Frigoríficos Bandeira pon en marcha unha planta de biogás

A instalación foi executada pola empresa enerxética galega Norvento, especializada en enerxías renovables. Cubrirá o 80% do consumo eléctrico do matadoiro e o 100% da súa demanda térmica

Frigoríficos Bandeira pon en marcha unha planta de biogás

A introdución de enerxías sustentables e con escasa pegada de CO2 na industria alimentaria é un dos retos para o futuro deste sector. A xeración de biogás a partir de residuos constitúe un aporte que, por un lado permitirá un aforro económico e, por outro, contribuirá a reducir de maneira significativa as emisións prexudiciais para a atmosfera. Ese é o camiño emprendido pola empresa Frigoríficos Bandeira S.L. nas súas instalacións, coa creación dunha planta de biogás instalada por Norvento.

Frigoríficos Bandeira S.L., compañía galega líder no sector cárnico, dedicada ao sacrificio e despezamento de gando bovino, está a levar a cabo un ambicioso plan de mellora das súas instalacións de Bandeira baseado na sustentabilidade e redución da pegada ambiental.

Para iso, e da man de Norvento Enerxía e de Forestación Galicia, promove unha solución que abarca de forma integral a valorización de subprodutos procedentes do matadoiro, a xeración de enerxías renovables e o tratamento integral das augas residuais

O proxecto impulsado por Frigoríficos Bandeira, que supón o investimento de case catro millóns de euros, permitirá valorizar enerxeticamente o seu efluente e subprodutos, así como un sistema de depuración para o tratamento do dixestato procedente da planta, permitindo pechar o ciclo da xestión dos residuos do matadoiro.

Descarbonización do sector cárnico: explorando o biogás

Está previsto que esta instalación bote a andar este mes. Calcúlase que esta nova planta terá capacidade para tratar 30.000 toneladas anuais de subprodutos orgánicos xerados no proceso produtivo de Frigoríficos Bandeira, incluíndo dexeccións gandeiras e augas do proceso.

A dixestión anaerobia desta matriz residual xerará uns 7.000 MWh anuais de biogás, que serán utilizados para a xeración de enerxía eléctrica e térmica en forma de vapor, satisfacendo a case totalidade das necesidades enerxéticas das instalacións da empresa cárnica. En concreto, cubrirá o 80% da demanda eléctrica e o 100% da térmica.

O proxecto de execución comprende tamén a instalación dun sistema de depuración, que se compón dunha serie de procesos, tanto físicos como químicos e biolóxicos, nos que se eliminará a carga contaminante do dixestato e outros efluentes líquidos ata conseguir unha vertedura final a rede de saneamento que garanta que se cumpran os niveis esixidos polas ordenanzas municipais.

Cara á transición enerxética renovable en Galicia

O obxectivo da instalación é reducir considerablemente as emisións de gases de efecto invernadoiro ou GEI ao evitarse a emisión de metano que, de forma natural, xera a descomposición de materiais orgánicos, especialmente os xurros e esterco, á vez que se alcanza a total substitución do combustible fósil actualmente utilizado por un gas renovable non contaminante. Así, estímase prospectivamente unha redución deste tipo de emisións, de máis de 400 toneladas de CO2 anuais.

Ademais, a limitación do transporte de residuos ao xestionarse as mesmas na propia instalación, sen necesidade de acudir a centros ou entulleiras especializados, consegue minimizar simultaneamente a pegada de carbono e os custos de operación desta empresa líder en produtos cárnicos.

Frigoríficos Bandeira apostou polo biogás como fonte de enerxía renovable e sostible xa que ofrece unha variedade de beneficios ambientais e económicos, incluída a xestión de residuos, a redución de emisións e a xeración de enerxía.

‘É un pracer poder colaborar en proxectos como este, que contan cun compoñente local e ambiental tan importante. O biogás preséntase como unha das opcións máis interesantes para a industria cárnica, axudando ás compañías á súa descarbonización, baixo os principios da economía circular, mediante o aproveitamento de subprodutos ou residuos como materias primas. Desde Norvento Enerxía seguiremos traballando para que o sector cárnico e outros moitos atopen o seu camiño na transición enerxética renovable’, sinala Juan Morilla, director de Operacións de Norvento.

Pola súa banda, Fernando Vargas, xerente de Foresga, engade que ‘En Galicia temos o potencial e a capacidade para liderar a xeración nacional de enerxías renovables, e tamén debemos dar un paso decidido para a súa xeración a partir dos residuos das nosas industrias agro-gandeiras e de primeira transformación. Este proxecto de Frigoríficos Bandeira é un claro exemplo das posibilidades que se abren nestas industrias para a mellora da súa eficiencia enerxética e a redución das súas emisións de gases de efecto invernadoiro coa valorización dos seus residuos’.

Isabel Martínez Cochón, directora xeral de Frigoríficos Bandeira, destacou que “Este proxecto demostra o noso firme compromiso por impulsar unha industria cárnica que aposta por un modelo produtivo sostible e respectuoso co medio ambiente. Pretendemos cubrir unha porcentaxe significativa das nosas necesidades enerxéticas con enerxía renovable xerada in situ e dar unha solución integral e competitiva aos subproductos derivados das nosas actividades. En resumo, desde Frigoríficos Bandeira queremos promover a sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a responsabilidade ambiental dentro da industria cárnica”.

Acerca de Frigoríficos Bandeira

Frigoríficos Bandeira S.L., é unha compañía fundada no ano 1984, con sede en Bandeira (Silleda, Pontevedra), dedicada ao sacrificio e despezamento de gando bovino. Abastécese fundamentalmente, de gando vacún maior nado e criado en Galicia, tanto a través dun amplo grupo de provedores que traballan no sector como gandeiros, tratantes e entradores.

Importa, exporta e comercializa toda clase de produtos cárnicos á vez que os distribúe por toda a xeografía nacional e internacional. Na actualidade, e como consecuencia dos constantes investimentos practicados en tecnoloxía punta, da formación continua do equipo profesional, de rigorosos controis de calidade e dunha moi coidada selección do gando, perfílase como unha das empresas punteiras no sector cárnico. (www.frigobandeira.com).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información