Este martes no Auditorio da Casa Cuartel de Taboada presentouse o cartel e a programación da segunda edición de RaizameS, o Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra. O evento, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de maio, reúne unha ampla representación institucional e artística para consolidar este encontro como un referente cultural e vinícola da rexión. As autoridades locais e rexionais, incluíndo o presidente de ACIMTA, Miguel Pavón Reinoso, e o alcalde do Concello de Taboada, Roi Rigueia, subliñaron a importancia de promover a narrativa local e o legado cultural da área a través deste tipo de iniciativas.
Durante a presentación, Noa López Producións, a produtora do encontro, desvelou unha programación diversa que incluirá desde propostas audiovisuais, fotografía, música, danza contemporánea ata performance, todas deseñadas para explorar e celebrar a identidade única da Ribeira Sacra. Roberto Regal, asesor en contidos vitivinícolas, destacou a filosofía do evento dende a perspectiva dos contidos culturais do viño.