– Cóntanos brevemente a historia de empresa.
Maderas Besteiro é unha empresa que naceu no 1930 en Castroverde. Foi fundada por Bautista Besteiro Fornes. Nos anos 40 trasladouse para Lugo capital e estivo na cidade ata 1977, que foi cando se construíu a primeira nave na ubicación actual. Outro fito importante foi no 1988, que se instalou a maquinaria para transformar madeira maciza, que foi onde empezou a parte de transformación de Maderas Besteiro, pois a empresa nacera só como distribuidora de produtos de madeira.
Destacar tamén que a mediados da década dos 60 incorporouse a segunda xeración á dirección da empresa e no 2000 a terceira xeración.
– Explícanos as vosas principais liñas de traballo a día de hoxe.
En Maderas Besteiro temos tres grandes liñas de negocio ou áreas de actividade. Por un lado temos o que é a madeira maciza, que nós mercámola a serradoiros en táboa e, ou ben distribuímos esa madeira ou ben transformámola facendo tarimas, frisos, molduras, marcos, escaleiras… Transformámola e vendémola a profesionais.
Outra gran liña de negocio é o taboleiro, que o distribuímos ou o transformamos fabricando cociñas, armarios, corte mecanizado de taboleiro… e por último temos a construción con madeira, que quizais vén das dúas anteriores.
– Na liña de construción en madeira, fálanos da evolución que estades vendo no mercado nos últimos anos.
Nós empezamos con máis profundidade no tema da construción con madeira no 2013. Dende o 2013 ata agora, o que vimos foi unha evolución no tipo de construcións. Antes era máis unha estrutura pesada, é dicir, cubertas ou forxados, principalmente, en rehabilitación.
Agora xa non só é a rehabilitación, senón construción de edificación nova con CLT (madeira contralaminada), con viga laminada e con taboleiro, e vamos cara a edificacións en altura, non só vivendas unifamiliares.
“Vemos interese por construír en madeira por parte dos arquitectos, consumidor final e administracións públicas por diferentes motivos: por ecoloxía, eficiencia, por aforro térmico…”
Estamos vendo unha evolución no proceso. Actualmente creo que temos un futuro moi interesante no que é a construción con madeira, simplemente polo que sucedeu en Alemaña, Austria e en todo o centro Europa e que se está a trasladar a España. Vemos ese interese por construír en madeira por parte dos arquitectos, consumidor final e administracións públicas por diferentes motivos, por ecoloxía, eficiencia, por aforro térmico… Por unha serie de elementos vemos que o mercado está a tirar por aí e como di un dos donos de Madeiras Besteiro, estamos no século da madeira. A ver se é certo e somos capaces de consolidalo.
– Explícanos algúns dos proxectos nos que estades traballando ultimamente en construción con madeira.
Na construción con madeira centrámonos en desenvolver o proxecto do cliente, tanto pode ser unha edificación en altura, como vivendas familiares como naves industriais.
Como exemplo, nós como xa tiñamos que ampliar as instalacións, o que fixemos foi unha nave industrial en celosía, en viga laminada, con 26 metros de luz e 27 de longo. O importante é que con madeira de stock, con madeira estrutural de stock habitual, construímos unha nave que ten 26 metros de luz máis de 7 de voo por un dos laterais.
Actualmente estamos tamén facendo en CLT dúas instalacións para a Consellería de Medio Rural, que son bases operativas dos equipos de loita contraincendios. Estamos tamén nestes momentos construíndo un par de vivendas unifamiliares en CLT e estanse ademais fabricando dúas estruturas pesadas de viga laminada cubertas para dúas rehabilitacións.
– Existen falsos mitos relacionados coa construción en madeira?
A verdade é que a madeira ten dous grandes mitos: o lume e a durabilidade. En canto ao lume, evidentemente a construción con madeira ten que cumprir os mesmos requisitos, o mesmo código técnico que ten que cumprir o ferro ou que ten o formigón ou calquera elemento que se empregue como estrutura.
Entón, nese sentido o consumidor ten que estar totalmente tranquilo porque os requisitos son exactamente os mesmos. De feito, en canto ao lume, o ferro hai que protexelo.
O ferro o problema que ten é que un lume nun edificio de madeira sábese como vai evolucionando e sábese cando o edificio pode chegar a ter problemas de que se derribe ou non. En cambio, co ferro prodúcese un colapso e cae no mesmo momento. Arderon en Madrid unhas torres que eran totalmente de ferro. Ocorreu unha desgracia terrible en Murcia na que a estrutura non era de madeira. En canto ao lume, está totalmente superado iso.
Sobre a durabilidade, eu sempre digo que imos cansar nós da madeira antes de que a madeira se vaia cansar de nós
En canto á durabilidade, o mesmo. O problema é que moitas veces emprégase a madeira inadecuada para usos incorrectos. Hai centos de especies de madeira e teñen a súa usabilidade, entón hai que facer un uso correcto da madeira. Temos edificios en Europa, centos de igrexas, que datan de 1600-1700. O edificio de madeira máis grande do mundo está en Xapón e data do 750. A última modificación foi feita no 1700. A durabilidade está totalmente garantida. O que hai que ter é un uso adecuado das especies.
Eu sempre digo que nos vamos cansar nós antes da madeira que a madeira se vai a cansar de nós.
– En madeira estrutural para construción, con que madeiras traballades e cal é a súa orixe?
Na parte estrutural empregamos madeira e principalmente temos dous produtos: a viga laminada e o CLT. En canto á viga laminada, importámola do centro de Europa, é principalmente de abetos e pino silvestre, nun 95 %, hai outros elementos como o castaño ou eucalipto, pero en minoría.
Por outra banda, empregamos o CLT (madeira contralaminada). Antes traíamolo de Centroeuropa, pero agora hai unha empresa en Galicia que fai CLT con Pino de Galicia, entón actualmente é o que estamos empregando.
– Ves posibilidade de que a industria galega de piñeiro desenvolva máis produtos para madeira estrutural ou será complicado competir, por exemplo, coas vigas laminadas e outros produtos similares, de Centroeuropa?
Competir con Centroeuropa en canto a produtos estruturais, que foron os que os desenvolveron, pois non é fácil, teñen gran cantidade de materia prima, tecnoloxía, coñecemento, pero evidentemente non é imposible nin moito menos.
Proba delo é que Xilonor está facendo un CLT que pode competir co CLT de Centroeuropa. Eu creo que a viga laminada si se pode facer en Galicia, e creo que temos madeira para facelo. O pino pinaster ten unhas propiedades adecuadas. O que pasa é que si é certo que temos que evolucionar todos xuntos, é dicir, dende a xenética ata o contract, dende a primeira transformación ata a segunda ou ata os fabricantes de produtos finais.
É dicir, toda a cadea de valor ten que evolucionar e mirar un pouco o que fixeron e fan os grandes fabricantes de produtos estruturais. Si temos posibilidades e capacidades, pero temos que mellorar dende a xenética ata o produto final.
– En canto á vosa actividade como suministradores de táboa, traballades cunha ampla gama de madeira de coníferas, de distintas especies e procedencias. Como ves no contexto do mercado a marca Pino de Galicia?
Eu creo que a marca Pino de Galicia é fundamental neste proceso de evolución e de mellora da calidade do pino de Galicia.
Pino de Galicia está poñendo as bases para que a calidade do piñeiro galego se valore
Primeiro porque crea marca, crea un nome. Ata agora o pino de Galicia está na parte baixa de valor dos distintos pinos que hai, e iso, en moitos casos, inmerecidamente. Ao non haber unha marca, algo que aglutine e que defenda e protexa a calidade do pino de aquí, que marque unhas directrices de como se debe de serrar, como deben ser as táboas, como debe ser a calidade que debe ter…fai que cada un vaia polo seu lado. Iso é inviable á hora de conseguir competir con estes grandes monstros do Centroeuropa.
Pino de Galicia e a Fundación Arume están poñendo as bases para que a calidade do piñeiro galego se valore.
– Falemos agora da liña de taboleiros e interiores. Cal é a situación de mercado e as tendencias que percibides en materiais e acabados?
Actualmente hai unha tendencia cara a un gusto dos decoradores, arquitectos ou interioristas, a un uso da madeira como elemento decorativo, que para nós é fantástico. A verdade é que si que se está observando esta tendencia no consumidor final. Quizais no que é a madeira maciza está un pouco máis estable, pero si que nos taboleiros chapados con madeiras naturais ou melaminados, nos que se poden facer centos de acabados, hai unha infinidade de solucións dende o punto de vista do deseño. Isto abre moitas posibilidades no desenvolvemento da industria de Galicia.
– Na gama de taboleiros, como están posicionados os produtos fabricados en Galicia?
Eu creo que temos aquí, en Galicia, grandes fabricantes de taboleiros, iso é indudable. Son fabricantes de reconocidísimo prestixio. Nese aspecto, no aspecto do taboleiro, non temos nada que envexar ou pouco que envexar a outras zonas de Europa con produtos similares. Si na parte estrutural, na parte de madeira maciza.
Eu creo que somos unha Comunidade, ou a Comunidade que produce o 50 % aserrada de España. Dentro de Europa temos un peso moi relevante. Como dicía José Carballo, temos a mesma superficie forestal que Baviera, en cambio non temos a mesma rendibilidade que ten Baviera. Temos as bases, temos monte, temos especies que nos poden dar moito xogo (pino, eucalipto, castaño…), que nos poden permitir xogar nas grandes ligas e evolucionar moito. Tendo todas esas bases, creo que entre todos, creo que é un traballo da sociedade, da industria, das administracións públicas, dos prescriptores… todos temos que valorar máis o que aquí facemos e o que aquí podemos facer.
- Entrevista difundida pola Fundación Arume