Como afecta o uso de fitosanitarios nos viñedos á saúde dos solos?

Unha investigación aborda o impacto dos fitosanitarios empregados nas viñas do Ribeiro. Analizan a presenza de restos de tratamentos nos solos dos viñedos en convencional e en ecolóxico. Coñecemos como pode influír a xestión que se faga dos viñedos no solo e na resposta das viñas

Publicidade
Como afecta o uso de fitosanitarios nos viñedos á saúde dos solos?

O emprego de pesticidas é un dos temas que preocupa no campo e tamén en Europa, como poñen de manifesto as novas normativas comunitarias que procuran unha redución do seu uso de cara ó 2030. Con todo, as campañas europeas de control do uso de pesticidas amosan unha tendencia estable e controlada, con pequenas variacións pola entrada ou saída das listaxes de produtos autorizados polas Administracións ou en parte debido ás campañas publicitarias das casas comerciais.

Co uso que se fai na actualidade en cultivos coma os viñedos de pesticidas para a loita contra patóxenos, cabe preguntarse que impacto está a ter o seu uso nos solos e na súa saúde. Este foi un dos obxectivos que procura un traballo no que participaron distintos centros de investigación como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal) e as universidades galegas como a USC (Grupo de Cromatografía e Quimiometría) e a Universidade de Uvigo (Grupo de Investigación Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), e no que avaliaron solos de viñedos do Ribeiro.

Analizaron os solos tanto na época de maior aplicación de produtos fitosanitarios coma no inverno, para coñecer se quedan residuos

En concreto, o estudo realizárono en parcelas cun manexo convencional e ecolóxico e tomaron mostras en xullo do 2022 e en febreiro deste ano. “Eliximos facelo en dúas datas para ter rexistros no pico de aplicación dos produtos fitosanitarios (xullo) e tamén mostras da época na que case non se aplican tratamentos, para ver se hai presenza deles nos solos”, detalla Isaac Rodríguez Pereiro, profesor da USC e un dos investigadores implicados.

Isaac

Os investigadores Isaac Rodríguez e Pilar Blanco durante a presentación dos resultados do estudo ó sector.

Recolléronse mostras de solos a dúas profundidades diferentes e observáronse diferenzas entre os valores obtidos en función da profundidade e en función do tipo de manexo que se está a aplicar nas parcelas. “As propiedades relacionadas con contidos totais de diferentes elementos coma o carbono, o nitróxeno, ferro ou cobre non presentaban diferenzas entre os manexos. De feito, os niveis de cobre son altos en todos os sistemas de manexo probablemente polo recorrente uso dende hai décadas de funxicidas de base cúprica”, explica Flora Alonso Vega, profesora da Uvigo e outra das investigadoras implicadas no proxecto.

Porén, ó avaliar propiedades dos máis vinculados coa fertilidade ou a calidade dos mesmos, atoparon valores máis favorables naquelas parcelas manexadas en ecolóxico en comparación coas manexadas en convencional. Así, os valores medios de pH, as concentracións de catións intercambiables coma o calcio, potasio e magnesio, ou as de micronutrientes coma o manganeso e o zinc, foron maiores nos solos manexados baixo un sistema en ecolóxico. “Estas tendencias poderían confirmarse transcorrido máis tempo de aplicación do manexo en ecolóxico”, indica a investigadora Flora Alonso.

A presenza de compostos nos solos do Ribeiro

Analizar a presenza de restos de produtos fitosanitarios nos solos supuxo un reto para os investigadores posto que algún dos principios activos presentes nas formulacións comerciais resulta difícil medilos no medio, xa que son lábiles en condicións naturais. Ademais, para analizar a presenza dalgúns deles tamén se requiren metodoloxías específicas e relativamente caras, como apuntaba Rodríguez Pereiro.

A heteroxeneidade das parcelas tamén foi outro condicionante e que mesmo pode ter impacto na análise dos resultados, como sinalan os investigadores. Así é que contaban con parcelas con máis de 2 hectáreas de viñedos e outras onde apenas se chegaba ós 400 metros cadrados e nas que se adoitaba facer un manexo ecolóxico. “Nalgunhas destas parcelas de menor tamaño detectamos a presenza de compostos nos solos que non se empregaban nesas viñas, polo que nos leva a pensar a que puideran chegar alí por mor de transporte aéreo”, detalla Rodríguez.

Detectaron restos de 22 funxicidas e 2 insecticidas. En boa parte das parcelas a presenza destes compostos está en cantidades moi baixas

Nestes dous anos de investigación analizaron a presenza de 53 compostos, entre os que se atopan os máis presentes nos produtos fitosanitarios empregados nos viñedos. Deses 53 compostos atoparon restos de 26 deles nas mostras analizadas. A maioría son funxicidas (22), mentres que dous deles son insecticidas e outros 2 restantes son compostos de transformación dalgúns dos funxicidas empregados no viñedo. “Nas parcelas cun manexo ecolóxico había valores moi baixos, en torno a 10 nanogramos por gramo de terra, mentres que nalgunhas das parcelas en convencional detectáronse valores de 2.000 nanogramos por gramo”, detalla o investigador.

Na época de repouso no viñedo a presenza de restos de fitosanitarios nos solos chegou a reducirse a unha quinta parte

Nesta análise dos solos, ademais de detectar os funxicidas empregados durante as campañas de xeito directo, resulta significativa a presenza dun funxicida, o Carbendazim, cuxo uso leva anos prohibido. “Pode haber algún funxicida dos empregados na actualidade que se transforme neste principio activo”, apunta.

Tamén destaca que na época de repouso do viñedo a presenza destes compostos redúcese significativamente, sobre todo nas parcelas cun manexo convencional, posto que nas de ecolóxico a súa presenza é xa mínima. Así, nas mostras tomadas en febreiro deste ano aprécianse valores totais de 500 nanogramos por gramo, cando en plena época de tratamentos pode chegar a situarse nos 2.500 nanogramos por gramo.

Residuos suelo viñedo

Concentración de compostos nos solos segundo os distintos tipos de manexo.

Do mesmo xeito que se reduce a cantidade de restos fitosanitarios tamén se reduce o número de compostos identificados durante os meses de inverno. “A pesar desa redución aínda hai parcelas nas que se detectan ata 11 compostos a niveis relevantes”, detalla Rodríguez.

Esta redución dos compostos e da cantidade atopada débese fundamentalmente ás condicións ambientais, así coma ás propias características do composto. “Non todos os compostos teñen a mesma persistencia”, explica o investigador. Cómpre ter en conta ademais, que pese a que 2022 foi un ano seco, a partir de setembro rexistráronse precipitacións por encima dos 700 milímetros, o que pode provocar que haxa problemas de escorrentas nas capas máis superficiais dos solos analizados.

O impacto na saúde dos solos

Outro dos aspectos que analizaron nesta investigación foi o impacto que ten o uso de fitosanitarios na propia saúde dos solos e o que condicionan a presenza de microorganismos nel. Cómpre ter en conta que o papel dos microorganismos nos solos é fundamental para cuestións como a regulación do clima ou a saúde das plantas. En concreto, os microorganismos estimulan o crecemento da planta e aumentan a súa resistencia a situacións de estrés ou enfermidades.

A presenza de microorganismos é tamén clave para a viticultura. “Dende a viña á adega, os microorganismos xogan un papel importante na produción e calidade do viño”, argumenta Pilar Blanco Camba, investigadora da Agacal-Evega, e coordinadora do proxecto.

Na análise dos solos do Ribeiro determinou que existen distintos terroirs microbianos na DO Ribeiro nas áreas xeográficas dos vales do Miño, Avia e Arnoia. Ademais, nas parcelas cun manexo ecolóxico do viñedo detectáronse máis especies exclusivas que nas parcelas cunha xestión convencional.

O manexo do viñedo afecta directamente á saúde do solo e ós beneficios que este lle proporciona á planta fronte situacións de estrés e enfermidades

“Nos viñedos cun manexo sostible aprécianse redes microbianas mellor conectadas, con maior interacción e cooperación para unha maior resistencia e resiliencia fronte a condicións de estrés”, detalla a investigadora. Así é que o manexo que se fai da parcela inflúe directamente na composición do solo, na presencia de bacterias e fungos. Os solos analizados amosan unha menor diversidade de bacterias, pero niveis de fungos semellantes ós manexados noutras zonas xeográficas próximas coma Portugal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información