A Consellería do Medio Rural vén de resolver as axudas para a primeira forestación de terras non agrícolas. O importe total das axudas ascende a 3,8 millóns de euros e posibilitarán a plantación de máis de 2.000 hectáreas de superficies non agrícolas pero nas que tradicionalmente tampouco había arborado. Os beneficiarios son un total de 113, principalmente comunidades de montes veciñais e propietarios particulares. Quedaron fóra das subvencións outros 165 solicitantes.
As axudas, con cargo ó Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, financian todos os gastos derivados da plantación, así como posibles actuacións en infraestruturas complementarias. Os traballos deberán estar rematados e xustificados a 15 de xuño do 2017, pero a orde establece que unha parte dos labores, correspondentes a fondos da anualidade 2016, deberán estar rematados e xustificados a 30 de decembro de 2016, o que deixa ós beneficiarios e ás empresas de servizos forestais cun escaso marxe de actuación.
As axudas para a primeira forestación de terras non agrícolas oriéntanse principalmente á plantación de piñeiro do país (Pinus pinaster) e de piñeiro insigne (Pinus radiata). Deben executarse en zonas clasificadas como forestais, pastos arbustivos ou pastos con arboredo.