Antonio Rigueiro Rodríguez é o presidente da Asociación Forestal de Galicia e un fondo coñecedor da realidade do monte galego. Dende o ano pasado que se xubilou, é catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago.
Ademais, durante 14 anos exerceu como director da Estación Científica do Courel, o que lle permitiu estar en contacto directo coa realidade da montaña lucense. Con el abordamos algunhas das cuestións que preocupan ós propietarios forestais, como o anteproxecto da lei de incendios, o minifundio que predomina en moitas zonas de Galicia, así como os problemas do Catastro ou as limitacións que hai nas zonas cunha protección especial e Rede Natura.
-Dende a Asociación Forestal de Galicia teñen presentado unha serie de alegacións ó anteproxecto da Lei de Loita contra os incendios forestais de Galicia, en concreto pola xestión das faixas de seguranza arredor dos núcleos de poboación. En que se basean?
-Comprendemos que o primeiro que hai que protexer son os pobos, as casas e a vida das persoas, pero tamén entendemos que é un tema de protección civil. É dicir, que esa necesidade de manter limpas estas faixas non é responsabilidade dos propietarios, mentres que tal e como está redactado o anteproxecto de lei, conságrase esa responsabilidade só para o propietario forestal.
Estímase que o importe de manter limpas todas as faixas secundarias custaría uns 85 millóns de euros, aínda que hai algunhas que se atopan xa cunha actividade agropecuaria que as mantén limpas, co que este investimento reduciríase a 30 millóns de euros. A nosa proposta é que isto sexa financiado polas Administracións e que non recaia esa obriga nos propietarios forestais.
“É un agravio para o resto de propietarios que só se subvencione a limpeza de faixas secundarias das parroquias con risco alto de incendios. Penalízanse as zonas con menos lumes”
-Na actualidade, a Administración (Xunta e Fegamp) están a impulsar rozas bonificadas en arredor de 150 parroquias consideradas como de alta prioridade. Como valorades ese sistema?
– Pensamos que é un agravio para aqueles propietarios de terreos en faixas secundarias de parroquias cun risco de lume baixo, que deben asumir a súa limpeza. Mentres, ós propietarios con parcelas en parroquias prioritarias (aquelas que rexistran maior número de lumes) a Administración subvenciónalle estes desbroces.
É un agravio para o resto dos propietarios que se subvencione a limpeza de faixas secundarias destas parroquias e que non se faga o mesmo co resto de parroquias, xa que deste xeito as que menos lumes teñen estanse castigando, no canto de saír favorecidas.
-Outro dos temas sobre os que se leva moito tempo debatendo é o minifundismo forestal e agora volve estar de actualidade coa creación das agrupacións de xestión conxunta. Que perspectivas teñen sobre elas dende AFG?
-Temos esperanzas postas nelas, logo de que houbera outros intentos por afrontar o minifundio como foron as UXFOR (no bipartito) ou máis recentemente as SOFOR, e que non deron moito resultado. Agora estamos agardando que o día 23 deste mes de xuño, no Consello Forestal, se presente o borrador dos estatutos destas agrupacións de xestión conxunta e un borrador do tipo de contrato que deberán asinar os propietarios.
A superficie mínima son 10 hectáreas, como mínimo deben ser 3 propietarios e teñen que estar de acordo os propietarios do 75% da superficie. Este é un requisito moi importante, xa que en Galicia hai bastante rexeitamento ó asociacionismo para a xestión da terra, polo que o feito de que non teña que ser o 100% da superficie pode ser decisivo para que poidan ir adiante. Tamén supoñemos que as axudas das Administracións irán encamiñadas a este tipo de agrupacións, polo que tamén pode ser un incentivo para a súa creación.
“Estamos agardando a que se presenten os estatutos para poder crear as agrupacións de xestións conxunta”
-Que traballo están a realizar cos seus socios para fomentalas?
– A nosa intención é fomentar a súa creación entre os nosos asociados porque cremos que pode ser un xeito de superar o minifundismo. Xa o estamos facendo con iniciativas como as desenvolvidas con Promas da Mariña e na provincia da Coruña, que dalgunha maneira xa case son agrupacións de xestión conxunta. Falta darlle a forma legal, para o que é preciso que se presenten eses estatutos, que xa chegan con case dous anos de atraso.
“Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de preto do 40% da superficie forestal”
-Xunto co minifundio, unha das trabas para a xestión dos montes é a problemática do Catastro en Galicia, que presenta erros, falta de actualización, propietarios descoñecidos… Que impacto ten nos propietarios?
-É unha reclamación recorrente, de feito o tema volveuse a tratar na última asemblea da Asociación que celebramos a finais do mes de abril. Volveremos enviar unha petición para entrevistarnos co delegado do Catastro, ó non ter polo momento contestación, xa que queremos poder tratar a situación con el. Houbo moitas revisións do Catastro, pero seguramente a que está vixente sexa unha das peores.
Hai un gran número de parcelas con erros na cartografía ou na identificación do propietario e mesmo moitas delas de propietarios descoñecidos. Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de entre o 35 e 40% da superficie de monte, segundo datos do Agader. En Galicia tampouco é unha porcentaxe nada desprezable, posto que posiblemente se atope entre un 20 e un 30%. Estes erros xeran ós propietarios un importante prexuízo, xa que mesmo se están dando casos de venda de madeira por parte de persoas que non son os propietarios da parcela.
-Como se podería solucionar este problema?
-Hai distintas medidas que se poden tomar. Por un lado tratar de aclarar a propiedade e actualizar o catálogo en canto ós propietarios para que figuren os propietarios actuais e non os seus antepasados. Tamén habería que mellorar a cartografía, botando man das novas tecnoloxías, que poden contribuír a ter referencias de gran calidade. E sen dilatalo moito no tempo, sería conveniente facer un novo Catastro.
-A demanda da mellora da fiscalidade dos propietarios particulares e comunidades de montes é outra das liñas de traballo da AFG dos últimos anos, en que se basea a proposta que se fai dende a Asociación?
-Un dos aspectos máis importantes ten que ver co tratamento fiscal que teñen moitos propietarios forestais. Aqueles propietarios que se deben acoller ó sistema de estimación directa para a venda en madeira, ó ter xa ese réxime para a súa actividade principal, teñen un agravio fronte ós propietarios que para a venda de madeira poden facer unha estimación obxectiva (funcionarios, pensionistas…). A aqueles que o fan por estimación directa só se lles permite desgravar os gastos que tiveron ó longo dos anos (podas, desbroces…). Tendo en conta que se trata de quendas de corta que poden chegar a varias xeracións é difícil que se garden os recibos durante este tempo.
Mentres, os que poden acollerse a unha estimación obxectiva, simplemente se lle aplica un coeficiente en función do tipo de especie (de crecemento rápido é o 0,26% e para as de crecemento lento do 0,13%). Realmente é un tratamento moi favorable e buscamos que se poida estender a tódolos propietarios.
-Hai posibilidades de logralo? Tiveron resposta a esta petición?
-O Ministerio de Transición Ecolóxica móstrase partidario, pero as reticencias veñen por parte de Facenda, que xa rexeitou a proposta. Seguiremos traballando para conseguir un trato máis xusto para os propietarios.
“Sería interesante incrementar a superficie forestal pública adquirindo espazos de gran valor ecolóxico”
-Unha cuestión recurrente nas asembleas da AFG son as complexidades que supón o manexo de áreas forestais en Rede Natura. Cales son as principais limitacións nestes espazos?
-Hai limitacións que están xa contempladas no propio Plan director da Rede Natura. Non se poden plantar determinadas especies, como eucaliptos. É unha medida acertada, xa que en Galicia tamén debemos de ter algúns espazos preservados. Tampouco se poden instalar parques eólicos e mesmo hai limitacións para as cortas de frondosas. O problema é que estas directrices limitan o aproveitamento dos propietarios, por iso dende a AFG defendemos que se manteñan este tipo de espazos protexidos, pero se compense ós propietarios polo lucro cesante destes montes, que adoitan ser moi valiosos.
Debería de premiarse ós propietarios que permitiron que espazos naturais de gran valor como as Fragas do Eume ou a Serra do Courel cheguen ós nosos días e non limitarlle a actividade e o uso. Eles interprétano como un castigo e non obteñen ningún tipo de compensación, cando estes espazos repercuten nun beneficio para o resto da sociedade. Habería que establecer un sistema de compensación para estes propietarios.
-No caso das Fragas do Eume, hai unha percepción dos visitantes ó espazo de que o cultivo do eucalipto está moi estendido, nas partes media – altas do val, principalmente. Como presidente da xunta reitora do Parque Natural, como se conxuga aí a conservación dun espazo natural e os dereitos dos propietarios?
-É certo que hai tenzas de eucalipto e houbo incendios que permitiron que o eucalipto se fose estendendo. Tamén hai unha conciencia de que nun parque destas características non haxa esta especie, de feito acaba de aprobarse agora o plan reitor do Parque Natural, que leva un atraso duns 25 anos. Neste plan establécense zonas onde os usos son moi limitados, xa que son as de maior valor pola súa biodiversidade, e outras nas que hai máis usos permitidos. Tamén se limitan especies ou as infraestruturas, para así conservar o espazo.
Por outra parte, a Consellería de Medio Ambiente habilitou liñas de axuda para a transformación destes eucaliptais en montes de frondosas ou outras especies. Ademais, desenvolveu un plan de compra para adquirir parcelas nas Fragas do Eume, atendendo a unha reivindicación histórica dos propietarios. É unha medida que considero acertada, non só para o parque do Eume senón para a Rede Natura en xeral, posto que en Galicia a administración pública só ten un 2% da superficie forestal e sería interesante que se fose incrementando, centrándose nestes espazos de gran valor ecolóxico e onde os propietarios teñen moitas limitacións.
-Vaiamos a outro espazo natural, como é a Serra do Courel. Como bo coñecedor dos montes do Courel polo seu traballo na Estación Científica da USC, como valora a situación da Serra?
-O Courel, xunto cos Ancares, está nunha zona especial de conservación e é o espazo máis extenso da Rede Natura que temos en Galicia, con 110.000 hectáreas. Estamos en zonas de montaña con poboación envellecida e escasa e cunha redución moi significativa da actividade agrogandeira, con abandono dos terreos agrícolas e forestais. Tamén hai plantacións de piñeiro que non teñen un tratamento silvícola axeitado e o lume pode acabar afectando a moito territorio, como xa aconteceu.
-Logo daquel lume houbo críticas ás superficies repoboadas con piñeiro na serra. Cre que foron un problema?
-Hai colectivos na Serra do Courel que creen que eses piñeirais foron unha das causas para que o incendio fose tan virulento. É certo que os piñeirais que estaban abandonados arderon, pero tamén arderon moitas zonas de matogueira e aínda que arderon menos, tamén se queimaron algunhas zonas de frondosas (soutos e carballeiras). Mesmo chegou a estar ameazada a Devesa da Rogueira, un símbolo do Courel.
“En Vilar están mirando de facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais… que servan de experiencia piloto para a restauración doutras áreas do Courel”
-Como habería que enfocar a restauración do espazo?
-Hai iniciativas da Administración para a recuperación e plantación de novos soutos. Nas zonas de matogueira vaise recuperando pouco a pouco. Tamén é certo que se perdeu terra, xa que tras o lume houbo importantes choivas. Nesas zonas a recuperación será moito máis lenta, mesmo no caso do mato. Hai algunha iniciativa a pequena escala en Vilar para facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais… que serva de experiencia piloto para ver o que se podería realizar noutras áreas do Courel.
-Nos últimos anos vivimos grandes lumes en zonas como Ancares, Courel ou Valdeorras. Veremos máis lumes así nos próximos anos?
-Por desgracia coido que si. Estamos vivindo os efectos do cambio climático co incremento das temperaturas e as secas. Tal e como amosan os datos por exemplo do último ano hidrolóxico (setembro de 2021 – setembro 2022), as precipitacións en Galicia foron a metade da media dos últimos anos. Estes períodos de seca prolongada e altas temperaturas favorecen os grandes lumes, que son moi difíciles de atallar e perigosos.
-A seca é un aliado para os lumes no monte, pero que efectos pode ter o estrés hídrico nas enfermidades e pragas forestais?
-Tanto a seca como efecto do cambio climático, así como a globalización, relaciónanse coa expansión de pragas e de especies invasoras. Un exemplo diso é que nos últimos anos houbo unha elevada afectación de banda marrón, que afecta sobre todo ó piñeiro insigne, aínda que esta campaña hai menos incidencia.
Temos que estar alerta e non podemos baixar a garda. No eucalipto viuse nos últimos anos en determinadas comarcas unha explosión do fungo Mycosphaerella, pero tamén se está tendo xa algunha planta resistente. Aínda que aparecen problemas sanitarios, tamén se está avanzando en investigación e na obtención de plantas melloradas e resistentes. Cada vez trabállase máis con solucións respectuosas co medio, coma no caso da avespiña do castiñeiro ou o gurgullo do eucalipto, contra os que se están conseguindo resultados favorables coa loita biolóxica.
“Debería priorizarse a investigación aplicada, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia”
– Cales deberían ser os obxectivos prioritarios na investigación forestal en Galicia?
-Aínda que é importante a investigación básica, tamén debería priorizarse a investigación aplicada ó sector, é dicir, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia. Sería interesante que a Administración establecera un plan de investigación agrogandeiro e forestal para atender os problemas destes tres subsectores.
“Búscase que Galicia tamén poida producir madeira de frondosas de calidade”
-Coñecidos os novos datos de superficies por especies no novo Inventario Forestal de Galicia, como valora a situación do monte galego?
-Seguimos tendo a mesma superficie global de arborado (1.400.000 hectáreas) e de matogueira (600.000 hectáreas). O que cambia con respecto ós datos de anteriores inventarios forestais é o reparto, con máis superficie de frondosas, temos tamén algo máis de eucalipto e menos piñeiro. Hai que ter en conta tamén que esas 600.000 hectáreas de masas de frondosas non son de plantacións con material xenético de calidade, nin con tratamentos silvícolas axeitados, nin están pensadas para a produción de madeira de calidade, que é algo que Galicia tamén necesita. Son masas de frondosas en moitos casos froito do abandono e que teñen un importante valor paisaxístico, pero non produtivo.
Hai masas de frondosas cun importante valor paisaxístico que se terán que conservar sen aproveitamentos, pero noutra parte das frondosas sería de interese aplicar tratamentos silvícolas
-Que sería preciso para crear unha oferta de frondosas atractiva para a industria da madeira?
-Nalgunhas zonas, onde teñan un maior valor paisaxístico e de conservación do medio, sobre todo aquelas que estean en zonas de Rede Natura, haberá que conservalas. Mentres, aquelas nas que se poida facer un aproveitamento produtivo, sería de interese aplicar tratamentos silvícolas axeitados para lograr un aproveitamento madeireiro de calidade.
Precisamente, no próximo Consello Forestal presentarase o Plan de Aproveitamento de Frondosas de Galicia para producir madeira de calidade, nel tamén se inclúe facer plantacións con material xenético de calidade. O obxectivo é que Galicia, que é un produtor de madeira, sobre todo de eucalipto e piñeiro, tamén poida producir madeira de calidade de frondosas, xa que estase a importar este tipo de madeira.
– No caso do eucalipto, cuxa superficie se incrementou con respecto dos últimos datos que se manexaban no 2009, cando acabe a moratoria no 2025, como sería partidario de regular a especie?
-Esta moratoria foi aprobada polos 3 grupos políticos do Parlamento, entón cabe pensar que se busque de novo ese consenso. Podería suceder que continúe a moratoria, unha opción que preferirán os que teñen eucalipto, xa que eles poderían seguir cortando e plantando, ó tempo que se limitaría a competencia e a caída de prezos por exceso de produción.
Tamén podería darse a situación de que se levantase por completo a moratoria, o que podería ocasionar que volva haber un gran interese por plantar eucaliptos, o que seguramente á súa vez levaría a unha nova moratoria a curto prazo.
Tras a moratoria do eucalipto, unha opción é establecer certas limitacións xeográficas e de superficies mínimas para esa especie
Unha terceira vía é que se establezan certas limitacións á hora de realizar plantacións de eucaliptos. Limitar o territorio onde plantar esta especie e fixar unha superficie mínima, para atallar o mosaico de eucalipto que había antes da moratoria por toda Galicia. Deste xeito, poderíase superar o minifundio e fomentaríase a xestión do monte de xeito conxunto, como coas agrupacións de xestión conxunta ou coas comunidades de montes. Penso tamén que debería limitarse a proporción de eucalipto en nova superficie de plantación, sendo mínima, e que o resto teña que plantarse con outras especies.
“A moratoria do eucalipto e a suba do prezo da madeira de piñeiro de calidade favoreceu que se incremente o interese dos produtores polo piñeiro”
– O piñeiro foi nos últimos 15 anos unha especie en regresión, se ben os datos apuntan a un aumento das plantacións en monte. Hai que ser optimistas sobre o futuro do piñeiro?
-Penso que si. É verdade que dende que se comezou a falar da moratoria e xa anos antes se estaba vendo un boom do eucalipto, en parte polo prezo alto que se estaba pagando polo eucalipto en comparación co piñeiro. Mentres o eucalipto para trituración podía rondar os 30 euros a tonelada, no piñeiro para o mesmo fin o prezo caída ata os 15 euros.
Pero, dende hai un par de anos, o prezo da madeira de piñeiro mellorou notablemente e hoxe a tonelada de piñeiro de calidade para a serra pode chegarse a pagar a 60 ou 80 euros a tonelada, mentres que a de eucalipto está a menos da metade. Isto, xunto coa moratoria do eucalipto, favorece que o propietario se anime a plantar piñeiro, aínda que a quenda de corta sexa un pouco máis longa.
No ano 2022 plantáronse unhas 5.000 hectáreas de piñeiro en Galicia (2.000 de piñeiro insigne e 2.000 de piñeiro do país e unhas 1.000 de piñeiro silvestre) e vendéronse uns 6 millóns de plantas, o que fai que sexa un ano récord. Hai unha boa tendencia de recuperación do piñeiro e esperemos que cando se levante a moratoria do eucalipto, non se rompa esta tendencia.