Subas na recría frisoa e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un aumento dos prezos medios dos tenreiros de raza frisoa de recría e nos animais de cebo. Segue á baixa o porco cebado e mantense case sen cambios o mercado do ovo

Subas na recría frisoa e nos becerros carniceiros en Silleda

Recría nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra) rexistra esta semana unha suba dos prezos medios de referencia da recría de raza frisoa. Mentres, nos animais de cruces houbo baixadas das cotizacións nos machos máis novos e nos exemplares de maior idade.

Nos tenreiros de cebo tamén se rexistraron subas en case tódalas categorías. A excepción veu dada por unha baixada mínima nas becerras de cruce. No vacún maior non houbo unha tendencia clara esta semana.

Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada nos prezos dos porcos cebados, mentres que os leitóns experimentaron esta semana unha suba. Pola súa parte, o mercado do ovo mantense case sen cambios.

O martes 31 de outubro só haberá poxa de becerros cebados e vacún maior

Este martes, a Central avisou ós asistentes que o próximo día 31 de outubro, véspera do festivo nacional, suspéndese a poxa de tenreiros de recría, pero manteranse as vendas de becerros cebados e vacún maior.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. Cómpre ter en presente que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 79 euros, é dicir, 35 euros máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 108 euros, o que supón 19 euros máis. Os becerros de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 125 euros, cun incremento de 12 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos descontaron 60 euros no prezo de medio con respecto da semana pasada e sitúanse en 281 euros. Mentres, nas femias houbo unha suba de 29 euros e cotízanse a 218 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días rexistrouse un incremento de 21 euros e teñen un prezo medio de 348 euros. As femias acadaron os 228 euros, logo de sumar 7 euros. Os machos de máis de 50 días tiveron un valor de referencia de 451 euros, (-66 euros). As femias descontaron 64 euros, polo que se sitúan nos 367 euros.

Nos becerros de cebo houbo subas en case tódalas seccións. Os machos frisóns tiveron un prezo medio de 929 euros (+456 euros). Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.122 euros (+28). As femias foron a excepción desta categoría, cunha mínima baixada de 2 euros no prezo de referencia con respecto da semana pasada e teñen un prezo medio de 844 euros. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.205 euros (+67) e as femias acadaron os 1.189 euros (+150). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha suba de 86 euros e acadan un prezo medio de 1.231 euros.

Esta semana non houbo unha tendencia predominante no vacún maior. As vacas da extra descontaron 108 euros e o seu prezo de referencia sitúase nos 2.142 euros. As vacas de primeira acadan os 1.151 euros (+6). Os exemplares de segunda cotizáronse a 757 euros, logo dunha suba de 10 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 490 euros, cunha baixada de 5 euros en comparación coa última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia acadaron un valor de referencia de 3.228 euros, o que supón 473 euros máis que a feira pasada.

Central_Vacun 10_10_2023

Baixadas no porco cebado

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana novas baixadas nos prezos do porco cebado. Os animais das categorías selecta e normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,81 e 1,785 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,318 euros, tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,06 euros e cotízanse entre 0,99 e 1,05 euros o quilo.

Os leitóns experimentaron unha suba dun euro para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 71 euros (cun prezo de 3,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 66 euros e cun prezo por quilo de 3,3 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana case sen cambios. A única modificación experimentárona os ovos da M que incrementaron o seu valor en 0,02 euros e a ducia está agora en 1,89 euros. No resto de categorías mantéñense os prezos. Os ovos da XL cotízanse a 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,4 euros e os da S están en 1,62 euros. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,22 e os 0,30 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central porcino_10-10-2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información