As cepas atópanse nun dos momentos máis críticos para sufrir danos por oídio e o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro xa detectaron esta semana acios de Albariño afectados. Por iso, no último aviso fitosanitario emitido dende a Estación recomendan incrementar a vixilancia dos viñedos. Ademais, aconsellan que calquera intervención antimildio que se vaia facer se acompañe cun tratamento antioídio.
Nas súas revisións ós viñedos, tamén constataron que as viñas se atopan, polo xeral, nun excelente estado fitosanitario no que a afección por mildio se refire. Só detectaron síntomas naqueles predios que sufriron un forte ataque de mildio cando coincidiron as primeiras condicións favorables coa floración. Dadas as previsións para os próximos días, con escasas choivas, e que boa parte das viñas foron tratadas recentemente ou se atopan dentro do período de protección pola última aplicación fitosanitaria, a curto prazo o risco é baixo naquelas parcelas onde non houbo danos previos. Con todo, dada a incidencia de mildio, recomendan estar alerta naqueles viñedos nos que vaia cumprirse xa o prazo de protección e onde aínda queden síntomas por controlar.
Controlar a vexetación excesiva
Naqueles viñedos cun excesivo crecemento da vexetación recomendan facer unha poda verde, combinando nalgúns casos cun esfollado lixeiro, xa que os acios aínda están desenvolvéndose. Tamén é aconsellable rozar a cuberta vexetal. “No control de enfermidades estas operacións son imprescindibles para facilitar a ventilación dos órganos da vide e son tan importantes como a aplicación oportuna e correcta dos fitosanitarios”, explican dende Areeiro.
Black rot
Nas súas revisións en viñedos, os técnicos tamén detectaron esta semana síntomas de black rot en viñas de O Condado, en cepas sen tratar ou abandonadas. Por iso recomendan tamén incrementar a vixilancia en todas as comarcas, aínda que o tempo seco que se prevé non é o máis favorable para esta enfermidade. Aconsellan que onde haxa brotes de black rot empreguen un funxicida antimildio ou antioídio que tamén teña efecto sobre este fungo.