Sat Casa Fernando, o camiño da mellora continua

Manuel Docampo, socio da granxa SAT Casa Fernando, unha das ganderías de máis dimensión de Galicia, fala dos retos do sector lácteo e máis das claves que sosteñen a súa empresa

Sat Casa Fernando, o camiño da mellora continua

Manuel Docampo, á esquerda, coa súa muller e o seu fillo.

No ano 1984, Manuel Docampo e máis a súa nai, que entón adicábanse á produción de carne, comezaron a vender leite, logo de perdas consecutivas de becerros e vista a necesidade dunha diversificación que asegurase o seu negocio. <<Daquela muxiamos a man e vendiámolo leite en cántaras>>, lembra con certa nostalxia un dos tres socios da granxa familiar SAT Casa Fernando (Trazo, A Coruña).

A extensión da tuberculose de finais dos anos oitenta entre as vacas do Estado tamén mancou significativamente a esta granxa do concello de Trazo: <<Leváronnos case tódalas vacas e tivemos que ir a Alemaña a mercar nove xovencas para poder poñernos a traballar de novo>>, explica Manuel. Pouco despois viron que necesitaban ampliar as súas infraestruturas. Xa non lles chegaba co espazo da casa. Foi entón cando decidiron saír do núcleo da aldea e facer unha corte máis grande, algo que daquela non era nada habitual na zona.

Aínda hoxe, en Casa Fernando conservamos intacta a corte que construímos hai xa vinte anos

Arriscaron na decisión buscando un futuro mellor e para eles foi a salvación: <<Aínda hoxe a corte orixinal segue en pé. Iso quere dicir que algo fariamos ben. Conseguimos facer intercambios de leiras cos veciños e fomos colléndoas todas arredor da granxa>>, explica. Dende entón, seguiron día e noite co gando no pasto ata que, no 2001, comezaron a construír a corte que aínda hoxe cubre os máis de 450 animais que suman.

casa-fernando-vaca

Unha das granxas máis grandes de Galicia.

Hoxe, Casa Fernando ten arredor de si máis de 50 hectáreas adicadas á plantación de millo e raigrás, todo para a alimentación do seu gando: <<Seguimos o ciclo máis habitual entre os gandeiros da comarca. Onde sacamos o millo, poñemos o raigrás. Intentámolo facer da mellor maneira. Plantar o menos posible para producir o máximo posible. Igual que as vacas. Ter as menos posible para producir a maior cantidade de leite.

A nós interésanos ter un leite de calidade e iso, moitas veces, confúndese con acadar grandes números

A Manuel non lle obsesionan as cantidades de leite nin de vacas: <<a min interésame ter un leite de calidade e iso, moitas veces, confúndese con grandes números. Non por facturar moito gañas máis>>, explica mentres afonda nos seus intereses de portas para dentro: <<queremos optimizar tódolos procesos que podamos. Temos aínda moitísima marxe de mellora>>, matiza.

Sobre os prezos do leite e máis dos custos dos pensos, Manuel admite que os gandeiros pouco poden facer: <<É coma estar navegando entre costes e prezos de venda, pero sempre coa auga á altura do pescozo>>, explica facendo referencia á subida do millo e máis a soia de comezos de marzo. <<Facemos planificacións sisudas, pero non podemos controlar que un día os americanos collan e pechen a billa, como pasou hai dous meses>>, lamenta.

“Cadrar as contas entre prezo do leite e custes é como navegar sempre coa auga ó pescozo”

Vacas da Casa Fernando

Vacas da Casa Fernando

A composición das racións

As vacas da granxa Casa Fernando comen arredor de 57,5 quilogramos ao día por cada res, unha cantidade que depende en parte de insumos externos. En liñas xerais, a composición distribúese así:

  • 25 kg de silo de millo
  • 15 kg de silo de herba raigrás
  • 7 kg de bagazo de cervexa
  • 7,5 kg de mestura de penso
  • 3 kg de colza

Con estas cifras, están a muxir unhas 200 vacas dúas veces ao día, producindo sobre 40,2 litros por vaca. A porcentaxe de graxa está entre 3,40 – 3,50 e a proteína sobre 3,20 – 3,30.

Outra das características da granxa son as camas de area para as vacas leiteiras; de serraduras para as xovencas de máis de ano e medio; e de palla para a recría máis nova. Do muxido encárgase un operario nunha sala de muxido totalmente informatizada, de dous por oito e en espiña de peixe, en tanto outro operario ocúpase do manexo do gando.

Tódolos traballadores de Casa Fernando

Tódolos traballadores de Casa Fernando

Os avances da mellora xenética

Manuel Docampo, que segue a liderar o rumbo da granxa xunto a súa muller e mailo seu fillo, admite que levan algo de vantaxe na mellora xenética de embrións: << Nós temos xa unha cantidade enorme de animais nacidos por esta vía. Calculamos que, en medio ano, toda a recría que vai nacer na granxa será de alto valor xenético. Estamos investindo moitos cartos en transplante de embrións e moi cedo notaremos o avance>>, explica.

Queremos conseguir vacas funcionais de corte que sexan lonxevas e non teñan problemas de saúde

<<A graxa conséguese baixando sensiblemente a produción ou cunha alimentación diferente, que sería moito máis cara.  Queremos mellorar as calidades a base da xenética, pero non só iso>>, afonda Manuel, que explica como xestionan todos eses procesos asesorados por un técnico especialista. Queren conseguir vacas funcionais de corte que sexan lonxevas, non teñan problemas de saúde e que, por suposto, acaden niveis altos de graxa e proteína grazas aos avances da xenómica.

O futuro do sector lácteo

<<Todo semella que o prezo do leite non vai subir e que, ademais, os mercados estranxeiros vannos seguir condicionando cos seus custos>>, relata Manuel. <<Os custos dependen dos magnates que manexan o penso como o petróleo. Sobre todo a soia e o millo e nós non podemos facer nada. Levamos opinando cen anos do mesmo tema e non adiantamos nada>>, conclúe.

Manuel cre firmemente que hai futuro na gandaría galega, pero admite que hai que traballalo arreo e seguramente, moi cedo, <<haxa que adaptarse ás demandas do consumidor, que, intúo, irán pedindo leite de pastoreo que teña moito coidado do benestar do gando. Nós estaremos aí, dando a batalla e mellorando todo o que podamos na nosa granxa>>, remata.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información