Recomendan extremar a vixilancia e favorecer a ventilación dos viñedos ante o risco de oídio

Publicidade
Recomendan extremar a vixilancia e favorecer a ventilación dos viñedos ante o risco de oídio

Síntomas de oídio nunha cepa de variedade tinta. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda extremar a vixilancia dos viñedos ante o risco alto de oídio. Tal e como recolle no seu último aviso fitosanitario deste venres, cómpre manter vixiadas aquelas variedades máis sensibles e os predios nos que xa se detectaran síntomas. “A viña entra agora nun período de máxima sensibilidade ó oídio”, apunta o equipo técnico.

Os expertos tamén aconsellan realizar labores culturais que favorezan a ventilación da viña, para que os acios queden expostos á radiación ultravioleta e se reduza o risco de afección non só de oídio senón tamén por mildio.

A previsión de tempo seco e solleiro para os próximos días reduce o risco de mildio, pero con todo, dende Areeiro recomendan manterse alerta, revisar o estado das cepas e renovar os tratamentos ante a aparición de síntomas. Cómpre, sobre todo, prestar atención a aquelas viñas que arrastren infeccións mal controladas.

Nas súas revisións en viñedo, o equipo técnico de Areeiro tamén detectou novos síntomas de black rot, con todo a previsión de tempo solleiro e seco tamén reduce o risco de afección. Tamén é importante manter a vexetación do solo controlada, así como realizar despuntes, podas en verde e esfollas para evitar unha retención de humidade no viñedo, que puidera favorecer a aparición do patóxeno.

Flavescencia dourada

O incremento das temperaturas que se está a rexistrar tamén pode favorecer que se acelere o ciclo do cicadelido vector da flavescencia dourada, polo que, nas zonas do sur da provincia de Pontevedra recomendan aplicar un insecticida rexistrado para o seu control.

Tamén se está a incrementar o número de plantas afectadas por enfermidades da madeira, debido en gran medida ó incremento das temperaturas, polo que se agarda que sigan aumentando os danos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información