Radiografía sobre o sector porcino: retos e cifras das granxas de porcos

A Asociación Nacional de Produtores de Porcino analiza os desafíos que se presentan a curto e medio prazo aos criadores de porcos. O incremento dos custos de produción e as novas normativas en materia de benestar animal ameazan a continuidade de moitas granxas

Radiografía sobre o sector porcino: retos e cifras das granxas de porcos

“Dise que o porcino é un sector estratéxico. Nós así o cremos, pero é certo que cada vez botamos máis en falta o apoio da Administración”, recoñece Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (Anprogapor) ao comezar a analizar a situación que atravesa o sector de porcino español. O colectivo de criadores participou este ano no XXV Monográfico de gando porcino, celebrado en Silleda (Pontevedra) no que compartiu cos participantes unha análise sobre os principais retos do sector a curto e medio prazo.

O sector experimentou grandes dificultades para trasladar ao consumidor o incremento de prezos que se rexistrou nos custos de produción derivados do aumento de custos das materias primas e enerxía por mor da guerra de Ucraína. “Non fomos capaces de trasladar o incremento real dos custos de produción ante o medo á caída do consumo”, recoñecen desde Anprogapor. Así, tanto o gandeiro como as industrias estiveron asumindo ese incremento dos prezos”, valoran na asociación.

“Aínda que nos últimos meses esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”: Miguel Ángel Higueira, Anprogapor

Nos últimos meses estivéronse rexistrando prezos moi bos, unha tendencia que xa se demostraba no mes de marzo, cando se rozaban os 2 euros por quilo antes de Semana Santa, unha data que adoita marcar diferenza. “Aínda que agora esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”, apunta Higuera. Así, lembraba como en 2021 se rexistraron unhas perdas de 20 euros por porco ou a comezos do ano pasado cifrábanse unhas perdas de entre un 30 e 10%. “Estes fluxos de tantos cambios afectan dunha forma moi significativa ás economías dos gandeiros”, explica.

Miguel A Higuera_Anprogapor_GandAgro

Miguel Ángel Higuera, director de Anprogapor durante a súa participación nas xornadas de porcino en Silleda (Pontevedra).

As cifras de produción en Europa

As crises dos últimos anos provocaron unha baixada xeral da produción de porcino en Europa. En concreto, produciuse unha redución do 4% do censo no número de nais no último ano e dun 5,2% no número total de animais.

As cifras dos principais países produtores tamén demostran esa caída das cifras do porcino. Así, en Dinamarca produciuse unha redución do 12% do censo total de animais. En Alemaña foi do 10% e en Polonia do 6%.

España é un dos países onde menor caída da produción de porco se rexistrou, cunha baixada do 1%, mentres que en países como Alemaña foi do 10%

Mentres, España foi un dos países onde esta baixada do censo total de animais foi máis contida, apenas un 1% no censo total e só un 0,9 % no número de nais. Cabe lembrar que España sitúase como o primeiro produtor de Europa, con practicamente o 20% da produción total. “Dentro do contexto europeo, España é un dos países que mellor está a aguantar”, valora Higuera.

A situación de España está a xerar incluso certo rexeitamento nalgúns países de Europa aos que está a chegar carne de porco española a un prezo moi competitivo, o que limita o crecemento e que os propios produtores deses países poidan incrementar o seu prezo. “Estamos a atoparnos inimigos dentro do noso sector en países aos que exportamos a carne de porco. A nosa competitividade está a conquistar moitos mercados”, apunta Higuera.

“A competitividade do sector porcino español está a conquistar moitos mercados”: Miguel Ángel Higuera, Anprogapor

Tamén hai países onde os datos de Eurostat reflicten un destacado crecemento, como ocorre con Italia, que experimentou un aumento do número de nais de case un 25%, contando con 141.000 nais máis nun ano. Aínda que os datos italianos crean certa suspicacia entre o sector, debido a que Italia é un dos países onde xa se rexistraron casos de Peste Porcina Africana (PPA), o que adoita levar parello unha caída do número de animais, debido aos sacrificios que se derivan desta infección. Algunhas fontes apuntan a que este incremento pódese deber a un cambio no rexistro estatístico.

Os retos a curto prazo

O sector afronta a curto e medio prazo retos significativos que están a xerar certa preocupación pola viabilidade de moitas granxas, xa que afectan a distintos piares da actividade. A entrada en vigor de novas normativas en 2027 e a limitación á creación de novas granxas está a poñer en xaque a continuidade e renovación do sector, tal e como coinciden en sinalar tanto desde Anprogapor como desde a Federación Galega de Porcino (Fegapor).

A alimentación dos animais, as esixencias en cuestións ambientais e de benestar animal ou os riscos sanitarios por ameazas como a peste porcina son as principais dificultades ás que o sector busca facer fronte.

Alimentación animal

Unha das maiores preocupacións é a dificultade para conseguir pensos e cereais para alimentar aos animais a un prezo competitivo. Ademais das consecuencias derivadas da guerra de Ucraína que afectaron ós prezos e fluxos de cereal mundial, a nova normativa europea que quere poñer coto á entrada de produtos procedentes de zonas deforestadas pode ter un impacto directo no sector, xa que a entrada de soia pode verse afectada e traer consecuencias tamén para o abastecemento desta materia prima, fundamental na dieta dos porcos.

Preocupa que a soia poida verse afectada polas novas limitacións europeas aos produtos procedentes de zonas deforestadas e ter un impacto significativo nos pensos dos porcos

Témese que as limitacións postas por Europa leven a que grandes produtores de soia como Brasil ou Arxentina se centren en exportar a países como a China, onde non existen limitacións neste sentido, tendo en conta ademais que o mercado europeo supón menos do 20% das súas exportacións. Así, conseguir soia a prezos competitivos pode resultar difícil e ademais podería ter un efecto rebote tamén nos custo doutros cereais.

Medio Ambiente

As novas normativas impulsadas desde Europa no marco das estratexias do Pacto Verde e da Granxa á Mesa, que perseguen a neutralidade climática para 2050, supoñen tamén novos desafíos para o porcino. O sector presentou xa unha folla de roteiro ao Ministerio de Transición Ecolóxica na que se inclúen unha serie de medidas para chegar a cumprir ese obxectivo na devandita data. Está a poñerse o foco en temas como a calidade do aire, onde reducir as emisións de amoníaco é unha das claves, xa que as cifras manexadas por España sitúanse aínda por encima do baremo estipulado por Europa para lograr a neutralidade climática.

“Seguimos sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución”: Anprogapor

Cuestións como a xestión dos estercos ou a redución de consumo de recursos hídricos e de carbono son temas que tamén haberá non só que cumprir, senón que demostrar mediante certificacións. “Preocúpanos ter que seguir sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución, como xa estamos a vivir agora”, matiza Higuera.

Benestar animal e novas normativas

Xunto co medio ambiente, as novas normativas en materia de benestar animal tanto a nivel nacional como europeas supoñen tamén desafíos significativos. Unha das últimas normas españolas que entrou en vigor estipula cambios no espazo dos animais, esixindo unha redución da densidade das granxa. “A nivel estatal perderase un 7% das prazas e esperemos que nos concedan dous anos de moratoria para a súa entrada en vigor”, apunta Higuera. A redución da densidade e a mellora do benestar animal é ademais unha esixencia europea vinculada á PAC, o que condicionou que se tramitase este Real Decreto con tanta celeridade, segundo explican desde Anprogapor.

Mentres, Europa prepara para finais deste ano unha actualización da normativa de benestar animal, o que deriva na aprobación de 4 normativas que poden afectar a gran parte da cadea. Así, prevese que haxa novas esixencias para os animais en granxa, con regulación para cada unha das especies, actualizacións na regulación do transporte de animais, os procedementos no sacrificio e a etiquetaxe da carne.

Solicitaron que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan nas novas normativas de benestar animal

Aínda que vaian coñecéndose as esixencias a finais deste ano, estímase que ata o 2027 non entrarán en vigor. “Está a pedirse que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan, pero as novas instalacións deberán cumprir coa normativa desde o 2027”, explica Higuera.

Desde Anprogapor, así como desde outras organizacións do sector, recriminan que as recomendacións de expertos en materia de benestar animal non teñen en conta o impacto económico que estas medidas teñen no sector e que pode orixinar unha maior concentración das empresas e a eliminación das granxas de menor tamaño que non poden facer fronte aos investimentos que supoñen estas esixencias.

A ameaza da peste porcina

En materia de seguridade animal tamén haberá cambios a curto prazo. Un dos máis inmediatos é a entrada en vigor en xaneiro do 2024 do Real Decreto 306/2020 que supón incrementar as medidas de bioseguridade das granxas. Nelas inclúese desde contar cun valado perimetral das instalacións, incluídas as balsas de esterco que se sitúen fóra das instalacións da granxa, así como arcos de desinfección, vestiarios con diferenciación de zonas, control de visitas, entre outras.

Outro dos aspecto a nivel sanitario nos que se pon o foco é a redución de antibiótico, que supón non superar en 2023 os 110 mg/PCU en España. Aínda que se procedeu xa a unha redución significativa, pasando dos 400 a situarse en 159 mg/PCU, aínda debe seguirse coa diminución.

Tamén preocupa a nivel sanitario o avance de infeccións como a Peste Porcina Africana, en especial polo incremento da poboación de xabaril, un foco de contaxio da enfermidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información