A Federación Rural Galega – FRUGA, tampouco se suma, ao igual que o Sindicato Labrego Galego, ao acordo para revalorizar a carne da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega Suprema, que presentou este venres a Consellería do Medio Rural e que si apoian Unións Agrarias, industrias cárnicas, distribución e o propio consello regulador da IXP.
O rexeitamento da Fruga ven en primeiro lugar polas formas en que se xestou e presentou o acordo: “Non é de recibo que se nos convoque para asinar este protocolo o día 28, cando nos enteramos a través dos medios de comunicación que xa foi asinado o pasado venres dia 25 de Marzo. Evidentemente que un protocolo deste calibre ten que ser analizado, debatido e consensuado previamente con tódolos axentes do sector”.
Pero, sobre todo, o principal desacordo da FRUGA ven polo propio contido do acordo, pois consideran que hai “moita indefinición nas propostas, e ao mesmo tempo non vemos clara unha aposta pola Ternera Gallega Suprema”.
“Todo o contrario -advirten-, observamos como se fala da adaptación das explotacións as necesidades de certa industria e certas cadeas de distribución, sen nomear en ningún momento se faga unha aposta clara e decidida pola defensa das explotacións de Suprema, que son quen realmente aportan calidade e prestixio a esta Indicación Xeográfica Protexida”.
Neste sentido, dende a Federación Rural Galega reclaman que “ademáis de aplicar a lei da cadea alimentar, é preciso traballar en políticas de infraestruturas agrarias que nos permitan abaratar os custos de produción, aspecto do que non se fala en ningún punto deste documento”.
Por último, a Fruga critica a “indefinición en moitos aspectos do protocolo, que pode dar lugar a interpretación confusas, e argumentos que soamente falan da “Ternera Gallega”, e non nomean para nada a Suprema”. “Desta forma vemos como os matadoiros volven ser os grandes beneficiados das políticas da IXP, primeiro coas modificacións regulamentarias de anos anteriores, e agora parece que se abre a posibilidade de promover outros modelos alternativos para o cebo de xatos”, advirten.