A Interprofesional para impulsar o Sector Cunícola, Intercun, xa comezou a autorizar a entidades de certificación para realizar auditorías de Compromiso Benestar Animal BACI (Benestar Animal Cunícola INTERCUN), o que permitirá o uso do selo B+ nos produtos de carne de coello procedentes de granxas e industrias certificadas.
Este é o selo común das seis interprofesionais gandeiro-industriais do sector cárnico, que se uniron para garantir aos consumidores e usuarios un alto nivel de excelencia en canto a benestar animal e trazabilidade nos produtos identificados co B+.
Control en todo o sector
Tal e como explican desde Intercun, a certificación BACI contou para a súa elaboración coa Sociedade Española de Protección e Benestar Animal (SEPROBA), e foi coidadosamente analizada por un comité científico multidisciplinar. “Esta certificación engloba requisitos baseados en criterios científicos e técnicos máis esixentes que os recollidos na normativa europea, así como na nacional”, explican desde Intercun.
Ademais, esta certificación contempla todos os elos do proceso de produción de carne de coello. Establece requisitos que afectan ó benestar animal e á rastrexabilidade desde a maternidade ata o cebo ou os centros de sacrificio e controla a cadea de custodia dos produtos no resto de industrias relacionadas coa carne de coello.