Que medidas claves melloran o benestar nas granxas de vacún de leite?

Joaquim Lima Cerqueira, doutor en Veterinaria, concreta os principais indicadores que se teñen en conta para determinar o confort dos animais nas ganderías leiteiras de vacún

Que medidas claves melloran o benestar nas granxas de vacún de leite?

Un dos aspectos que máis se está a ter en conta nos últimos anos nas ganderías de produción de leite é o benestar animal. Pero, en que cómpre fixarse para saber se se está a garantir o confort dos animais na granxa? O doutor en Veterinaria e profesor da Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Portugal), Joaquim Lima Cerqueira, ofreceu algunhas das claves para responder a esta cuestión durante a súa participación nos actos da Semana da Gandería Ecolóxica, organizada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), celebrada recentemente.

Tanto a Organización Mundial para o Benestar Animal (OIE) coma a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria estableceron algúns dos indicadores vixentes para avaliar o benestar animal nas ganderías. Neste marco, o proxecto Welfare Quality, desenvolvido entre 2004 e 2009 é un dos referentes para coñecer o confort das vacas na granxa. Atende a catro principios básicos: alimentación, saúde, instalacións, e comportamento axeitado do animal. “O comportamento da vaca tense cada vez máis en conta, mesmo se avalía a parte emocional dos animais a través, por exemplo, da interacción do gandeiro cos animais ou do comportamento en pastoreo e nas granxas”, concreta Lima Cerqueira.

“O comportamento da vaca tense cada vez máis en conta, mesmo se avalía a parte emocional dos animais”

Destes catro principios, establécense á súa vez 12 criterios e deles obtéñense uns 30 indicadores que axudan a estimar o confort do animal.

O proxecto Welfare Quality define ata 30 indicadores sobre benestar animal na granxa.

O proxecto Welfare Quality define ata 30 indicadores sobre benestar animal na granxa.

As instalacións, determinantes para o benestar

Un dos aspectos máis decisivos para garantir o benestar dos animais na granxa son as propias instalacións. “Canto mellor estean as instalacións menos complicacións imos ter cos animais, xa que a maioría dos problemas derivan de aí”, explica o doutor en Veterinaria.

Aspectos como a ergonomía dos cubículos, a cantidade e a calidade da cama son factores que condicionan ó animal na gandería. “Debemos tentar favorecer que a vaca teña case a mesma liberdade na granxa que cando está no prado”, detalla o experto. Así, canto maior sexa a dispoñibilidade de espazo na granxa, maior será tamén a produción de leite. 

densidad-de-animles-y-producion-de-leche-

O tempo que a vaca pasa deitada e as boas condicións do cubículo son tamén significativos para lograr unha maior produción de leite. Lima apunta que existe unha correlación positiva entre o espazo do que dispoñen as vacas na granxa, así como das horas de descanso, e o incremento da produción de leite. O tipo de cama e o uso dos cubículos é determinante para coñecer o benestar do animal. Neste senso, o experto incide en que as camas de area están a ser as que mellores resultados de confort ofrecen en comparación con outros sistemas como as alfombras, o colchón ou palla, segundo diferentes estudos.

“A area resultou a mellor opción tendo en conta os indicadores que nos interesan como é o tempo que a vaca permanece deitada ou inxerindo alimento”, concreta Lima. Dispoñer de cubículos cómodos e adaptados para o animal é fundamental para garantir o seu benestar e serve como un claro indicador. Así, aquelas granxas cun alto número de vacas que terminan deitadas fóra do cubículo teñen que mellorar estes espazos.

tipo-de-cama-uso-de-cubiculos-

O tempo que as vacas pasan deitadas nas camas de palla ou area é sensiblemente superior ó rexistrado en cubículos con alfombra de goma ou colchón.

O acceso ós comedeiros e ós bebedeiros é outra das cuestións a ter en conta para facer que a vaca estea en boas condicións. Neste aspecto, Lima insiste na importancia de garantir que tódalas vacas poidan acceder con liberdade a estas zonas, en especial as vacas máis novas, que tenden a ser máis submisas, ó levar menos tempo na granxa e poden quedar sen acceder a eles pola oposición dalgún dos animais dominantes da gandería.

É fundamental garantir o acceso suficiente ós comedeiros e bebedeiros de tódolos animais, en especial os máis novos, que tenden a ser máis submisos

Nestes casos, estímase que cada vaca debe ter como mínimo 60 centímetros de comedeiro e debe haber uns 6 centímetros de bebedeiro por animal. “Cunha produción duns 50 litros de leite, o animal consume máis de 200 litros de auga, e esta cantidade pode ser superior no caso de rexistrarse elevadas temperaturas, polo que é primordial garantir o acceso á auga”, explica o especialista.

O acceso á auga e ó alimento adoita ser un aspecto tido moi en conta nas granxas, non obstante, un estudo realizado en 90 granxas en Dinamarca, no que se avaliaban algúns dos principais aspectos do proxecto Welfare Quality, evidenciou que case un 14% das granxas carecía dun caudal suficiente de auga para os seus animais e preto do 52% das ganderías non contaba con espazo suficiente no comedeiro.

cama quente de palla

A saúde e o comportamento do animal

A incidencia das principais enfermidades do gando vacún relacionadas coas condicións nas que se atopan é outro dos factores que dá boa conta do grao de benestar dos animais nas ganderías. As coxeiras e a mastites son dúas destas afeccións que están relacionadas tamén estreitamente coa condición corporal do animal.

O 40% das vacas que padecen coxeiras de xeito recorrente teñen unha condición corporal entre 2 e 2,5. Porén, se os animais contan cunha condición corporal mellor, situada arredor de 3 e 3.25, a porcentaxe de vacas afectadas por esta patoloxía redúcese ata o 10%.

O pastoreo é outro dos aliados para evitar problemas de coxeiras na granxa. Lima bota man dun estudo sobre a prevalencia de coxeiras nas ganderías realizado en distintos países para evidenciar esta relación. Mentres que en Noruega, onde as ganderías adoitan pastorear, o índice de prevalencia de coxeiras é dun 10%, noutros países como Reino Unido ou Alemaña elévase ata o 30%, posto que o gando pasa boa parte do tempo en pisos de formigón.

De novo, as condicións da cama van ser determinantes tal e como amosa un estudo realizado no sur de Portugal, no que a incidencia de coxeiras en ganderías con pisos de formigón ou pouca area nas camas sitúase entre o 76 e 90%. Porén, naquelas granxas onde as vacas empregan colchóns de auga ou camas cunha cantidade de area axeitada as coxeiras caen ata unha taxa de entre 25 e o 30%.

Relacion-tipo-material-cubiculo-_-incidencia-coxeira

A redución de mobilidade que producen as coxeiras tradúcese directamente tanto na produción, caendo esta ata nun 17%, coma na inxesta de materia seca que diminúe nun 7%, segundo detalla o especialista.

Lima destaca tamén o labor do robot de muxido, que se converte nun aliado para coñecer algúns parámetros como a condición corporal do animal, pero tamén aporta información de precisión do gando ó realizar un monitoreo automático e continuado das vacas, que pode ser de utilidade para comprobar o seu benestar.

A incidencia de coxeiras e mamite está relacionada co benestar dos animais na gandería

A limpeza das instalacións tamén condicionará ós animais, posto que existe unha relación demostrada coa aparición de enfermidades coma a mastite. “Cómpre ter presente que unha mamite pode supoñer arredor duns 200 euros ó ano, debido á perda de produción, pero tamén ós gastos derivados dela”, explica Lima.

Outro dos aspectos que se valora para determinar o confort das vacas son os seus comportamentos. Cando o animal realiza movementos harmónicos na granxa e similares ós que realiza cando se atopa en liberdade no prado é un indicador de que o animal se atopa confortable. De igual xeito, cando o gandeiro se aproxima ó animal no comedeiro, coa man estendida a uns 45 graos, se a vaca permanece alí indicará o seu confort. Porén, se a vaca se afasta máis de 2 metros evidencia que se atopa incómoda.

Lima incide, ademais, en que en xeral para conseguir o benestar das vacas na granxa é preciso favorecer o enriquecemento tanto do espazo interior como exterior, de modo que os animais se sintan o máis cómodos posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información