A planta de celulosa e fibra téxtil proxectada por Altri en Palas de Rei (Lugo) está nos últimos meses no foco do debate social e político polos seus posibles impactos ambientais. Desde a perspectiva forestal, a lóxica apunta a que os propietarios beneficiaríanse dunha maior competencia polo recurso (eucalipto), pero cal é a súa opinión sobre o proxecto?.
Unha enquisa interna elaborada pola Asociación Forestal de Galicia entre os seus socios revela que os pareceres son diversos e plurais. Hai interese no proxecto dunha nova planta de transformación de eucalipto en Galicia?. Si, pero tamén hai preocupacións polo impacto ambiental da industria ou pola ecoloxía e ordenación do monte galego, onde o aproveitamento do eucalipto convive co das coníferas e as frondosas.
Na asemblea da Asociación Forestal de Galicia, celebrada onte en Guitiriz (Lugo), fixéronse públicos os resultados provisionais da enquisa, que se mantén aberta e se completará nas próximas semanas. O 52,4% dos socios que responderon están de acordo coa instalación dunha nova industria de transformación de eucalipto en Galicia, pero tamén hai un 40% que se manifesta en contra e un 7,6 % que di non ter opinión suficientemente formada ó respecto.
Unha maioría de propietarios apoia unha nova industria de transformación do eucalipto en Galicia, pero considérase pouco axeitada a ubicación de Palas de Rei
Polo que se refire á localización da planta, ao 41% non lles parece axeitada a localización de Palas de Rei, ao 34,2 % parécelles ben e o 24,8 % non se pronuncia. É destacable esta última porcentaxe: unha cuarta parte dos propietarios prefire non opinar sobre a localización, o que apunta ó recoñecemento dunha falta de coñecemento obxectivo sobre os impactos da planta, máis alá do debate público sobre a cuestión, que en xeral percíbese que parte de premisas ideolóxicas.
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) subliña que os resultados da enquisa e os comentarios recollidos, como parte da mesma, reflicten a pluralidade de pensamento e a diversidade de opinións dos socios, tanto propietarios particulares como representantes de comunidades de montes.
A AFG sinala asimesmo que, en calquera caso, hai consenso en que, de establecerse a industria, os controis do impacto ambiental deben ser extremadamente rigurosos, velando polo cumprimento da normativa nos ámbitos local, autonómico, nacional e da Unión Europea.
En canto ó perfil das persoas socias que responderon a enquisa, un 76% das que contestaron manifestaron ter eucaliptos nas súas propiedades, en tanto outro 24% non traballa con esa especie.
A Asociación Forestal de Galicia impulsa a creación dunha decena de agrupacións de xestión conxunta do monte para superar o minifundio
A Asemblea da AFG en Guitiriz orientouse principalmente a facer balance da actividade da Asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Unha das principais cuestións que se abordou é o traballo que está desenvolvendo a Asociación Forestal de Galicia para impulsar unha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte.
A creación das agrupacións é unha vía importante para mellorar a rendibilidade dos aproveitamentos en propiedades particulares, pois axuda a superar os problemas derivados do minifundio.
A AFG comezou xa a apoiar a creación de arredor de dez proxectos de agrupacións de xestión conxunta nas catro provincias galegas, en distintas fases, desde iniciativas en fase inicial a proxectos xa consolidados.
Entre os proxectos que se están poñendo en marcha figura en Lugo un en Momán (Xermade, Lugo), xunto cun proxecto de consolidación da Sofor de Monte Candedo (Meira, Lugo).
En Pontevedra, están un en Barcela (Arbo, Pontevedra), un en Mondariz, un en Moalde (Silleda) e un en Saiáns (Vigo); en tanto na Coruña cómpre destacar o proxecto de consolidación da Sofor de Cuns (Serra de Outes), e en Ourense un proxecto de nova agrupación en Piñor.
Contexto das agrupacións
As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, dun xeito voluntario, o manexo en conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade.
Con este instrumento búscase superar problemas derivados do minifundio, de cara a avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio.
Mellora da fiscalidade forestal
Outro dos focos da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia situouse nas necesidades estratéxicas do sector, en especial na mellora da fiscalidade forestal.
A AFG incide en que a xestión do monte polos silvicultores é a mellor vía para reducir o abandono das masas e previr os incendios forestais. Por tanto, entende que é preciso que se incentiven os traballos silvícolas cunha fiscalidade máis atractiva. As propostas da AFG céntranse en tres liñas:
1. Permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos).
A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias.
En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa pagan ata catro veces máis no Imposto da Renda que os que estean en Estimación Obxectiva.
O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real.
Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciará unha serie de accións ante as Administracións públicas.
2. No caso dos montes veciñais, proceder a unha exención parcial do imposto de sociedades nos aproveitamentos forestais de turnos longos.
Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias.
3. Establecer deduccións dun mínimo do 20% do IRPF para os investimentos no monte.
A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes.