Unha Galicia de aquí a dez anos cun incremento da produción de leite, representando máis do 50% do total de España, pero con entre 2000 e 3000 ganderías menos, fronte ás arredor de 5600 que hai neste momento. Este é o escenario que ten en perspectiva a industria láctea para os vindeiros anos e ao que terá que adaptarse, coas implicacións que iso suporá en canto a relacións contractuais estables coas ganderías. De momento, a “fidelización” das granxas proveedoras é un obxectivo común para a maior parte do sector industrial para asegurarse o suministro de leite a presente e a futuro.
Así se puxo de manifesto esta mañá na terceira e última xornada do II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030”, organizado polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña.
Se a primeira xornada estivo adicada á debater sobre os retos de sustentabilidade (económica, social e medioambiental) para as ganderías de vacún de leite, e a segunda á análise dos mercados de produtos lácteos, a terceira xornada deste venres serviu para que representantes de sete importantes industrias lácteas de Galicia (Lactalis, Grupo Lence, Queserías Entrepinares, CLUN, Inleit, Naturleite e queixerías TGT) presentasen as súas prioridades na relación cos produtores, asi como a súa análise do sector. Xa pola tarde, o II Foro Empresarial Lácteo concluíu coa presentación do libro “El sector lácteo en España”, a cargo de Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do estudo.
Lactalis: “Nos próximos 7 anos contamos con que entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia”
Por parte das industrias lácteas a súa previsión é que a produción se concentre máis en Galicia, polas súas boas condicións para a produción de forraxes, existencia de tradición gandeira e de servizos para o sector (veterinarios, maquinaria, centros de investigación…etc), incrementando o seu peso do 41% actual ao 50% do total do estado.
Neste sentido, Juan Manuel Fiz, xefe de compras de Inleit pronosticou que “de aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España, pero iso si, con entre 2000 e 3000 ganderías, máis eficientes e con relevo xeneracional”. Ante a pregunta sobre que pasará co arredor do 1 millón de toneladas de leite que actualmente se concentran nas ganderías dos estratos con pequenas ou medianas produccións, Juan Manuel Fiz considerou que “non hai que dramatizar que desaparezan granxas porque normalmente as terras e as vacas acaban sendo adquiridas ou alugadas por explotacións con relevo e polo xeral con maior eficiencia, polo que mantemos ou incrementamos a capacidade produtiva”.
Juan Manuel Fiz (Inleit): “De aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España”
Na mesma liña se pronunciou Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis en Galicia: “Si que contamos con que nos próximos 7 anos entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia, pero a produción vaise manter ou incrementarse”.
A representante da principal industria láctea da comunidade engadiu que “estamos en Galicia nunha taxa do 6% de desaparición anual de granxas de vacún de leite, mentres que a media española está no 6,5%, co cal non é moi diferente a evolución”.
Recoñeceu que este proceso obrígaos como industria a incidir máis na fidelización das ganderías proveedoras, para asegurarse o subministro presente e, sobre todo, futuro. Non obstante, subliñou que “nós non podemos dicirlle a un provedor que non peche a granxa se o seu fillo non quere seguir”. “Estamos falando de que neste momento o investimento medio para construír un establo novo é de 7000 euros por vaca, e coas novas esixencias que veñen pode subir até os 10000 euros, polo que é comprensible que, se non hai relevo garantido nunha explotación, os propietarios se boten atrás á hora de facer unha ampliación e medrar”, subliñou.
Rafael García (CLUN): “Boto de menos por parte da administración un plan para reducir o peche de explotacións”
As relacións estables coas ganderías tamén lle interesan á industria láctea para manter a súa eficiencia produtiva e reducir custos. Asi o destacou Rubén García, responsable de compras en Galicia de Queserías Entrepinares: “Como empresa interésanos fidelizar aos gandeiros para ter menos riscos de cara ao futuro. Ademáis, se cambiamos de explotación con frecuencia estamos perdendo eficiencia como industria láctea”.
Unha visión diferente aportouna Rafael García, responsable da cooperativa CLUN na comarca de Ames e Negreira, xa que precisamente boa parte das ganderías socias da cooperativa son do estrato medio en canto a produción.
“Eu boto de menos unha actuación por parte da administración para frear o peche desas 2000 ou 3000 ganderías que se prevé que cesen a actividade nos próximos anos. En Francia, Suíza ou Italia o que fixeron é limitar en parte os queixos amparados con Denominación de Orixe ou IXP aos elaborados con leite producido en base a pasto, o que axudou a que os prezos se sitúen incluso nos 0,70 euros o litro e favorece que se manteñan moitas ganderías de pequeno e mediano tamaño e en zonas de montaña”, apuntou.
Na mesma dirección de apoiar o mantemento das pequenas e medianas ganderías, Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis, defendeu que o Goberno permita que os establos con vacas trabadas podan seguir activos. “É razoable que exixan a estabulación libre para as novas granxas que se constrúan, pero deberían permitir que pudesen seguir en funcionamento os establos con vacas trabadas, moitos deles con medias de produción moi altas, o que é indicativo de que as vacas poden expresar todo o seu potencial xenético e non están sometidas a estrés. Isto é por exemplo o que fixo a Unión Europea coa soia, que permite seguir importando de terras que foron deforestadas para o cultivo antes de xaneiro de 2021, polo que non ten ningún sentido que non aplique a mesma regra aos establos con vacas trabadas”.
Algúns datos clave das principais industrias lácteas de Galicia:
-Cooperativas Lácteas Unidas: Uns 150 millóns de litros recollidos no 2023 dunhas 300 ganderías socias. Algo máis de 240 millóns de euros de facturación, entre pensos, leite e outros servizos.
-Queserías Entrepinares: Maior fabricante nacional de queixo, o 80% del comercializado a través de Mercadona. Procesan na súa queixería de Vilalba algo mais de 250 millóns de litros de leite, dos que algo máis de 200 son recollidos a 170 ganderías galegas.
-Inleit: Na súa planta de Teixeiro (Curtis) descompoñen o leite por procedementos físicos en nata, proteínas, lactosa e minerais, que venden a outras industrias alimentarias. Exportan o 70% destes derivados a fóra da Unión Europea. Aínda que o proxecto inicial estaba destinado a elaborar produtos secos, cada vez máis están comercializando máis produtos frescos, como natas, a outras industrias alimentarias de España e da Unión Europea, debido aos menores custos enerxéticos de elaboración.
-Lactalis: Multinacional familiar francesa e principal industria láctea de Galicia, con dúas plantas en Vilalba e Nadela. En Galicia recolleron no 2023 un total de 508 millóns de litros a 1179 ganderías.
-Naturleite: Empresa pertencente á cooperativa andaluza COVAP e cunha planta en Meira na que envasan leite UHT e leite fresco para Mercadona, un produto en aumento que xa representa o 20% da súa produción. Recollen en Galicia uns 165 millóns de litros.
-Leite Río: Segunda empresa en volume de recollida en Galicia, con 475 ganderías que lle subministran leite. O pasado ano facturaron 260 millóns de uros, o dobre que en 2028.
-TGT: A queixería Teodoro García Trabadelo comprou dúas queixerías na Pereira (Mazaricos) dedicada a queixo barra e queixo Tetilla e outra no concello coruñés do Pino especializada en queixo Arzúa Ulloa. En toda España en 2023 facturaron uns 500 millóns de euros. 1 de cada 4 queixos que se comericalizan en España é do grupo TGT. O 60% do queixo que comecializan é español -o 20% del é elaborado polo propio grupo TGT e o resto comprado a outras industrias queixeiras- e o 40% do restante é importado doutros países, polo que consideran que existe moita marxe de mellora para incrementar a produción de queixo en España.