O Ministerio de Agricultura acaba de publicar o seu informe periódico sobre a situación do sector de vacún de leite en España no que conclúe que, malia a suba dos custos de produción no último ano, a rendibilidade das ganderías de vacún de leite mantívose en positivo.
En concreto, o gasto de alimentación -que representa arredor do 60% dos custos de produción- pasou de situarse nunha media de 18 céntimos por litro de leite no ano 2021 a 24,50 céntimos neste pasado mes de xullo, o que supón un 36% máis.
Porén, o prezo do leite variou no mesmo período dunha media de 32 céntimos por litro a 52,72 o pasado mes, o que representa unha suba do 62%.
Deste xeito, o informe do Ministerio de Agricultura estima que os custos de produción para unha granxa de vacún de leite en España sitúanse nunha media de 0,36 céntimos por litro de leite e nos últimos anos a marxe de beneficio por litro de leite ven roldando os 4 céntimos de media. A peor situación viviuse no primeiro trimestre do pasado ano, cando coincidiu o importante incremento da suba do penso cun prezo do leite estancado, o que levou a marxes negativas. Afortunadamente, a suba do segundo semestre de 2022 elevou as marxes a cifras positivas de até 15 céntimos por litro.
As ganderías galegas deixarán de ingresar case 200 millóns de euros pola baixada do prezo do leite
Unións Agrarias estima que as ganderías galegas deixarán de ingresar neste 2023 case 200 millóns de euros pola baixada do prezo do leite acordada polas industrias nos últimos meses. En concreto, entre marzo e decembro deste ano os gandeiros galegos deixarán de ingresar 198 millóns pola baixada do prezo en orixe, o que representa uns 37.700€ menos de media por explotación.
Neste sentido, a organización agraria anunciou este martes en rolda de prensa na Coruña que denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e ante a AICA estatal e autonómica “as condutas ilícitas das industrias lácteas, ao actuaren á marxe da Lei de Cadea Alimentaria”. Logo da renovación de contratos deste mes de agosto o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 0,48€; case 11 céntimos por debaixo do que cobraban a comezos de ano.
Segundo se recolle nun informe de UUAA o prezo medio do leite en orixe en Galicia no que levamos de ano alcanzou un máximo de 58,9 €/100 litro (sen IVE) no mes de febreiro pero en abril rexistrou unha baixada ata os 53,3 €/100 l (-5,6€ ou – 9,5%) que continuou ata o mes de maio no que a cotización chegou a 52,2 €/100 litros. A renovación dos contratos de subministración de leite a partir de agosto e ata finais de ano apuntan a un prezo medio de 48 €/100 litros de aquí a decembro.
“As sucesivas rebaixas impostas de xeito unilateral polas industrias prodúcense sen que exista ningunha razón de mercado que as avale. E, o que é peor: totalmente á marxe da evolución dos custos dos insumos, o que na práctica supón obrigar ás explotacións a cobrar por debaixo de custos de produción”, advirten dende Unións.
Así, advirten de que “mentres as industrias forzan estas reiteradas baixadas do prezo do leite en orixe, o que os consumidores pagan nos puntos de venda por ese mesmo leite non ten sufrido variacións. Así, no que levamos deste 2023 o PVP do leite de marca branca mantívose estable en 0,90€/litro, mentres que o prezo percibido polos gandeiros acadou unha media de 0,552 €/l; o que supón unha baixada do -6,2% respecto do prezo rexistrado en xaneiro (0,588€)”.
A organización agraria destaca as coincidencias existentes entre os contratos que unhas e outras industrias poñen fronte aos gandeiros cos que traballan: “todos coas mesmas baixadas de prezo e todos con idéntica redacción e cláusulas”, aseguran. “Un feito que evidencia que, unha vez máis, as industrias están a actuar como un cártel organizado para adaptar o mercado ás súas necesidades e incrementar as súas contas de beneficios á marxe da legalidade e da evolución do mesmo”, denuncian.
Ante esta situación, Unións Agrarias presentará demandas contras as industrias lácteas ante a AICA galega e estatal e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia.