A adega cooperativa San Roque, de Beade (O Ribeiro), presentou este martes o seu primeiro viño tostado: Terra do Castelo, un auténtico produto gourmet elaborado a partir de uvas pasificadas da variedade treixadura das colleitas dos anos 2009, 2010 e 2011.
O viño foi presentado na adega nun acto no que participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez; o presidente da adega, Ramón Álvarez Bueno, e o seu homólogo do consello regulador do Ribeiro, Juan Casares.
O prezo, de 50 euros pola botella de 75 centilitros, xustifícase por tratarse dun produto único froito dun longo e esmerado proceso de elaboración. Así, o proceso para elaborar o Terra do Castelo tostado comezou coa vendima selectiva dos mellores acios; logo as uvas foron pasificadas durante 5 meses ao estilo tradicional, colgados os acios nun entorno seco, e posteriormente os bagos foron prensados. Despois da fermentación o viño repousou 6 meses en pipos de carballo galego e americano para logo pasar a botella, onde neste caso envelleceron durante un mínimo de 4 anos (o regulamento do consello regulador do Ribeiro fixa unha crianza mínima en pipa de 6 meses).
O presidente da adega, Ramón Álvarez Bueno, amósase orgulloso co resultado, un viño único que xa recibiu a medalla de ouro da Guía dos Viños e Destilados de Galicia que elabora o prestixioso sumiller Luis Paadín.
Como mostra da esixencia da súa elaboración, para elaborar 40 litros de tostado cómpren 100 kilos de uva pasificada. Esta primeira edición limitada do Terra do Castelo tostado constará de 560 botellas numeradas de 75 centilitros, que se poderán mercar en establecementos especializados ou directamente na páxina web da adega.
Para os que se queden este ano sen a súa botella de Terra do Castelo tostado a adega está criando en barrica as novas edicións correspondentes ás colleitas dos anos 2013, 2014, 2015 e 2016.