‘Fibra téxtil á galega: modelo de negocio’

‘Fibra téxtil á galega: modelo de negocio’

O mercado de fibra téxtil natural, neste caso baseado en fibras obtidas de celulosa da madeira, preséntase coma un modelo auspiciado pola inxente demanda de consumo, derivada da “fast fashion” con “conciencia ecolóxica”, que obriga ao sector téxtil a procurar produtos alternativos aos derivados do petróleo.

Con este modelo non se pretende axudar a parar unha demanda téxtil desaforada, que continuará a provocar un dos maiores impactos ambientais a nivel planetario e con graves problemas sociais, senón que a idea que subxace é continuar a consumir para manter os niveis económicos empresariais e as demandas de consumo, pero con fibras naturais, menos impactantes, pero a veces sen reparar moito en ver como se produce e o impacto que xeran.

Tampouco parece que sexa un modelo onde a recircularidade, a reciclaxe e a incorporación de fibras téxtiles obsoletas e de corta vida teña un papel predominante na produción de novas fibras.

“Preténdese producir ‘fast fashion’ con fibras naturais con menor impacto ambiental, pero sen preocuparse moito en como se producen”

Modelo tractor e de enclave
A priori, a confluencia da presenza en Galicia de materia prima forestal abundante para obter a celulosa precursora da fibra, xunto coa existencia de empresas multinacionais comercializadoras téxtiles, a posible asociación con empresas con tecnoloxías avanzadas e a existencia dun importante polo de fabricación téxtil no norte de Portugal poden artellar un marco de referencia de ámbito europeo en biotéxtil, se se entende como proxecto transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.

Porén, isto deixa algunhas cuestións cando a visión focaliza en Galicia:

  • Parece un modelo con dependencia de tecnoloxía e coñecemento externo, con escasa implicación do tecido empresarial innovador e de investigación local no desenvolvemente do proxecto.
  • Escasa integración con outras cadeas de valor engadido da industria da madeira en Galicia, non así no sector forestal, onde replica o modelo de aproveitamento de pasta de celulosa.
  • Falla de liderado político e sectorial galego para articular o proxecto. Desleixo da oportunidade para a creación dun consorcio público-privado con Xunta, empresas e propietarios forestais.
  • Impacto ambiental e mesmo socio-económico, aínda que sexa como a empresa Altri mesmo recoñece, “moderado”, e con necesidade de corrixir e controlar unha das zonas máis sensibles no interior de Galicia.

Modelo de xestión forestal
Modelo de produción intensiva onde se precisa materia prima de crecemento rápido e baixa calidade para a trituración. Modelo baseado en monocultivo, de escaso diámetro e baixa calidade silvícola.

Modelo que xa demostrou as complicacións que presenta para artellar un modelo de xestión forestal con silvicultura para a produción en cascada, mesmo con eucalipto, para obter madeira de calidade para outros usos con maior percorrido na cadea de valor e con maior vida útil, estes si, para dar tempo de captura de CO2 (madeira construción, mobles, carpintería).

Situación do sector téxtil en Galicia. Cedida

Situación do sector textil en Galicia. Cedida

A priori, si se albisca unha maior competencia polo recurso, polo que se augura unha suba do prezo do eucalipto. Tamén é previsibile un descenso das exportacións da madeira en rolo de eucalipto, acorde cun aumento da demanda de consumo interno, nada desdeñable á vista dos consumos de madeira que presenta o informe de Impacto Ambiental de Altri.

Ou non. Igual baixa, sempre é máis fácil poñer en común a dous que compran que a 600.000 que venden.

En todo caso, parece previsible un incremento de produtividades por medio da silvicultura intensiva e mesmo con muda de especies: E globulus por E nites.

Moratoria eucalipto
Á vista dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, subliña que “Galicia conta cunha superficie de 1,5 millóns de hectáreas arboradas: 620.000 hectáreas de frondosas, 422.000 ha de coníferas e 409.000 ha de eucalipto”.

Esta moratoria estará en principio vixente ata o 2025. Aínda non se chega ás 420.000 hectáreas de eucalipto. Será o momento de eliminar a moratoria?

Modelo de financiación
Dada a necesidade de financiación pública que expón a empresa promotora, esta situación é unha oportunidade, e mesmo pode ser unha esixencia, para a creación dun consorcio público privado coa Xunta, empresas e propietarios forestais que procure:

  • A aposta e un modelo silvícola e produtivo con maior percorrido e xeración de riqueza, sostible e socialmente inclusivo, que dispoña dun aproveitamento en cascada do recurso forestal, favorecendo a sinerxía da loxística e acopio para o subministro de trozas de calidade a empresas locais que poidan aproveitala para produtos de maior valor engadido como madeira sólida.
  • Onde xogue un papel importante a procentaxe de incorporación de outras madeiras como frondosas (bidueiro) e a mesmo primen aquelas propostas onde a madeira proceda de actuacións exemplares de multifuncionalidade.
  • Onde se faga unha aposta pola investigación e a innovación local, con claro desempeño de actuacións de impulso e acompañamento de grupos e de centros de investigación galegos.
  • Unha clara definición como empresa tractora, onde sirva de panca de emprendemento para outras oportunidades de valorización de madeira e mesmo dos refugallos do propio proceso (lignina) como doutros sectores en clara simbiose co sector téxtil, en vistas a unha bioeconomía real e que transforme a fábrica na ansiada biorrefinería que precisa o sector forestal galego.
  • Onde se garanta a presenza de todas as voces na toma de decisións, sobre todo as que afecten a xestión do territorio.

Modelo local
Sorprendente localización da planta en Palas de Rei. Unha zona moi sensible, dende o punto de vista ecosistémico e de territorio, sen experiencias de xestión de macro proxectos industriais e onde non está moi claro como pode inferir o proxecto na estrutura produtiva da zona (eminentemente gandeira e agrícola). Ou mesmo como establececer enlaces e sinerxías cos condicionantes socioeconómicos da comarca.

Se non se teñen en conta estas cuestións, ao final a fábrica pode ser un gueto fabril, onde os traballadores poden vivir fóra da comarca, achegarse pola turilante nova autovía e marchar para as súas casas sen tomar un só café no pobo. Pero a empresa aduce que fará as cousas ben e mesmo mellor que o que se demanda por Lei. Tamén pode subvencionar as camisetas do equipo de fútbol de Palas de Rei.

Situación do mercado téxtil no norte de Portugal. Cedida

Situación do mercado téxtil no norte de Portugal. Cedida

Curiosamente, dita localización foi desbotada por Ence cando se plantexaba a súa marcha de Pontevedra. A priori, o proceso produtivo e os consumos son moi similares entre Altri e Ence.

Tamén lembro que hai outras zonas de Galicia máis preto da costa (a loxística por barco parece fundamental), pero tamén moi preto do recurso forestal, con ampla traxectoria na xestión de grandes infraestruturas industriais e con redes loxísticas robustas e probadas, con opción de fondos.

Modelo de integración social
Por outra parte, o proxecto adoece de certo desleixo da empresa Altri en partillar, con quen van a ser os seus veciños de por vida, como queren entrar na comunidade e veciñanza de Palas de Rei.

Aquí podemos poñer centos de referencias, como as protestas, asambleas informativas, artigos de opinión de todo tipo de colectivos, non precisamente todos ecoloxistas, que se senten ameazados polo proxecto.

Os efectos medioambientais están sendo avaliados e mesmo postos en solfa polo movemento ecoloxista galego, con ADEGA ou a Plafaroma Ulloa Viva como referentes que, ademais, de xeito ben xeneroso e impagable, adican o mellor do seu tempo para alegar contra informes realizados por un tropel de técnicos e expertos ben pagados e con todos os medios ao seu dispor.

De momento, Altri xa recoñece que faltou comunicación para explicar o proxecto e mesmo agora propón charlas informativas polas parroquias [Nota: o artigo foi escrito antes da suspensión da rolda de charlas de Altri]. Non é menor a cuestión, sobre todo, cando a empresa solicita a todos os seus veciños axudas e financiación para construír a fábrica. Iremos a escoitalas.

Parece necesario artellar un diálogo de escoita activa, non só un diálogo normativo e administrativo (menudo xeito de comezar unha veciñanza de moitos anos) coas persoas de entorno onde se pretende localizar a fábrica, e mesmo con afectados, que directa ou indirectamente se senten ameazados pola implantación, a excepción do alcalde que na lóxica da despoboación do rural defende a fábrica en base o discurso de creación de postos de traballo.

Esta é unha realidade en moitas propostas e estratexias industriais e sectoriais, onde non se ten en conta e mesmo se desacredita as opinións que poidan ser contratrias as establecidas polos interesados [non teñen o coñecemento suficiente, están manipulados, son unhas ecoloxistas ultra perroflautas urbanitas].

Pero, porén, si solicitan que todos financien, auspicien e mesmo feliciten a súa estratexia ou a súa proposta industrial. “Yo traigo el progreso y la riqueza, apártate”.

Conclusións
Ja, picaches. Non teño conclusións. Só faltaba que dende a miña inxenuidade dese latricas sobre a conveniencia dunha actuación deste calado.

Este é un asunto complexo e con moitas cuestións tecnolóxicas aínda por concretar pola propia empresa (agardamos con expectación as charlas parroquiais que prometen impartir) e, ademais un proceso longo que precisa moito tempo e recursos para analizalos e para poder opinar con “rigor e criterio”, como demandan dende a empresa e dende un goberno autonómico que xa ten claro que é bo para Galicia e un establishment lobista, con tan fondas raíces que mesmo naceu no territorio.

E os votos parece que lle deron a razón a Alfonso Rueda, que apoia este proxecto. Ou non?

Francisco Pedras

* Presidente da Asociación A Monte, orientada á promoción das frondosas caducifolias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información