O Sindicato Labrego non asina o acordo de Ternera Gallega Suprema

Considera que o acordo presentado pola Consellería do Medio Rural para revalorizar a carne da IXP Ternera Gallega Suprema “é unha posta en escea protagonizada pola Consellería e Unións Agrarias para simular un peche en falso que desmobilice ao sector”

O Sindicato Labrego non asina o acordo de Ternera Gallega Suprema

Reunión do conselleiro con representantes do sector de vacún de carne, industrias e distribución esta mañá en Santiago

Esta mañá vén de ter lugar en Santiago de Compostela o acto para a firma entre industrias, cadeas de distribución e organizacións agrarias do Protocolo para a protección das explotacións de vacún de carne adheridas á IXP Terneira Galega.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estivo representado neste acto pola súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, e o seu vogal na IXP Tenreira Galega, Adolfo Cabarcos. O acordo foi presentado o pasado venres en rolda de prensa pola Consellería do Medio Rural, a IXP Ternera Gallega e Unións Agrarias, ademáis dos principais matadoiros e cadeas de distribución da comunidade.

Porén, o Sindicato Labrego subliña que non asinou o devandito protocolo presentado pola Consellaría do Medio Rural pois considera que o documento presentado “non deixa de ser un papel en branco nun momento de crise extrema nas explotacións, de forma que dita proposta non deixa de ser fume non recollendo nada en concreto que mellore a situación das granxas do sector”.

Para Isabel Vilalba o documento “non deixa de ser un brinde ao sol e palabras bonitas para un sector afogado, e a pesares de que algúns o califican de acordo histórico, en dito protocolo nin se fala de prezo, nin de que criterios se van a ter en conta para o cálculo dos custos de produción nin de compromisos reais por parte da IXP para a defensa da Terneira de Suprema, nin compromisos reais por parte da Industria, xa que en dito protocolo a Industria e distribución só se comprometen a cumprir a legalidade que de por si xa deben cumprir”.

O Sindicato Labrego anuncia que seguirá co seu calendario de mobilizacións e esixindo á Consellería de Medio Rural unha axuda inmediata para as granxas de nutrices, así como estudos de custos inmediatos ou diferenciación clara dentro da IXP entre a carne de Suprema e de Normal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información