizar o escenario e comprobar que este proxecto está tan fóra da realidade -valora Jacobo Feijoo-, tamén cabe preguntarse se hai unha intención real de executalo ou se se trata só de que as empresas enerxéticas implicadas buscan iniciativas industriais para optar a unha posible saída a concurso dos puntos de conexión coa rede eléctrica que deixa libres a central de Meirama, tamén en Cerceda, que son claves para desenvolver novos proxectos de parques eólicos”, reflexiona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información