Sanidade do castiñeiro e da castaña

Fina Lombardero, profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría (USC), abordou no ciclo de conferencias Luis Asorey as principais pragas e enfermidades que afectan ós soutos, así como as medidas que se poden adoptar

Sanidade do castiñeiro e da castaña

O castiñeiro sempre foi un elemento clave na economía rural galega, pero desde o século XVIII foi fortemente ameazado por diferentes doenzas, que nalgunha época case o levaron á extinción.

Nos últimos 40 anos asistimos a un rexurdimento do castiñeiro a nivel mundial, derivado principalmente da revalorización do consumo da castaña en fresco e do desenvolvemento da industria de transformación, que está impulsando a creación de novas plantacións en Galicia e no resto do mundo. A profesora da Universidade de Santiago Fina Lombardero incide en que, neste contexto, é importante que os produtores se baseen no coñecemento e na experiencia para non repetir erros do pasado.

Fina Lombardero.

Fina Lombardero.

Poderíanse resumir os principais problemas sanitarios do castiñeiro e da castaña en cinco: dúas son especies nativas e tres son introducidas, froito da globalización e falta de control nas importacións. As tres especies introducidas son a tinta, o chancro e a avespiña. As dúas autóctonas son a antracnose e o ‘Xyleborus’. Por último están as pragas que afectan á castaña e non ao castiñeiro.

A tinta

A tinta foi a primeira gran doenza dos castiñeiros, é causada por unha especie moi complexa, “pois hai pouco pensabamos que era un fungo, pero agora entendimos que está máis perto das algas que dos fungos pola composición e comportamentos. Agora é considerado un pseudofungo”, sinala Lombardero.

Hai indicios de que se orixinou cerca de Papua Nova Guinea e no sudeste asiático. Na península Ibérica, foi detectada en Portugal no século XIX, pero xa na Serra de Gredos, no século anterior, se perderan moitos castiñeiros cos mesmos síntomas descritos posteriormente.

En Galicia, estímase que desapareceron preto do 60% dos castiñeiros só na provincia de Lugo por culpa da tinta, un pseudofungo que vai matando ás árbores pouco a pouco. Recoñécese o seu ataque polo decaemento e amarelado da copa, e afecta a moitos vexetais, non só aos castiñeiros.

Prevención
Como técnicas preventivas, hai que ter en conta unha serie de cuestións á hora de comezar unha nova plantación. En primeiro lugar, empregar plantas libres de patóxenos. Tampouco se deben plantar castiñeiros en zonas que encharquen, que podan ter asolagamentos no solo, pois é un medio moi favorable para a propagación da tinta para infectar ás plantas. En caso de ter algún tipo de asolagamento, deberíase drenar o antes posible.

Outra recomendación principal é a de empregar xenotipos tolerantes, como híbridos de castaños europeos con xaponeses ou chineses, o sistema máis común en Galicia desde 1926, se ben non todos os híbridos se adaptan igual.

Cómpre ter en conta ademais que canto máis subimos na montaña e fai máis frío, temos menos riscos, especialmente cando ao longo do ano non hai temperaturas mínimas por debaixo de 3º. En casos de risco, recoméndanse técnicas culturais, como a colocación no solo de mantiños ricos en celulosa, que axudan a degradar a tinta, pero implican o perigo das clamidosporas, uns fungos que poden aparecer e xerar problemas.

Tratamentos
Non existen funxicidas autorizados para o seu uso en campo, pero sí en viveiro, o Fosetil-Al. Para aplicación en campo, estase investigando nun organismo que combata a tinta, como o ‘Trichoderma’, un fungo depredador de fungos, empregado en control biolóxico, que polo de agora non está autorizado no castiñeiro, aínda que si noutros cultivos, nos que xera unha película arredor das plantas que impide a penetración das esporas da tinta.

O cancro ou chancro

A seguinte especie en entrar cronolóxicamente en España e en danos ocasionados, é o fungo responsable do cancro do castiñeiro, o Cryphonectria parasitica, descrito por primeira vez no 1904 en New York, pero orixinario de Asia, desde onde se desprazou debido ao movemento de castiñeiros infectados.

O cancro deixou o castiñeiro americano funcionalmente extinto, matando 4.000 millóns de árbores en 50 anos. En Europa detectouse no 1938 en Italia, pero espallouse rápidamente por toda Europa, citándose en Galicia no 1972, aínda que é posible que estivera xa presente no 1938 en Vilamartín de Valdeorras. Os productores, con medo da tinta, comezaron a traer castiñeiros asiáticos inmunes á tinta, pero ao facelo trouxeron o chancro.

“Temos a sorte de que o castiñeiro europeo é un pouco máis resistente que o americano, do contrario podería terse extinguido”, subliña Lombardero.

A enfermidade recoñécese porque aparecen pólas mortas e a cortiza hincha e adquire unha coloración alaranxada, comezando a rachar. O fungo precisa dunha vía de entrada na árbore como feridas de podas, danos mecánicos, fisuras naturais, etc. A árbore non é capaz de combatir o fungo, o que remata causando a súa morte.

Prevención
A mellor prevención pasa por desinfectar as ferramentas de poda, eliminar as pólas afectadas e destruir os restos de podas. “Ás veces expandimos o fungo ao podar”, advirte Lombardero, se ben o maior problema son os castiñeiros abandoados que están morrendo e botando esporas.

Outro sistema de prevención pasa pola xenética, con cruces híbridos resistentes, vía seguida por Europa. Ou a través de cisxenia e transxenia, introducindo xenes resistentes doutras especies, vía pola que opta Norteamérica.

Tratamentos
Como método curativo, é posible aplicar cepas hipovirulentas pertencentes ó mesmo grupo de compatibilidade vexetativa (ECV). Son cepas do fungo afectadas por un virus, con cancros superficiais de crecemento lento.

Con estas cepas hipovirulentas, en Galicia existe un programa de control biolóxico experimental levado a cabo por Medio Rural, no que, dependendo do tipo de grupo de compatibilidade vexetativa, inocúlanse as cepas hipovirulentas.

A avespiña

A avespiña do castiñeiro é un insecto orixinal de China que se converteu na principal praga do castiñeiro a nivel mundial. Detectouse en Europa no 2002, en España no 2012 e en Galicia no 2014. Ataca a todas as especies e híbridos do castiñeiro, é moi fácil de recoñecer polas bugallas nas follas, estípulas, flores e xemas, adquirindo aspecto transparente. Causa reducións na produción de castaña entre o 40-80%, reducións do crecemento e predisposición a outras patoloxías.

A súa abundancia non é homoxénea, existindo puntos críticos e puntos sen actividade. Canta máis calor e menos chuvia, máis a atopamos. Cando chega a un souto, vai facendo grupos, parece que comeza colonizando as árbores máis altas e despois vai pasando ás anexas, sen importar a especie ou híbrido, iso si, existen 7 xenotipos de híbridos (os clons comerciais números 3, 88, 89, 110, 324, 334 e 90.025) nos que os ovos non medran ben, polo que se consideran inmunes á praga.

Isto débese á reacción hipersensible da árbore, pola interferencia hormonal da planta cos ovos do insecto, facendo que a planta, nunha sorte de acto autoinmune mate as partes con ovos, o que fai que os ovos non sobrevivan e os castiñeiros queden marcados estéticamente con partes necrosadas, pero que non afectan á saude xeral da planta.

As avespiñas non teñen preferencia polos castiñeiros con cancro, pero é certo que é un problema que adoita favorecer o crecemento das avespiñas debido ao maior nivel de taninos na planta, substancia que nutre ao insecto e é un síntoma do cancro.

Sistemas de control
A mellor forma de controlar a avespiña é destruindo bugallas infectadas se non houbo solta de parasitoide. Se este foi liberado, como xa ocorreu en toda Galicia, haberá que manter as ramiñas finas de poda na parcela cas bugallas vellas para permitir a emerxencia de ‘Torymus’, e por suposto evitar mover partes de zonas infectadas a zonas sas.

Actualmente, os danos e a poboación do insecto están en descenso e hai motivos para pensar que estes niveis van seguir baixando.

As dúas especies nativas: ‘Antracnose’ e ‘Xyleborus dispar’.

Antracnose

A Antracnose do castiñeiro é un fungo que se considera secundario, pero que en anos de humidade pode causar danos importantes. Tamén afecta aos carballos e frondosas. Recoñécese fácilmente polas manchas necróticas nas follas, rodeadas sempre dunha mancha amarela, que van crecendo coa expansión do fungo, pasando a ser follas non funcionais para a planta. Os anos chuviosos e temporados favorecen a súa aparición e propagación, así como a pouca ventilación de copas.

Prevención
O mellor sistema de prevención é que as masas estean dispersas e ventiladas, pois iso reduce a infección das follas novas e acelera a descomposicion de follas no chan. Tamén se recomenda recoller e queimar as follas caídas afectadas ou compostalas.

Non existe ningún produto rexistrado para o tratamento desta enfermidade.

‘Xyleborus dispar’

O ‘Xyleborus dispar’ pertence a un tipo particular de insectos escolítidos. Aparecen en coníferas, pero máis en frondosas. Facil de recoñecer, fai uns orificios moi pequeniños na árbore, xeralmente de cor escura, polos que sae un serrín blanco moi fino, casi como fariña, e se levantamos a madeira veremos as galerías de cor escura.

Se aparece é que pasou algo nesa planta, xeada, seca, encharcamento, danos mecánicos, mal inxerto… O insecto detecta unha situación de estrés na planta e aprovéitaa.

Prevención
As mellores técnicas preventivas consisten en favorecer o vigor da masa, manter os solos húmidos durante os picos de voo do insecto, eliminar plantas susceptibles de ser infectadas ou cortar e destruír ramas ou árbores afectadas, retirando a madeira cos individuos no interior.

Funcionan tamén moi ben as trampas con alcohol ao 50%. Con dúas trampas por hectárea pode chegar como prevención, pero se queremos reducir a poboación, teríamos que ir ata 8 trampas por hectárea. O insecto ten tamén inimigos naturais e nunca se recomenda un tratamento químico, xa que está no interior da árbore ou voando a maioría do tempo.

Pragas da castaña

Entre as pragas da castaña, destacan tres mariposas e dous escarabellos, existindo gran descoñecemento sobre os fungos que tradicionalmente atacan a castaña. Nos últimos anos obsérvase unha gran diversidade de danos. Repasamos algúns dos problemas principais.

  • Cydia splendana’, larva blanquecina e alongada de mariposa que estraga o froito. Presenta unha xeración anual, voan entre agosto e outubro e poñen os ovos na cara das follas. As larvas penetran no froito e desenvólvense en tres semanas, saindo por un orificio de saída de menos de 2 mm e enterrándose no chan, onde se transforman en adultos.

    A mellor prevención é limpar o solo, retirando os ourizos atacados antes de que o insecto se enterre (o antes posible desde que os ourizos caen da planta ao chan, pois en tres semanas os vermes pasan do froito ao chan).

    Non existen productos químicos rexistrados contra esta especie, pero si unha trampa con feromona sexual sintética que pode reducir as poboacións.

  • Curculio elephas’. É un insecto, non mariposa, que ten un comportamento moi similar, pero a larva é curvada en forma de C, sen patas, máis ancha, e o orificio de salida é maior de 2 milímetros. As medidas de control son as mesmas que para ‘Cydia’, pero sen as trampas con feromonas.
  • A ‘Gnomoniopsis’ é un fungo que está presente en varios países de Europa, Asia, Australia e América, pero non se coñece moito sobre esta especie de ascomiceto, que causa podremia dos froitos e do endospermo , cancros e necrose nas pólas, con danos de importancia variable. Existen técnicas de calor para combatilo, pero deteriora a calidade do froito.

Ciclo de conferencias Luis Asorey sobre o castiñeiro

As XXXIV Xornadas Luis Asorey son un foro de divulgación científica celebrado no salón de actos da Deputación de Lugo, do 13 ao 22 de novembro. Están conformadas por unha serie de charlas, que se ofrecen de 19 a 21h, e este ano pódense seguir por streaming a través de YouTube.

Estas xornadas están coordinadas por Antonio Rigueiro, do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información