Innovación no viñedo: ferramentas para verificar variedades ou optimizar o uso dos fitosanitarios

Presentan algunhas das investigacións innovadoras coas que facer fronte a problemáticas do día a día dos viñedos como a verificación das variedades de cepas ou a xestión sostible e eficaz dos tratamentos

Publicidade
Innovación no viñedo: ferramentas para verificar variedades ou optimizar o uso dos fitosanitarios

Un robot con certo aspecto humanoide afánase por colleitar un acio de uvas. A imaxe inclúese na presentación do investigador e catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña Emilio Gil, no I Foro Uva e Viño, celebrado recentemente no Pazo de Toubes, en Cenlle (Ourense).

O robot vese aínda como unha ferramenta moi afastada para utilizar nos viñedos galegos de forma habitual, a tenor dos chascarrillos que suscita entre os asistentes, pero o investigador afánase en reivindicar que pode non estar tan lonxe como se cre. “Os meus colegas están a traballar xa para que este robot sexa un aliado na vendima da uva de mesa. Poida que o que agora se ve moi afastado nuns anos sexa unha realidade”, apuntou no Foro de Cenlle, organizado por Isagri.

A innovación nos viñedos está moi ligada á eficiencia e numerosos estudos céntranse en achegar solucións directas e prácticas a problemas cos que se atopan os viticultores e adegas no seu día a día. “Os viticultores son receptivos a integrar novas tecnoloxías e innovacións nos seus viñedos unha vez que llas mostras, pero é difícil que eles a soliciten inicialmente, en parte pola elevada idade da maioría dos nosos viticultores socios”, explican desde a adega Viña Costeira, que en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) levou a cabo distintas investigacións tanto en adega como nos seus viñedos.

“Investigación, formación e tecnoloxía deben ir da man. Ademais, temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores”

Á marxe dos avances que se van producindo, expertos como o investigador Emilio Gil inciden na importancia de que a investigación, formación e tecnoloxía vaian da man para asegurar unha transmisión do coñecemento e que os avances cheguen realmente ao campo ou a adega. “Ollo coa tecnoloxía, se non hai transmisión e formación. Temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores e ao sector. Podemos botar man de tecnoloxías desde os satélites, aos drons ou os móbiles que todos levamos encima”, insiste.

Verificar as variedades

Un dos traballos de investigación nos que están inmersos na Evega é a autenticación varietal, polos beneficios que pode significar para os viticultores, xa que ás veces xorden dúbidas sobre as variedades que hai na parcela, tanto nas novas plantacións como nas antigas.

Na Evega teñen unha ampla experiencia na identificación de variedades, de feito foi pioneira na creación dun banco de xermoplasma a finais da década dos 80 para ter rexistrado o potencial xenético da Vitis vinífera, no que se incluían 67 variedades, das que se contaba con 15 variedades exclusivas de Galicia, tal e como informou a investigadora Emilia Díaz, unha das expertas destacadas da Evega.

No marco destas investigacións sobre variedades impulsaron e colaboraron en distintos proxectos para a recuperación de castes, algúns centrados en variedades galegas. “Esta recuperación buscaba tamén introducir estas variedades dentro da canle da comercialización, para iso debía estar rexistrada e deben realizarse unha serie de estudos para incluíla no potencial vitícola da comunidade autónoma”, explica Díaz. Neste sentido, incluíronse recentemente Albilla do Avia e Ratiño e están a traballar en incluír algunhas máis como Carabuñenta.

Desenvolveron unha tecnoloxía que lles permite identificar as variedades xa en campo cun sistema sinxelo de amplificación

No marco de traballo por identificar variedades e atendendo á demanda dos viticultores, na Evega buscan autenticar as variedades xa en campo, dunha forma rápida. “Un dos nosos retos era desenvolver unha tecnoloxía sinxela, de maneira que non fose necesario para a súa identificación nin o instrumental nin persoal tan cualificado como requiren as análises de ADN tradicionais”, explica Díaz.

Así, están a traballar nun sistema que lembra aos test empregados para o diagnóstico de Covid-19. “É unha tecnoloxía que nos permitirá autenticar as nosas variedades en calquera sitio, en campo, en viveiro…” detalla a investigadora. Só se precisa un pequeno aparello, un sistema de amplificación, unido a un teléfono móbil. Débese tomar unha pequena mostra do talo ou da xema da planta que permite a súa identificación. “Nin sequera é necesario que a planta teña follas para a súa identificación”, concreta.

Empezaron a traballan na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas

Nun primeiro momento comezaron a traballar na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas. “No caso da vide temos un sistema de marcadores moleculares moi amplo que pode permitir identificalos”, indica.

Tamén están a traballar sobre a selección de variedades comerciais que ofrezan unha maior resistencia fronte ao cambio climático. Seleccionaron un total de 25 variedades e contan coa participación de adegas galegas como Martín Códax que plantará 2 parcelas experimentais.

Optimizar a xestión

A innovación chega ás veces de man de ferramentas que permiten un mellor manexo dos apeiros e solucións que temos xa dispoñibles, buscando unha produción máis sostible. É o caso, por exemplo, da ferramenta móbil Dosaviña, desenvolta pola Unidade de Mecanización Agraria da Universidade Politécnica de Cataluña, que permite optimizar a aplicación de tratamentos fitosanitarios.

A aplicación Dosaviña indica a dose de fitosanitario a aplicar ao viñedo en función do estado da planta e o tipo de equipo empregado

“Dosaviña permite determinar o volume óptimo de aplicación en función das características estruturais da vexetación e o tipo de equipo empregado”, explican desde a Universidade. Así, Dosaviña permite seleccionar os parámetros adecuados para unha correcta aplicación: velocidade de avance, presión de traballo, tipo e número de embocaduras.

“Non ten sentido estar a traballar con recomendacións xenéricas de cantidades de produto sen axustala ás características da parcela, a rexión ou sen ter en conta a maquinaria empregada”, detalla Emilio Gil, un dos impulsores da ferramenta.

Dosaviña

Ademais, para o desenvolvemento desta aplicación, do mesmo xeito que noutros proxectos que están a levar a cabo, realizaron probas en parcelas de distintas zonas de Galicia. A aplicación inclúe tamén viñedos en espaldeira, como os empregados en moitas parcelas galegas.

Utilizar a aplicación Dosaviña permitiu un aforro de entre un 15 e 40% de produto fitosanitario tanto en grandes adegas como nas de menor tamaño

“Comprobamos que utilizar esta ferramenta permite un aforro significativo nas adegas que pode ir desde un 15 a un 40% de produto fitosanitario e non só en grandes adegas, senón en adegas de diferentes tamaños”, explica o investigador.

Esta ferramenta está dispoñible de forma gratuíta e aberta para os viticultores. Ademais acaba de ser recoñecida como unha das aplicacións máis innovadoras. Cabe destacar que esta APP está pensada non só para viñedo, senón tamén para outros cultivo arbóreos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información