Medio Rural anuncia 7 proxectos piloto de agrupacións de xestión conxunta en soutos de castiñeiros

AMARELANTE castañas8

A situación dos soutos e da produción de castaña preocupa en Galicia, pois os produtores galegos confirmaron unha caída importante na campaña en curso. Ante isto, dende o PSdeG preguntaron na comisión de Agricultura do Parlamento que axudas percibirá o sector polas perdas desta campaña e cando se establecerían. Dende o Goberno aseguran que “xa hai axudas necesarias para darlle pulo necesario ás xestións dos soutos e ás plantacións de castiñeiro” e recalcan que están a promover un plan piloto de traballo para as agrupacións forestais de xestión conxunta, das que se van lanzar sete proxectos piloto en soutos de castiñeiros.

Na Comisión de Agricultura, a deputada socialista Carmen Rodríguez expuxo a situación do sector da castaña e afirmou que “foron cinco anos terribles para a produción”. Destaca que este produto supón unha “importante inxección económica para cooperativas e empresas, e tamén complementar as rendas das familias e pensionistas do rural”. Ante isto, dende o grupo socialista consideran que debería haber un plan de xestión “e de maneira urxente desenvolver e aplicar novas vacinas para o cancro do castiñeiro, adaptadas ás condicións das comarca, ademais de axudas directas ao sector da castaña para compensar as perdas desta campaña con fondos propios”.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan Rodríguez, puntualizou que “inicialmente hai axudas necesarias”, aínda que “estamos de acordo co diagnóstico respecto ao estado sanitario dos soutos”. Expuxo que na primeira revisión do Plan forestal de Galicia, propuxeron a elaboración dun Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña, que se aprobou en 2022 e que contén cinco eixes de fundamentais con 36 actuacións, das que 21 son prioritarias e que se están a desenvolver entre os anos 2022 e 2025.

“Nesas liñas urxentes está estase a intensificar o desenvolvemento de programas de medidas de control fitosanitario, dándolle especial prioridade á loita contra os perforadores da castaña, así coma o control do cancro con cepas hipovirulentas”. Así mesmo, destaca que en todo este problema “é fundamental a xestión dos soutos”. Rodríguez Dacosta recalcou que dende o grupo socialista están a favor do programa de recuperación dos soutos, pero “segue a ser preciso outra liña de axudas”.

En canto ao programa de recuperación dos soutos, Chan Rodríguez explica que está desenvolvendo un plan piloto para agrupacións forestais de xestión conxunta. Contan con 7 zonas elixidas por diferentes características e que están nas catro provincias. Servirá para “fixar as ordes de axuda para facilitar a creación destas figuras”. A través das entidades ofrecerase a posibilidade de establecer un convenio coa Consellería para fixar modelos de xestión e recuperación dos soutos de castiñeiro e tamén facilitar novas plantacións de castaño con variedades axeitadas e valoradas polas empresas de comercialización do sector da castaña. “Son sete espazos con 350 hectáreas que nos permiten ver as problemáticas que hai nos soutos e loitar contra o problema estrutural da propiedade”.

O souto de Vilar, en Folgoso do Courel, recupérase dos lumes a través dunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información