“A rega do viñedo xoga un papel crucial para a obtención dunha produción homoxénea e equilibrada entre anos”

A investigadora María Fandiño afonda sobre os beneficios da rega nos viñedos e sobre o aproveitamento da auga que fan as cepas. Con ela coñecemos as vantaxes e inconvenientes que pode supoñer regar as cepas

Publicidade
“A rega do viñedo xoga un papel crucial para a obtención dunha produción homoxénea e equilibrada entre anos”

A investigadora María Fandiño durante os traballos de campo nos viñedos.

Falamos coa investigadora María Fandiño, que acaba de presentar a súa tese sobre ‘Necesidade de auga e influencia dos sistemas de rega en Vitis vinífera Variedad Albariño’. Trátase dun estudo pioneiro realizado no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Lugo. Entre outras conclusións, a investigación demostra que os viñedos de Albariño nas Rías Baixas aproveitan só entre o 30 e o 40% da auga que reciben en forma de precipitacións ou de rega. 

Coa investigadora coñecemos en detalle as conclusións do seu traballo e os beneficios que pode ofrecer afondar no coñecemento da rega para estes viñedos fronte ós retos que provoca o cambio climático. 

-Acaba de presentar os resultados da súa investigación sobre as necesidades de auga na variedade Albariño. Cales son as principais conclusións do seu traballo?
-O principal resultado do traballo é a obtención de ferramentas para a xestión e manexo da auga nos viñedos galegos, en condicións de clima Atlántico, posto que non existían ata o de agora ferramentas baseadas na determinación dos coeficientes de cultivo nin para esta variedade nin nesta localización concreta. A determinación dos requirimentos de auga da variedade Albariño, nos diferentes estadios do ciclo vexetativo, foron determinados partindo da calibración dos coeficientes culturais, adaptados ás condicións climáticas locais do viñedo estudado, tendo presente os efectos da cuberta vexetal permanente, tanto na liña como na interliña.

Cabe destacar que a estratexia de xestión da auga no viñedo depende dos obxectivos que o viticultor persiga, dende un punto de vista produtivo-cualitativo, pero sempre baseada no coñecemento dos requirimentos de auga do conxunto viñedo-cuberta vexetal. Polo tanto, o uso da auga de rega no viñedo, non ten unha única estratexia de aplicación, senón que depende do clima, dos obxectivos do viticultor e da dispoñibilidade de auga, maximizando a eficiencia no uso da mesma.

“Coñecer o reparto das compoñentes do balance de auga no solo é de vital importancia para un manexo eficiente da auga no viñedo”

-Na presentación da tese apuntaba que os viñedos só aproveitan entre un 30 e o 40% da auga que reciben, de que maneira pode ser relevante coñecer este dato para o manexo do viñedo?
-A pesar de que Galicia conta con elevadas precipitacións, en comparación co resto de España, a irregularidade na distribución das mesmas, principalmente outono-inverno, fai que esta auga non sexa aproveitada polas vides. Asemade, as precipitacións que se producen nos meses de marzo a setembro non son útiles para o viñedo, na súa totalidade, posto que se producen perdas de auga por percolación profunda e escorrentía superficial. Ó falar dunha porcentaxe de auga aproveitable polo viñedo, refírome á transpiración do cultivo como tal, xa que parte da auga que chega ó viñedo (choiva e rega) é empregada pola cuberta vexetal (transpiración da cuberta vexetal) e unha terceira parte corresponde coa evaporación da auga no solo. O que se busca é maximizar a transpiración do cultivo, minimizando as perdas por evaporación de auga no solo, polo tanto coñecer o reparto das compoñentes do balance de auga no solo, é de vital importancia para un manexo eficiente da auga no viñedo.

-Estes resultados poden influír na elección dun tipo ou outro de cuberta vexetal?
-En termos xerais, nos viñedos galegos a cuberta vexetal existente é espontánea, vencellada ás condicións do clima atlántico, o que fan que estea presente na práctica totalidade do ciclo de cultivo, con maior ou menor densidade, sendo necesario un manexo axeitado desta, novamente dependente dos obxectivos finais do viticultor. A existencia da cuberta vexetal é moi interesante no noso clima posto que exerce un control do vigor, nas variedades vigorosas, como o Albariño, competindo pola auga co viñedo, ademais de favorecer o mantemento do solo, reducindo a erosión, entre outras vantaxes.

“Os coeficientes culturais do viñedo permiten definir os requirimentos de auga totais en cada momento, sendo o viticultor quen debe definir cal é o nivel de estrés hídrico en cada fase”

-En que fase resulta máis importante o aporte de auga para o viñedo?
-Os aportes de auga no viñedo, ben coa precipitación ou coa rega, son de extrema importancia en tódalas fases vexetativas, a cuestión é: ¿cal é a cantidade que debe recibir en cada momento? Dende un punto de vista práctico os coeficientes culturais do viñedo permiten definir os requirimentos de auga totais en cada momento, sendo o viticultor quen debe definir cal é o nivel de estrés hídrico en cada fase. En termos xerais, o nivel de estrés hídrico debe ser menor no período comprendido entre a floración e o envero, se os obxectivos son meramente produtivos, é dicir, maximizar a produción (quilogramos de uva), ou ben buscar un equilibrio entre cantidade e calidade, sendo preciso neste caso forzar un nivel de estrés hídrico lixeiramente máis elevado, buscando incrementar a concentración dos compostos nos acios ó reducirse o contido final de auga nos mesmos.

-Que consecuencias pode ter a rega nos distintos ciclos da vide?
-No caso da viticultura galega, onde é habitual a presenza de choivas durante o verán, a rega ten que ser empregada como unha ferramenta de aplicación de auga complementaria, o que se coñece como rega de apoio. Nas fases de estío prolongado, naqueles anos nos que as choivas son escasas, a rega xoga un papel crucial para a obtención dunha produción homoxénea e equilibrada entre anos. Non se pode esquecer que a uva obtida vai a ser empregada na elaboración de viños, que o consumidor demanda, e que adquire estes viños polas súas características varietais, as cales deben ser mantidas de colleita en colleita, sendo estes factores os que determinan a escolla dun viño ou doutro. Polo tanto, a rega facilita a obtención dunha uva equilibrada ano tras ano, cando non existen choivas regularmente distribuídas.

“Finalizamos a rega na semana anterior á data da vendima para evitar que a retirada da auga na fase final producira a rotura das bagas e posibles enfermidades fúnxicas”

-Que variacións fixeron na rega nos seus estudos en campo?
-A rega aplicada no estudo foi unha rega deficitaria, tal e como é habitual na maioría das zonas vitícolas a nivel mundial. A cantidade aplicada foi do 30% da evapotranspiración de referencia (ETo), dato que é posible obter diariamente nas estacións agrometerolóxicas da rede de MeteoGalicia, ou ben a partir de estacións propias establecidas nos viñedos polos viticultores/cooperativas ou asociacións. En canto, ó momento de aplicación da rega, establecéronse tres momentos de inicio da rega: un primeiro tratamento onde a rega se iniciou na brotación, un segundo tratamento que comezou cando as vagas acadaban o tamaño chícharo, e un terceiro tratamento dende o inicio do envero. A rega finalizou na semana anterior á data da vendima, para evitar que a retirada da auga na fase final producira a rotura das bagas, coas consecuencias negativas que este aspecto tería pola posible incidencia de enfermidades fúnxicas nesta fase final.

Viñedo_cepas albariño_Maria Fandiño_Con rega

Viñedo de Albariño con sistema de rega. // Foto. María Fandiño.

-De que xeito debe facerse esta rega? Como inflúe o sistema de condución nas necesidades de rega?
-O manexo da rega en calqueira cultivo debe partir dun coñecemento de tres aspectos fundamentais: solo, clima e cultivo. No caso dos solos é vital coñecer o tipo de solo: areoso, arxiloso,…, a profundidade do solo de utilidade para o cultivo, e polo tanto a capacidade de almacenamento de auga no solo. Estes parámetros permiten definir cal é a cantidade de auga que o solo é capaz de recibir nun evento de rega ou choiva, establecendo a auga que se perde por escoamento superficial ou ás capas profundas do solo. Por outra banda, os datos meteorolóxicos, é dicir as condicións climáticas durante a campaña, marcarán a demanda evapotranspirativa da atmósfera (ETo) e as precipitacións recibidas, o cal facilitará a xestión do balance de auga no solo, ben de xeito diario ou semanal, segundo o período de xestión da rega que estea a empregar o viticultor. Por último o cultivo, onde o seu manexo, as características do dosel vexetal (altura e anchura) en cada fase vexetativa, fan que se estableza un coeficiente cultural particular. En xeral, o manexo da rega da viña en Galicia debe realizarse con regas diarias, ó encontrarse os viñedos en solos areosos, estando o tempo de aplicación da rega ligada ó ano en curso (clima) e ás características do dosel vexetal, así como á presenza ou non dunha cuberta vexetal, a cal tamén extrae auga, competindo pola mesma co viñedo.

“En xeral, o manexo da rega da viña en Galicia debe realizarse con regas diarias, ó encontrarse os viñedos en solos areosos”

Na tese de doutoramento estudouse un viñedo en espaldeira cunha altura máxima da vexetación de 2 metros, ocupando a vexetación unha anchura máxima comprendida entre 60-70 centímetros, polo que os datos obtidos son aplicables directamente a viñedos en situación similares, sendo preciso realizar pequenos axustes nos coeficientes culturais en situación diferentes. Por exemplo, no caso dun parral os requirimentos hídricos son maiores ó ter unha maior superficie vexetativa, polo que os Kc a aplicar deberían de incrementarse, tal e como se obtivo en estudos previos pola nosa equipa de investigación.

-No seu traballo tamén afondaron no cálculo dos coeficientes culturais para xestionar a rega de maneira práctica, en base a iso que recomendacións poden facer ós viticultores á hora de regar as súas viñas?
-Os resultados acadados son de aplicación directa en viñedos con condicións de manexo similares ós estudados, se ben estes son moi comúns en Galicia. Nas primeiras fases do ciclo do viñedo, ata a floración, as precipitacións caídas marcan os requirimentos de auga, xeralmente non é preciso regar antes da floración. Entre a floración e o envero, o viñedo ten un maior requirimento de auga polo que se recomenda aplicar un coeficiente cultural de 0,5 aproximadamente durante este período. Namentres, dende o envero ata os días previos á vendima, o valor redúcese ata 0,3 de forma gradual. Estes valores permitiran ó viticultor xestionar a rega de forma sostible, realizando pequenas adaptacións segundo as particularidades do seu viñedo, como o manexo da vexetación activa na liña e na interliña, así como o nivel de estrés hídrico que persigan no mesmo, a maior estrés hídrico a implementar maior será a redución do coeficiente cultural.

“A rega dende a brotación, como dende o tamaño chícharo xeraron reducións na produción. Polo contrario, a aplicación da rega dende o envero ata a semana previa á vendima permitiu acadar as maiores producións”

-En canto ós rendementos do viñedo, que variacións constatou coa rega do viñedo?
-Tanto a aplicación da rega dende a brotación, como dende o tamaño chícharo xeraron reducións na produción, afectando polo tanto os rendementos e a eficiencia do uso da auga. Polo contrario, a aplicación da rega dende o envero ata a semana previa á vendima permitiu acadar as maiores producións. Pódese dicir que, a rega favoreceu o desenvolvemento da parte vexetativa, cando foi aplicada dende a brotación ou tamaño chícharo, se ben, produciuse un desequilibrio coa parte produtiva, onde non se reflexou o previsible incremento produtivo. A recomendación polo tanto sería aplicar a rega dende o envero, ou ben previamente, cando se persigue aplicar adubos a través dos sistema de rega.

-Vese afectada a calidade dos mostos coa rega?
-A calidade dos mostos non foi afectada en xeral pola aplicación da rega, se ben amosouse unha tendencia a valores maiores de ácido málico naqueles viñedos regados cun maior volume de rega; observouse tamén unha tendencia a concentracións maiores de Mn nos mostos derivados dos viñedos regados, fronte a os de sequeiro.

Traballos nos viñedos_maria Fandiño

-Por que decidiu traballar coa variedade Albariño?
-A escolla da variedade Albariño foi derivada da súa importancia en Galicia, así como que é regada en moitos dos viñedos, polo que a mellora sobre o coñecemento dos efectos da rega sobre a mesma, conducida en espaldeira, tería un maior impacto na viticultura galega. Outro aspecto que nos levou a escoller esta variedade é a vigorosidade do Albariño, o que supón que exista unha vexetación activa na liña e na entreliña, para tentar reducir o mesmo. O conxunto viña e vexetación activa, complica o estudo dos requirimentos hídricos, se ben a resolución desta situación máis complexa, permitirá estender os resultados a situacións onde non exista vexetación activa, reducindo os coeficientes culturais.

-Ten estudado a influenza dos distintos clons e portaenxertos de vide, neste caso para a variedade Albariño, na resistencia da planta ao estrés hídrico?
-No estudo actual non se abordou os efectos dos clons ou portaenxertos de vide, partiuse dunha plantación homoxénea co mesmo clon, empregando 110-R como portaenxerto. A inclusión de mais factores de estudo non era viable no estudo realizado, sendo a variable rega a estudada.

-Ábrese a posibilidade a plantar esta variedade noutras zonas con menos abundancia de precipitacións?
-A variedade Albariño está ligada maioritariamente ás zonas vitícolas definidas pola DO Rías Baixas, se ben noutras DO galegas é posible atoparse coa mesma, posto que está autorizada polos restantes consellos reguladores. A resposta da variedade en climas continentais como o existente na DO Monterrei é diferente, sendo necesario xestionar a auga dun xeito eficiente e polo tanto coñecer as extraccións que a planta ten. Non podemos esquecer que as características do solo son clave na resposta da vide que se expresa a través da uva, e polo tanto do viño como produto final. A posibilidade de obter uva Albariño noutras rexións de Galicia é real, pero non significa que a resposta sexa a mesma en termos cualitativos e produtivos.

“É preciso seguir levando a cabo estudos nas diferentes rexións vitícolas galegas, así coma noutros cultivos, dado que nun breve espazo de tempo será preciso regar as viñas de forma habitual, co problema dunha falta de auga para regar”

-Cos efectos do cambio climático orixinando novos retos para o sector, esta información ofrece novas estratexias fronte ás secas?
-O manexo da rega cos resultados acadados na miña tese doutoral serven de base para a xestión da falta de auga, derivada dunha seca, ou período prolongado sen precipitacións. O poder manexar o déficit de auga nos viñedos a través da rega será clave para minimizar o impacto da falta de precipitacións en anos extremos, cada vez máis frecuentes. É preciso seguir levando a cabo estudos nas diferentes rexións vitícolas galegas, así coma noutros cultivos, dado que nun breve espazo de tempo será preciso regar as viñas de forma habitual, co problema dunha falta de auga para regar os mesmos, en particular nos meses de verán.

-Na presentación dos resultados apuntábase que esta é unha investigación pioneira en Galicia, teñen pensado continuar os traballos con outras variedades? Cales teñen maior interese?
-Como continuación do estudo realizado na variedade Albariño, actualmente estase a realizar o mesmo para a variedade Mencía na zona de Quiroga, neste caso tamén se trata dunha condución en espaldeira. Ó ser a variedade tinta máis empregada na viticultura galega considerouse relevante continuar os estudos do Albariño na mesma. Existen outros traballos preliminares da nosa equipa de investigación, onde se estudaron os requirimentos hídricos nas variedades Godello, na Rúa; así como a variedade Mencía, en Sober, e o Albariño en parral no Condado. Tódalas variedades presentan o seu interese, se ben aquelas que teñen maior superficie cultivada deberían ser estudadas en profundidade posto que demandaran unha maior cantidade de recursos hídricos, os cales son limitados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información