A Xunta segue sen concretar as axudas para as ganderías afectadas polo virus da EHE

José Balseiros afirma que si se darán axudas de indemnización por morte dos animais e que están a estudar outras posibilidades en función da afectación , pero non detalla as cantidades

A Xunta segue sen concretar as axudas para as ganderías afectadas polo virus da EHE

Na Comisión Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, do Palarmento de Galicia, o Bloque Nacionalista Galego levou esta mañá unhas preguntas en referencia ás medidas que adoptou o Goberno Galego logo da aparición da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) en Galicia e as previsións que ten respecto deste problema.

Tras a intervención de Xosé Luis Rivas por parte do BNG, o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mostrou orgullo por ser “a primeira Comunidade Autónoma en anunciar estas medidas”, pero seguiu sen concretar cales serán as axudas.

Balseiros puxo de exemplos outras Comunidades Autónomas coma Andalucía, Aragón, Asturias ou Cataluña que non sacaron aínda axuda e criticou outras como Cantabria que sacaron unha liña de indemnización por morte de 120 € ata 1.500, en función dos meses do animal, e 25 € por animal afectado. “O problema é que só dan 10 días dende que saia a orde, unha vez pasado ese prazo non se solicitarán máis”, subliñou.

O director xeral lembrou que dende que se coñeceron os primeiros focos en España se trasladou información interna a todas as entidades do sector para “que lla fixesen chegar aos gandeiros”. E xa dende a aparición dos primeiros focos en Galicia, que foron en explotacións da Coruña en setembro, “o persoal veterinario da Consellería de Medio Rural empezou un seguimento das sospeitas clínicas nas explotacións do territorio realizando enquisas e toma de mostras nos animais sospeitosos para analizalos no laboratorio”.

Nese sentido, expuxo que se tomaron medidas como a prohibición de movemento de animais con sintomatoloxía e desinfección das explotacións afectadas, dos animais e vehículos de transporte. Incidiu que actualmente non existe unha vacina neste sentido, pero destacou que o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (LASAPAGA), “de maneira rápida e eficaz”, lanzou a técnica de PCR para diagnosticar a enfermidade e así minimizar os tempos.

Segundo explicou, a sintomatoloxía dos animais bovinos aféctalle a un 5,7 % do total de animais e a mortaldade ocorre a menos do 1 %. “Como Galicia ten unha cabana gandeira de preto dun millón de vacas, pode ter máis incidencia que outras comunidades que teñen menos animais. A realidade é que temos unha situación similar a outros territorios e por iso chamamos á tranquilidade”, aclamou o director xeral.

Finalmente, afirma que si se darán axudas de indemnización por morte dos animais debido a EHE e que “estamos estudando outras posibilidades en función da afectación que poida ter nas explotacións” e engadiu que “sairán publicadas cando pasen todos os trámites necesarios”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información