Piden subas no prezo do leite para as granxas máis pequenas

Piden subas no prezo do leite para as granxas máis pequenas

Unións Agrarias advirte de que hai ganderías que están cobrando o leite a 35 céntimos, moi por baixo dos 43 en que se sitúa o prezo medio do leite en Galicia. A organización agraria calcula que arredor da metade das granxas galegas están cobrando o leite por baixo do prezo medio.

“As tarifas á alza coas que algunhas industrias están tentando captar novas granxas proveedoras non son máis que un espellismo que enmascara a verdadeira realidade, con ganderías que están cobrando na actualidade arredor de 35 céntimos”, sinala a organización agraria.

Dado o aumento de custos de produción experimentado nos últimos meses no campo, Unións destaca que ese prezo de 35 céntimos incumpre a Ley de la Cadena Alimentaria, que prohíbe a venda dos produtos do campo por baixo dos custos de produción. A organización empraza ás industrias “a cumprir coa Lei” e a trasladarlle as subas correspondentes ós pequenos produtores, a fin de que poidan cubrir custos.

“Mentres se seguen forzando prezos á baixa no campo, as industrias levan meses vendo aumentar a súa conta de beneficios a consecuencia da suba do prezo de venda ó público do leite e do aumento das cotizacións de derivados lácteos como a manteiga ou o leite en pó, en máximos históricos”, subliña Unións.

No campo, as industrias lácteas viñan aplicando tradicionalmente primas por volume, de xeito que as ganderías con maiores entregas percibían uns céntimos máis por litro que as de menores producións. Esa situación semella estar a acentuarse polo aumento do prezo dos carburantes e pola necesidade das industrias de captar leite no campo, o que leva a que estean presentando ofertas mesmo por riba dos 47 céntimos / litro a grandes explotacións. No lado contrario, pequenas granxas que se quedan en torno ós 35 céntimos atravesan por unha situación complicada para enfrontar a suba de custos en pensos, enerxía e fertilizantes, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información