Folla de ruta para o piñeiro do país

Investigadores, asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e cadea industrial perfilan durante dous días en Mondariz o camiño para a recuperación dos montes de ‘Pinus pinaster’ en Galicia e Norte de Portugal

Folla de ruta para o piñeiro do país

Visita á comunidade de montes de Mouriscados, en Mondariz.

Arredor de 40 profesionais do sector forestal e do ámbito científico xuntáronse durante dous días en Mondariz nun encontro que partía cun reto ambicioso, o de deseñar a folla de ruta para o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) nas próximas décadas.

Logo de anos de regresión en monte, por factores como os lumes, a expansión do eucalipto ou a ameaza da praga do nematodo, o piñeiro do país está a invertir esa tendencia, volvendo a gañar protagonismo. A meteórica suba de prezo que experimentou a madeira de piñeiro no 2021 – 2022, unida á moratoria do eucalipto e ós avances na mellora xenética da planta de ‘Pinus pinaster’ son algúns dos motivos que explican ese cambio de tendencia. Pero como continuar a recuperación dos montes de piñeiro do país?.

A Asociación Forestal de Galicia quixo dar respostas a esta cuestión nun encontro transnacional Galicia – Norte de Portugal no que confluíron o ámbito científico e a xestión operativa en monte, con participación de centros de investigación, universidades, empresas de servizos forestais e industria da madeira.

Imaxe de grupo dos asistentes ó encontro transnacional.

Imaxe de grupo dos asistentes ó encontro transnacional.

O escenario de mercado a curto e medio prazo é positivo para o piñeiro, pois a demanda de madeira de coníferas vai ser moi superior á oferta, como xa se viviu no 2021 e 2022, pero hai que ter en conta tamén riscos para os montes de piñeiro, como o cambio climático, pragas e enfermidades ou lumes.

Outro desafío é a produción de madeira de calidade, que lle proporcione unha rendibilidade suficiente ó propietario forestal. Resumimos a continuación as principais cuestións que se abordaron no encontro:

Recurso e mercado

Superficie no monte galego
Galicia conta con arredor de 422.000 hectáreas de piñeiro, segundo os datos do Inventario Forestal Continuo, o que representa aproximadamente un 30% da superficie arborada na comunidade. Do total de hectáreas de coníferas, o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) ocupa arredor da metade e o resto divídese principalmente entre o piñeiro radiata, con gran presenza no interior de Lugo, e o piñeiro silvestre, característico de zonas de media e alta montaña.

Produción de madeira e destinos

  • España corta cada ano arredor de 5 millóns de metros cúbicos de piñeiro, dos que se producen uns 2 millóns de metros cúbicos de táboa de piñeiro. Para abastecer o consumo interno, é preciso importar outro millón de toneladas de tabla de coníferas, principalmente europeas, segundo explicou no encontro Ismael Olveira, responsable do aserradoiro de Finsa.
  • Dous terzos do piñeiro aserrado en España adícase a embalaxes e envases, principalmente pallets, un destino de limitado valor engadido. O terzo restante repártese entre carpintería, mobles e outros usos, como a construción.
  • A madeira de piñeiro destinada á construción en España representa só un 1% do total, en tanto noutros países europeos destínanse un 20% das coníferas a produtos estruturais para construción.

    “É un mercado de alto valor engadido que pode representar unha panca para o piñeiro do país”, subliña Ismael Olveira. A experiencia da fábrica galega de madeira contralaminada (CLT) para construción, Xilonor, deixa ademais outro dato relevante: o piñeiro do país presenta mellores características técnicas para este uso que o piñeiro radiata, a outra especie de coníferas con maior presenza en Galicia.

Coxuntura actual de mercado
Desde a primavera – verán do 2023 houbo unha caída do mercado de pallets en Europa, o que supuxo un descenso de arredor dun 30% da demanda, así como unha baixada de prezos. No primeiro trimestre do 2024, sen embargo, recuperouse a demanda máis do esperado, se ben os prezos aínda non acadaron os valores anteriores. Parte dos aserradoiros en Galicia manteñen aínda unha redución da súa capacidade produtiva.

Demanda estrutural de madeira

  • A demanda de madeira de piñeiro seguirá á alza nos próximos anos. Esperáse que para o 2050 teña aumentado un 37%, segundo os cálculos da FAO.
  • Portugal e Galicia presentan unha carencia de madeira de piñeiro no curto e medio prazo. En Portugal, o consumo anual de piñeiro é de 3,9 millóns de metros cúbicos, cunha oferta interna de só 1,77 millóns de metros cúbicos, segundo os datos expostos por Tiago Almeida, do Centro Pinus: “Portugal ten un déficit estrutural do 57% en madeira de piñeiro”, advertiu.

Xestión de riscos

Cambio climático
O cambio climático empeora as perspectivas para os montes de piñeiro en Galicia e, máis aínda, en Portugal. As árbores estarán previsiblemente sometidas a un maior estrés hídrico no verán, se ben espérase que sexa un escenario solventable.

No encontro, púxose de manifesto a necesidade de estudar as procedencias de ‘Pinus pinaster’ que poden ser interesantes para o clima de Galicia no futuro, pois existe un amplo arco de procedencias en todo o arco atlántico e mediterráneo do sur de Europa e norte de África.

Pragas e enfermidades
A praga que máis preocupa na actualidade é a do nematodo do piñeiro, que ten un impacto importante en todo Portugal e tamén no sur da provincia de Pontevedra, unha zona tradicional de montes de piñeiro do país.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán identificou unha serie de familias de piñeiro con alta tolerancia ó nematodo, que xa se están multiplicando no marco do plan de mellora xenética do piñeiro do país. A previsión é que en poucos anos toda a planta de piñeiro que se instale en monte no sur de Galicia sexa tolerante ó nematodo.

A irrupción a medio prazo de novas pragas e enfermidades é motivo de incertidume. O sector ten a vista posta no que está a suceder no País Vasco co piñeiro radiata, moi afectado polos fungos das bandas, un problema que xa chegou tamén nos últimos anos ás masas de radiata de Asturias e da provincia de Lugo.

Mellora xenética
O programa de mellora xenética do piñeiro do país, impulsado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, centrouse ata hai unha década na selección de árbores con mellores crecementos e formas. Na última década, o traballo focalizouse en identificar proxenitores resistentes ó nematodo do piñeiro nas familias que formaban xa parte do programa de mellora xenética.

Nos últimos anos, Lourizán introduciu criterios complementarios de selección, a demanda da industria da madeira, como a densidade básica e o módulo de elasticidade.

Rexenerados naturais ou planta mellorada?
No sur de Pontevedra, era habitual que as comunidades de montes e propietarios forestais optasen polo rexenerado natural dos piñeirais tras corta, pois é un sistema que se ben esixe maior manexo e seguemento do monte, reduce o investimento preciso para reforestar.

Coa chegada do nematodo á provincia e o lanzamento en Galicia de planta tolerante a esta praga, preséntase a disxuntiva para as comunidades de montes e os propietarios de se apostar polos rexenerados naturais ou por plantacións con material mellorado.

Ambas opcións teñen pros e contras. As rexeneracións naturais reducen o investimento e dan a seguridade dunha planta adaptada ó ambiente. As plantacións aportan, pola súa parte, á seguridade dunha mellora xenética e de plantas máis tolerantes ó nematodo.

Desde a Asociación Forestal de Galicia, Xosé Covelo plantexou unha opción mixta, coa introdución de planta mellorada en rexenerados naturais e que sexa marcada para, nun futuro, permanecer como pés pais no monte, tras corta do resto da masa.

As Landas francesas plantan un 90% dos piñeirais que se cortan, sempre con xenética mellorada

En Galicia, Raquel Díaz, de Lourizán, estima que tras corta, pode haber un 70% de plantacións e un 30% de rexenerados naturais. Da superficie plantada, arredor de dous terzos fanse con planta mellorada.

Son cifras en ambos casos moi inferiores ás das Landas francesas, unha rexión que se toma como referencia, na que o 90% das superficies son plantadas e o 100% da planta empregada neses casos incorpora mellora xenética.

Silvicultura e rendibilidade

Calidade da madeira
David Lorenzo, da marca Pino de Galicia (Fundación Arume) expuxo no encontro os obxectivos de calidade que se precisan na madeira de piñeiro para usos de alto valor, como o da construción:

– Diámetros superiores a 40 centímetros e trozas de 3 metros de longo.

– Tronco recto, co corazón centrado.

– Árbores podadas ata os 4 – 6 metros, que poidan aportar ata dúas trozas de gran calidade.

– Ausencia de nós, pudricións e bolsas de resina.

Para obter esa madeira, será preciso aplicar unha boa silvicultura, con podas, rareos e claras cando sexa preciso.

Modelos silvícolas
Un dos debates da xornada estivo nos modelos silvícolas a aplicar en piñeiro do país, con distintas opcións de marcos de plantación que poden oscilar entre 625 e 1.250 plantas por hectárea, todos eles cos seus pros e contras.

En plantacións con planta mellorada, pódese optar por unha densidade baixa de plantación, o que elimina a necesidade de rareos e permite facer unha única clara ós 20 anos.

Con marcos máis densos, faise preciso un rareo, no entorno dos 7 anos, e claras sucesivas a medida que a plantación medra.

En determinadas zonas, esas claras poden producir un maior ataque polo vento ás árbores de futuro, que poden rematar caíndo. Pero a opción de facer plantacións a baixa densidade tamén xenera contras, como a esixencia de maiores podas ou crecementos xuvenís máis altos, o que deparará unha madeira que no seu corazón terá unha menor densidade.

A curvatura basal en plantacións xuvenís é un problema habitual que pode ser correxido

Un problema que se detecta con frecuencia nas plantacións de piñeiro do país é o da curvatura basal das árbores xuvenís, sobre todo en áreas desbrozadas, que quedan máis expostas ós ventos, e tras un periodo de choivas que abrandan o solo. Esas curvaturas, en árbores non moi grandes, de 3 a 8 anos, poden correxirse manualmente antes do inicio da primavera, co manexo da terra ao pé da árbore, segundo expuxo na xornada Braulio Molina (AFG). Tamén se poden tomar medidas preventivas, como substituír os desbroces por rozas puntuais en zonas que se poidan esperar problemáticas.

Rendibilidade
En función do modelo silvícola aplicado e da calidade do monte, a rendibilidade esperada nunha plantación de piñeiro oscila actualmente entre un 2,3 e un 6,6% anual, segundo os cálculos de Ulises Diéguez (Universidade de Santiago).

Trátase dunha rendibilidade que para os propietarios resulta escasa: “Tendo en conta os riscos que leva consigo unha plantación forestal, a nivel de lumes, pragas ou enfermidades, ningún propietario forestal ve atractiva unha plantación que ofreza intereses menores ó 7%”, valora o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.

“Tendo en conta os riscos, ningún propietario forestal ve interesante un investimento que ofreza intereses menores ó 7%” (Francisco Dans)

Como mellorar esa rendibilidade foi outro dos debates da xornada. A opción do rexenerado natural, que reduce o investimento, é unha alternativa para a mellora de rendibilidade. Outra alternativa pasa pola busca de fontes de ingresos complementarias, como a venda do carbono capturado pola plantación ou o apoio de axudas públicas.

Desde a Fundación Arume, propúxoselle a Medio Rural o deseño dunhas axudas contractualizadas que inclúan compromisos do propietario desde a plantación ata o ano 12 da mesma. “A silvicultura nos primeiros 12 anos é a clave para conseguir unha árbore que a nivel silvícola vai estar feita nos primeiros 4 metros. O resto da quenda é precisa para completar os crecementos, pero a calidade terémola garantida”, explica Jacobo Feijoo.

Proponse un sistema de axudas contractualizadas con compromisos silvícolas durante os primeiros 12 anos da plantación

Desde Medio Rural, o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, valorou como positiva a proposta, co compromiso de estudar a súa posible implementación para o próximo ciclo de axudas, a partir do 2025, cando entra en vigor un novo ciclo de axudas forestais, ligado ó Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

mouriscados afg piñeiro

Visitas a monte

Como parte deste encontro, fixéronse diversas visitas a montes de piñeiro no sur de Pontevedra. Un dos percorridos foi nunha parcela de ensaios de ‘Pinus pinaster’ ubicada no monte veciñal de Soutelo (Salceda de Caselas), instalada no 2021 de xeito conxunto polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación Forestal de Galicia.

Trátase dunha parcela na que se ensaian un total de 12 xenotipos resistentes ó nematodo do piñeiro e na que se están facendo comparacións entre a planta mellorada en Galicia, a identificada (sen mellora), e a mellorada en Portugal e en Francia. A parcela instalouse hai dous anos, polo que aínda non hai unhas primeiras conclusións, se ben o comportamento da planta galega mellorada e da portuguesa está a destacar.

Estanse facendo ensaios comparativos da planta mellorada en Galicia coa francesa e a portuguesa

Outra das visitas técnicas foi ó monte demostrativo de Mouriscados (Mondariz), impulsado pola Asociación Forestal de Galicia en colaboración coa comunidade de montes veciñais de Mouriscados (Mondariz). No monte demostrativo de Mouriscados visitáronse traballos de plantación con planta mellorada, procedente de multiplicación vexetativa por estaquilla, así como unha plantación experimental de 2,7 hectáreas de planta resistente ó nematodo do piñeiro.

O percorrido polo monte veciñal de Mouriscados concluíu nunha zona na que, tras un recente incendio, restauráronse antigos bancais. É un traballo que se fixo con material controlado de ‘Pinus pinaster’, acompañado de rexeneración natural, e de franxas de bidueiros en determinadas zonas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información