A través do proxecto “Optimización e avaliación de métodos de mostraxe en aire para a detección e vixilancia do virus da Síndrome Reprodutiva e Respiratoria Porcina en granxas intensivas (Airporcheck)”, o grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga), da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), estuda a detección, control e vixilancia das viroses en granxas de porcino a través dun sistema de mostraxe e análise do aire.
Aproximadamente o 80 % das granxas en España son positivas a unha infección do virus da PRRS, que ten un control moi complexo pola súa elevada capacidade de mutación. Esta realidade fai que constantemente se xeren novas cepas víricas que poden diferir, por exemplo, na virulencia, na capacidade de transmisión e, sobre todo, na capacidade de protección das vacinas.
O decano da Facultade de Veterinaria e líder do proxecto, Gonzalo Fernández Rodríguez, expón que o obxectivo do traballo é desenvolver un protocolo de actuación que permita simplificar a vixilancia deste virus e que sirva como ferramenta para a detección precoz, ademais da caracterización molecular da variabilidade de cepas víricas que están a circular na granxa.
Este sistema será válido para detectar calquera outra virose que se propague polo aire
Coa instalación de colectores de aire nas granxas que permitan unha detección desta virose, poderanse acometer estratexias de prevención, control e mesmo desinfección das explotacións afectadas con maior celeridade e cun custo moi inferior ao que implica a toma de mostras de sangue en cada animal. Así mesmo, este sistema sería válido para actuar fronte a calquera outra tipo de virose que se propague a través do aire, explica o decano. Este sistema tamén melloraría o benestar dos animais, xa que evitaría a manipulación, pinchazos e tensión das reses.
Este proxecto conta cun prazo de tres anos e levarase a cabo en dúas etapas: Unha para optimizar un protocolo de traballo para garantir a detección do virus mediante as técnicas moleculares a partir das mostras de aire, e a segunda fase consistirá na monitorización durante seis meses de granxas que teñan un historial de emerxencia en brotes de PRRS.
Impacto sanitario e económico
Os signos clínicos e as manifestacións da enfermidade derivada do PRRS son moi variables e dependen do grupo de animais afectados (porcos en crecemento ou porcas reprodutoras) e da virulencia da cepa de PRRS circulante na granxa. Debido á variación de cadros clínicos que pode provocar o PRRS, o custe económico tamén é variable. Cando este virus afecta directamente a perdas de animais e de rendemento produtivo, o impacto económico negativo estímase entre 60 e 380 € por porca reprodutora e ano. A estas perdas económicas cómpre engadir outros gastos indirectos derivados da aplicación de medidas necesarias para o control do virus (vacinas, monitorizacións da infección…), cuxo custe oscila entre 5 e 110 € por porca reprodutora e ano.