Recomendan aplicar tratamentos contra o vector da flavescencia dourada, para limitar a súa expansión

Publicidade
Recomendan aplicar tratamentos contra o vector da flavescencia dourada, para limitar a súa expansión

Acio afectado por oídio . // Imaxe Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Esta semana o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, detectou os primeiros restos de mudas do vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Por este motivo, no seu último aviso fitosanitario recomendan aplicar insecticidas, se non se fixo xa, naqueles viñedos do sur da provincia de Pontevedra, que poden ser susceptibles á presenza do insecto. “É aconsellable tratar con produtos autorizados para o seu control, co fin de tentar limitar a dispersión da grave enfermidade que transmite”, explican.

As previsións meteorolóxicas para os próximos días, con nubes e claros, temperaturas altas e posibilidade de precipitación, motivan que sexa preciso manter vixiadas as viñas polo risco de mildio e oídio. Dende Areeiro recomendan ademais manter as labores culturais básicas e tratar aquelas viñas nas que continúen ou se produzan avance dos síntomas do mildio. Recordan tamén que non se deben realizar aplicacións fitosanitarias con ventos superiores a 8km/h, que xeran un lixeiro movemento das follas, sen que chegue a ser constante. Nestas condicións os produtos aplicados poden voar fóra da área a tratar.

No caso do oídio, dende Areeiro recordan que a uva se atopa aínda moi sensible ó fungo e as néboas propias desta época do ano poden favorecer a súa aparición. Por iso, recomendan que a vixilancia sexa máis intensa, sobre todo naquelas variedades máis sensibles e nos predios que xa se viran afectados nalgún momento por este patóxeno. Insisten ademais, que un mal control deste fungo pode producir a rotura da pel da uva e favorecer a aparición doutros patóxenos como a botrite.

Os viñedos atópanse aínda nun momento de elevada sensibilidade a black rot, polo que tamén é importante vixiar a aparición deste fungo, sobre todo se chegan a producirse choivas nos próximos días.

As altas temperaturas tamén están a deixar máis plantas con síntomas propios de enfermidades de madeira e os primeiros acios con golpes de sol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información