O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se acorda someter a información pública o proxecto de decreto polo que se crea e regula o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta.
O prazo polo que se someterá a norma a información pública será de vinte días hábiles contados desde hoxe. O texto do proxecto de decreto poderá consultarse no portal de transparencia da Xunta na seguinte localización: Normativa en tramitación – En prazo de envío de suxestións.
O proxecto de decreto
Este proxecto de decreto permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da comunidade, unha iniciativa na que están implicadas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural, esta última a través da Axencia Galega da Industria Forestal.
O decreto busca crear un sistema voluntario de carbono, así como a definición da súa estrutura e organización e a regulación das obrigas e dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes. Tamén se establecen os requisitos para a verificación e a certificación por terceiras persoas das eliminacións de dióxido de carbono, a xestión dos sistemas de certificación e o funcionamento dos rexistros.
A Xunta subliña que farase todo a través dun sistema auditado, transparente e co aval da administración autonómica, ofrecendo garantía e lexitimidade aos compradores. O mercado diríxese e organizacións públicas e privadas que aposten por compensar a súa pegada climática e camiñar cara a neutralidade, coa participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono.
Entre os obxectivos que se perseguen están o de contribuír á mitigación de gases de efecto invernadoiro, á descarbonización da economía no territorio autonómico e ao cumprimento dos compromisos nacionais e internacionais asumidos por Galicia. Trátase de incidir na sustentabilidade da xestión forestal, nas prácticas agrogandeiras ou na construción, de forma que este novo mercado desenvolverá metodoloxías pioneiras en España.
Bases do sistema: comité técnico, metodoloxías e Plataforma de Créditos de Carbono
Comité técnico
O decreto dispón a creación dun comité técnico, que será o encargado de deseñar as metodoloxías para a posta en marcha do sistema voluntario de créditos de carbono.
Metodoloxías
Será nas metodoloxías onde se concrete que proxectos poderán certificarse no sistema, que requisitos deberán cumprir e como se medirá o carbono adicional que ou ben secuestren da atmósfera ou ben se deixe de emitir pola execución do proxecto.
Cada metodoloxía que defina o comité técnico estará a exposición pública antes da súa aprobación. Unha vez aprobadas as metodoloxías, será cando poderán presentarse proxectos que encaixen nunha metodoloxía concreta, de cara a comercializar os créditos de carbono xerados.
Pode consultarse unha relación preliminar de metodoloxías previstas nesta páxina do proxecto de decreto. Como xa se anunciara, un dos obxectivos principais é o de lograr a xeración de créditos de carbono voluntarios mediante prácticas de xestión forestal sustentable e de agricultura e gandería rexenerativa.
Os sectores que poderán xerar créditos de carbono voluntario son amplos, incluída a industria enerxética, xestores de residuos urbanos ou cultivadores de algas
En ambos casos, enténdese que eses créditos de carbono redundarán tanto en impulsar mellores prácticas ambientais como en complementar a renda de silvicultores, agricultores e gandeiros.
Tamén se prevé que a construción en madeira poida acceder a créditos de carbono, así como a industria enerxética que opte por modelos de produción de enerxía con menores emisións, en concreto co uso de biomasa, enerxía solar, xeotermia, riotermia ou biocarbón.
En total, polo de agora a Xunta prevé un total de 26 metodoloxías, con cabida para numerosos sectores, como a xestión e reciclaxe de residuos urbanos ou mesmo o cultivo de algas mariñas.
Plataforma de créditos de carbono
A Xunta creará para a comercialización unha Plataforma de Créditos de Carbono de Galicia, á que poderán acudir as empresas e institucións interesadas en mercar créditos de carbono de xeito voluntario para compensar as súas emisións.
O futuro mercado de carbono de Galicia dará entrada a proxectos agrogandeiros e a constructoras