A necesidade de adaptarse aos novos retos que supón o cambio climático levou á Misión Biolóxica de Galicia a iniciar investigacións en relación á resiliencia do chan fronte aos desafíos climáticos que se prevén para o futuro. Así, xunto con outros entes tanto estatais como dentro de programas da UE estase buscando unha solución que mellore a calidade do chan agrícola mediante unha mellor xestión do mesmo e con prácticas sustentables.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa, a través do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (Madrid), a Misión Biolóxica de Galicia (sede Santiago de Compostela) e o Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (Murcia) no proxecto “MINOTAUR”, que forma parte do programa EJP SOIL, financiado pola Unión Europea, cuxo principal obxectivo é mellorar a calidade do chan e a xestión agrícola a través de enfoques innovadores e prácticas sostibles.
“O chan é a base da vida no planeta, xa que é gran parte responsable de servizos como a provisión de alimentos mediante a agricultura e a regulación do clima global. Nos últimos anos, unha boa cantidade de proxectos na temática reflicten a importancia que este recurso natural non renovable, o chan, teñen para a Unión Europea e o devir das futuras xeracións. Un claro exemplo é o programa EJP SOIL e, como parte do mesmo, o proxecto MINOTAUR, no que participamos 16 institucións de investigación europeas”, explican desde o grupo Interaccións Microbioma-Chan-Planta (IMiSPla) da MBG, adscrito ao Departamento de Chans, Biosistemas e Ecoloxía Agroforestal.
O proxecto, de 3 anos de duración, iniciouse en 2021 co labor de modelar a biodiversidade e as funcións do chan para avaliar a súa vulnerabilidade ao cambio climático e o impacto de diferentes prácticas agrícolas na adaptación climática na UE. Entre os seus principais obxectivos está o obter datos de campo e de experimentos de laboratorio que mostren como responde a diversidade taxonómica e funcional do chan e as súas funcións ecosistémicas ante distintas prácticas agrarias en condicións de cambio climático.
Estes datos empregaranse posteriormente para calibrar e validar modelos e mapas de biodiversidade edáfica en Europa os cales poden axudar á toma de decisións sobre os mellores usos do chan en diferentes zonas de Europa. Polo momento, traballouse nunha rede de experimentos europeos a longo prazo (oito en total) que conforman un gradiente con diferentes condicións climáticas e tipos de chans, así como diferentes prácticas agrarias que inclúen distintos tipos de fertilizacións e arados do chan.
Estes ensaios agrícolas abranguen un rango latitudinal que cobre de España a Suecia, e inclúe La Finca Experimental de la Canaleja (INIA-CSIC), un dos ensaios agrícolas a longo prazo máis antigos da rexión mediterránea. En cada ensaio tomáronse mostras de chan sometidos a distintos tratamentos experimentais de fertilización e cavadura.
O consorcio do proxecto MINOTAUR, baixo a coordinación do INIA-CSIC, colaborou en determinar nestes chans a abundancia e clasificación funcional e taxonómica dunha ampla lista de indicadores biolóxicos tales como fungos e bacterias (microbiota), nematodos (microfauna), microartropodos (mesofauna) e miñocas (macrofauna). Nas mesmas mostras determináronse tamén parámetros físicos, químicos e biolóxicos que se asocian con funcións ecosistémicas características dos chans, como o secuestro de carbono e o ciclado de nutrientes, a regulación hídrica e o potencial antifitopatógeno.
Na etapa final de proxecto avaliarase cal é o impacto da xestión agrícola nestes indicadores biolóxicos e funcións ecosistémicas en función das condicións edafoclimáticas. Tres destes ensaios foron ademais seleccionados para realizar un ensaio de cambio climático coordinado polo CEBAS e a MBG (sede Santiago), que permitirá coñecer como as prácticas de xestión agrícola alteran a resiliencia da diversidade e funcionalidade do chan ante a seca e o incremento de aridez asociado cos escenarios de cambio climático. Estes resultados presentaranse ante o consorcio MINOTAUR na próxima reunión de proxecto que se celebrará en Rennes (Francia) en outubro.