España recibirá 64,5 millóns de euros para compensar ó agro polo aumento de custos

A Comisión Europea activa o fondo de crise para apoiar a agricultores e gandeiros fronte á alza de prezos de materias primas e da enerxía. O ministro de Agricultura, Luis Planas, anuncia que o Goberno estatal complementará esa cantidade con fondos propios

España recibirá 64,5 millóns de euros para compensar ó agro polo aumento de custos

As materias primas para pensos estanse a disparar de prezo nos últimos meses.

O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou que España recibirá 64,5 millóns de euros, dos 500 millóns da reserva de crise habilitados pola Comisión Europea para o agro. Esta decisión chega no marco do artigo 219 da Organización Común de Mercados Agrarios para axudar aos agricultores e gandeiros a afrontar a alza de prezos das materias primas, e dos custes de produción, motivada pola guerra en Europa.

Estas axudas poden complementarse con axudas estatais, polo que, desde o Ministerio afirman que “España, ao igual que outros países membros da UE, aportará fondos nacionais para completar as axudas”. Desta forma, o goberno vai traballar en conxunto coas comunidades autónomas e as organizacións agrarias para definir cales son os sectores máis afectados polas perturbacións do mercado, para así determinar como se repartirán as axudas.

Sobre a urxencia das medidas, o ministro explicou que “hai que coñecer o marco comunitario de apoio para que as medidas tomadas en cada país resulten eficaces”. Polo tanto, as necesidades do Ministerio céntranse en coñecer as liñas de apoio da Comisión Europea, que se completarán coas que decida o Consello Europeo os próximos días 24 e 25. Despois, o Goberno ultimará as medidas complementarias de apoio aos distintos sectores produtivos.


Outras medidas: flexibilización da PAC


O Consello de Ministros da UE tamén se amosou favorable a flexibilizar determinados requisitos da Política Agraria Común para que se poida dispoñer de terras actualmente en barbeito, e así cultivalas para mellorar os niveis de abastecemento. No caso de España, trataríase principalmente de millo e de oleaxinosas xa que “o 22% do millo que importa España, e que se usa principalmente na alimentación animal procede de Ucraína, que é tamén o principal subministrador de aceite de xirasol”, detallan desde o Ministerio.

Desta forma, a PAC obriga a deixar un 5% da terra en barbeito, se ben en España declaráronse o ano pasado en barbeito un 10% das superficies -2,2 millóns de ha- dos 21,5 millóns de hectáreas totais declaradas. Esta medida, xunto coa flexibilización de determinados requisitos para importar millo, facilitará a entrada de materias primas destinadas á alimentación animal.

Outra das medidas adoptadas foi o almacenamento privado para a carne de porcino, un sector que tamén está atravesando unha situación difícil no conxunto dos Estados membros, sobre todo aqueles afectados pola peste porcina africana. Igualmente, o ministro reiterou “a necesidade de que se incremente o porcentaxe de anticipo das axudas directas das PAC, para que o sector poida contar con maior liquidez”.

Proximamente a Comisión Europea debe remitir aos Estados membros a súa carta de observacións aos plans estratéxicos. A este respecto, o organismo precisou que “a perspectiva estratéxica desta PAC é a consecución de sistemas alimentarios sostibles”. Aínda que afirman que “as condicións ambientais e a loita contra o cambio climático seguen aí, outra cousa é a modulación do calendario de aplicación de determinadas medidas tendo en conta o escenario derivado da invasión rusa de Ucraína”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información