Producir té en Galicia: variedades, manexo e claves para o seu cultivo

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro acaba de lanzar a marca de calidade TéAreeiro para fomentar a produción de té en Galicia. Cos seus traballos coñecemos os pormenores para iniciarse na produción deste arbusto

Publicidade
Producir té en Galicia: variedades, manexo e claves para o seu cultivo

Labores de recollida dos brotes de té na Estación Fitopatolóxica de Areeiro. // Imaxe. Deputación de Pontevedra.

A produción de té é unha oportunidade máis para o campo galego e desde a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, levan 20 anos empeñados en demostralo. Foron décadas de traballo e investigacións para poder comprobar e abrir camiño para este aproveitamento. Agora deron un paso máis e a principios da primavera presentaban a marca de calidade TéAreeiro, que pretende ser un paraugas baixo o que producir té de calidade na provincia e ao que se vaian adherindo produtores.

“Non se trata de competir cos grandes e históricos produtores de té, como China ou a India, pero en Galicia pódese producir un té de calidade”

“Non se trata de competir cos grandes e históricos produtores de té, como China ou a India, pero en Galicia pódese producir un té de calidade e orientar a produción á elaboración de té de autor, con mesturas de herbas aromáticas que se produzan en terras galegas”, valora Carmen Salinero, xefa de servizo na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, que liderou os traballos para impulsar tanto o aproveitamento do té como do aceite de camelia. Tamén a posta en valor do patrimonio vexetal de camelias co que conta Galicia, e en concreto a provincia de Pontevedra.

Areeiro, un mentor na produción de té

Te verde-EFAreeiro

A nova marca de calidade de TéAreeiro.

Areeiro converteuse nunha especie de mentor para a aqueles que busquen aproximarse ao mundo do té e valoren comezar coa súa produción.

“Cando se comeza cunha actividade sempre hai unha etapa de formación e de aproximación e desde Areeiro pretendemos proporcionar unha boa base ás persoas interesadas no cultivo do té. Aproveitando o traballo que se realizou en Areeiro, os futuros produtores poden dispoñer xa de coñecementos específicos sobre a produción en Galicia nestes primeiros momentos para poñer en marcha o cultivo”, detalla Salinero.

Unha vintena de persoas inician un curso de formación na Estación de Areeiro sobre as claves para a produción de té en Galicia

Para trasladar este coñecemento sobre a produción de té en Galicia, desde Areeiro están a organizar cursos de formación. Este último luns do mes de maio arrincou unha destas formacións que conta cunha vintena de persoas rexistradas. “Os participantes poderán coñecer o manexo da planta do té, así como o proceso de recolección para dispoñer do seu propio té”, explican desde Areeiro. Aínda que esta edición está xa completa, a intención é seguir ofrecendo formación en canto vaian detectando interese por parte do público.

Á marxe destas formacións, desde Areeiro levan anos ofrecendo asesoramento directo aos produtores interesados. Un exemplo diso é a firma Orballo, pioneiros na produción de té ecolóxico en Galicia, unha firma emprendedora coa que seguen mantendo convenios de colaboración con novos proxectos innovadores na actualidade. “Nos seus comezos recomendámoslle 3 clons que criamos que podían darlle bos resultados”, lembran desde Areeiro.

Selección da planta do té en Galicia

Á hora de comezar a producir té en terras galegas a elección da planta é fundamental para lograr bos resultados. Debe traballarse especificamente coa Camellia sinensis, coñecida como a planta de té e non con outras variedades de camelias moi populares en Galicia, pero que teñen fins ornamentais e as súas características non son as adecuadas para o seu aproveitamento para o té.

“A Camellia sinensis ten unha folla máis branda e adecuada para a produción. É o mesmo que se decides dedicarte á produción de cereixa e escolles variedades de cerdeiras ornamentais”, exemplifica Salinero.

Plantacion de te-EFAreeiro_

Plantas de ‘Camellia sinensis’ na Estación Fitopatolóxica de Areeiro. // Imaxe. Deputación de Pontevedra.

Nestas 2 décadas de investigación en Areeiro lograron seleccionar uns 14 clons adecuados para a produción de té en Galicia. Moitos destes clons proceden de sementes que no seu día plantaron nas parcelas da Estación Fitopatolóxica chegadas de países cunha fonda tradición como China, India, así como de Turquía, Quenia ou Azores. Tamén traballaron con estaquillas procedentes de China con todas as garantías fitosanitarias e que lles permitiron avanzar na selección dos clons.

Hai dispoñibles 14 clons de ‘Camellia sinensis’ seleccionados en Areeiro que xa poden adquirirse nun viveiro pontevedrés

Entre os criterios de selección destes 14 clons primaron a adaptación ás condicións edafoclimáticas de Galicia e a produción, así como outros factores tales como dispoñer de follas grandes, que permita o seu aproveitamento con fins comerciais.

Desde Areeiro recomendan utilizar estes clons seleccionados polas garantías que ofrecen. Ademais, é un dos requisitos para poder adherirse despois á marca de calidade TéAreeiro. “As persoas que estean interesadas en dispoñer de Camellia sinensis poden poñerse en contacto coa Estación e facilitarémoslle a información e recomendacións necesarias”, explica Salinero.

Polo momento, as plantas seleccionadas poden adquirirse xa na firma pontevedresa Fauna Útil. En concreto, esta empresa de Tomiño está xa dada de alta como produtor rexistrado para a venda dende hai uns meses. “Hai certo interese por este arbusto e xa vendimos algúns exemplares para realizar plantacións experimentais”, indican dende a sección de viveiro de Fauna Útil.

A empresa ten dispoñibles os 14 clons seleccionados por Areeiro e iniciou xa un segundo proceso de selección, atendendo a unha clasificación morfolóxica para poder seguir afinando e mellorando os exemplares dispoñibles.

O manexo da planta do té

A produción de té comeza aos 3 anos de plantala. O seu aproveitamento céntrase nos brotes verdes que xorden tras podar a planta, os cales deberán someterse a un proceso de secado adecuado e controlado previo a que se poida consumir. A primeira poda realízase no mes de xaneiro ou febreiro e os primeiros brotes -os máis valorados- sairán en marzo ou abril. A partir desta brotación cada 15-20 días poderán recollerse estes brotes.

Follas te-EFAreeiro

Brotes de té. // Imaxe. Deputación de Pontevedra.

A produción de té en Galicia prolóngase durante os meses de primavera e verán. A desestacionalización que está a provocar o cambio climático permite que poida estenderse o seu cultivo máis aló de setembro. Aínda que, desde Areeiro recomendan paralizar a recollida para que a planta poida recuperarse e comezar a próxima campaña en boas condicións. “Moita xente non é consciente da capacidade de brotación da camelia e son os brotes destes 4 meses os que se aproveitan para producir té”, explica Salinero. É habitual que se logren unhas 10 colleitas na campaña.

Os brotes recóllense cada 15 ou 20 días e lógranse ao redor de 10 colleitas na campaña, que adoita durar 4 meses

En Galicia o seu cultivo faise de forma manual aínda que se están introducindo pequenas podadoras que dispoñen dun saco de tea co que recoller os brotes e que facilita a recolección. “Todo proceso que se realice a man ou semimanual é traballoso, aínda que é un cultivo relativamente sinxelo”, recoñece a investigadora. Tamén é certo, que se se interrompe a colleita e non se realiza unha recollida no momento adecuado, o arbusto non sofre e pode procederse na seguinte, sen verse afectada a produción na próxima campaña”, detallan desde Areeiro.

Polo momento, este arbusto apenas sufriu problemas fitosanitarios que dificulten a produción, segundo sinalan desde Areeiro. Detectaron incidencia mínima de pulgón, así como algunhas plantas afectadas de tinta, aínda que esta última afección asóciase á humidade na raíz, co que evitar a excesiva humidade da terra é fundamental para previla. “En Galicia e en especial na provincia de Pontevedra os terreos son francoareosos, polo que tampouco hai un elevado risco de tinta para a planta do té”, explica a investigadora.

Colleita TE-EFAreeiro_Deputacion Pontev

Un té de calidade

Un dos obxectivos das investigacións realizadas en Areeiro foi dar conta das características do té producido en Galicia. “Tanto no caso do aceite de camelia como no do té confirmamos que se produce un té de calidade como o que se cultiva en China ou India, principais produtores”, explican desde Areeiro.

Así, analizaron os polifenois dos tés producidos en Areeiro cos clons seleccionados e constataron a presenza de catequinas que testemuñan as propiedades beneficiosas para a saúde que produce o té, con propiedades anti canceríxenas así como de favorecer a circulación e ser favorable para o sistema dixestivo. “Sempre hai que ser cautos e ter en conta que o té nunca substitúe a ningún medicamento, pero ten estas propiedades favorables”, sentencia a investigadora.

Te verde enrolado-EFAreeiro

Follas de té enroladas listas para o consumo. // Imaxe. Deputación de Pontevedra.

É preciso ter presente que para asegurar estas propiedades debe coidarse a elaboración do té: quentar o augar ao redor duns 75 graos, sen que nunca chegue a ferver e deixar repousar o té non máis de 3 ou 4 minutos.

Desde Areeiro animan á produción de té de autor combinándoo coa produción doutras herbas aromáticas ou froitas deshidratadas cultivadas en Galicia

Ademais, desde Areeiro tamén animan á produción de té de autor combinándoo coa produción doutras herbas aromáticas ou froitas deshidratadas cultivadas en Galicia. Apuntan que existe un amplo abanico de posibilidades, desde a menta fresca, a herbaboa, a manzanilla, pasando polos cítricos, as mazás, mouras, amorodos ou o hibisco. En Areeiro nestes momentos están a apostar por incluír os pétalos deshidratados de feixoa.

A Estación Fitopatolóxica conta cuns 300 exemplares de Camellia sinensis e aínda que non todas as plantas están dedicadas á produción de té dispoñen dunha colleita que destinan á promoción do té en distintos eventos así como para as degustacións que ofrecen tras as visitas do roteiro da camelia que a Deputación ofrece e que serve para dar a coñecer as posibilidades do té en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información