Pateiro Viños de Garda: Ribeiro feito a lume lento

O proxecto de Iván Vázquez Pateiro, un dos poucos en toda Galicia que pon o foco nos viños envellecidos, conseguiu que en pouco máis de 2 anos as súas elaboracións sexan coñecidas máis aló das nosas fronteiras

Publicidade
Pateiro Viños de Garda: Ribeiro feito a lume lento

O enólogo Iván Vázquez Pateiro comezou a elaborar no 2017 os propios viños de garda. // Foto: José Ramón Domínguez.

O ADN do viño corre polas veas de Iván Vázquez Pateiro un enólogo de Ribadavia (Ourense) que leva case dúas décadas asesorando a adegas galegas e españolas. Procedente dunha familia con gran arraigamento no mundo da viticultura, foi a partir de 2017 cando comezou a elaborar os seus propios viños. A súa inquedanza por xuntar os coñecementos técnicos adquiridos durante a súa formación e traxectoria profesional co legado dos seus antepasados levouno a dar un paso máis e así naceu o Patito Feo, a primeira criatura de Pateiro Viños de Garda.

“A orixe de todo ten un compoñente absolutamente pasional. O Patito Feo xorde da necesidade de probar fórmulas que entón eran vistas como máis arriscadas, pero que realmente estaban moi vinculadas a facíano no seu día os viticultores do Ribeiro, como o caso dos meus avós. Cando fas as cousas con paixón o consumidor nótao. É por iso que desde o principio tivemos unha moi boa acollida, algo que nos animou a dar máis pasos para seguir medrando”, explica. Que o impulsor do proxecto utilice o plural para expresarse non se trata dunha casualidade, nin algo froito do azar. Na conversación con Iván pódese entrever a importancia que ten o apoio da súa familia e o respecto polo legado recibido. O concepto ‘familiar’ é algo que vai máis aló da mercadotecnia desta adega, que imprime un carácter moi marcado a todo o que fai.

Tanto é así que a súa aposta céntrase nos viños de garda e as elaboracións especiais, propostas diferentes que están a ter unha gran aceptación no mercado galego, nacional e, con especial relevancia neste último ano, no estranxeiro. “A crise da Covid-19 cambiou as regras do xogo. Nun escenario diferente era necesario buscar novas fórmulas para manter o volume de vendas. Isto levounos a acelerar no obxectivo de expandir a nosa presenza no mercado estranxeiro e o certo é que resultou unha auténtica táboa de salvación nun ano tan complicado como 2020”, comenta.

En só 2 anos, esta adega asentada na Denominación de Orixe Ribeiro, conta cunha produción dunhas 20.000 botellas, aínda que as súas previsións de crecemento sufriron unha lixeira diminución pola crise sanitaria. “Este ano tiñamos pensado alcanzar as 30.000 botellas, pero finalmente por unha cuestión de cautela quedaremos sobre as 20.000”, indica.

Buscar a evolución do viño

Iván tiña claro desde un inicio que os seus viños serían de garda, viños que buscan evolucionar co paso do tempo. Un concepto que marca a folla de ruta a seguir en todos os traballos, desde aqueles que se realizan no viñedo até os que teñen lugar na adega. “Nestas elaboracións non hai lugar á improvisación. Non se trata de que nun momento dado vexas que un viño poida converterse en garda. Desde os primeiros pasos, a meta é levar a cabo elaboracións que evolucionen tanto en barrica ou ánfora como en botella”, detalla o vitivinicultor.

Así, cando boa parte das adegas do Ribeiro están a pensar xa en sacar ao mercado a súa colleita do 2020, eles acaban de embotellar os seus viños branco e tinto de 2019. Traballan a ritmos diferentes e iso axudoulles a facerse o seu propio oco no mercado. “O consumo óptimo da maioría dos nosos viños, como os Pateiros e os Patitos Feos, prolóngase 5 ou 6 anos desde que se embotellan. Canto máis tempo pase, máis evolucionan en botella e melloran”, apunta.

Combinar tradición e modernidade

Na elaboración dos viños de Pateiro Viños de Garda prima recuperar as técnicas de outrora e conxugalas coas posibilidades que ofrecen os avances actuais. “Nunca podemos perder de vista as boas prácticas que nos deixaron como legado quen traballaron as terras do Ribeiro desde hai varios séculos. Por iso buscamos combinar eses coñecementos cos controis e as tecnoloxías que hoxe están ao alcance das nosas mans”, explica.

Ivan-Vazquez-Adega-Pateiro-cata-

Iván opta por conxugar métodos tradicionais e novas tecnoloxías para lograr os seus viños. //Foto: José Ramón Domínguez.

Esa chiscadela ao pasado percíbese con só dar un pequeno paseo pola adega e contemplar depósitos especiais para a maceración do viño como ánforas ou barricas de carballo. Un vínculo que non se limita en exclusiva a eses recipientes, senón que tamén se estende ás técnicas, xa que Iván procura trasegar moi pouco o viño e osixenalo o menos posible. “Facemos prensados pouco abusivos, como se realizaba outrora, facéndoos mesmo nunha lagareta”, concreta.

Abrazar as bondades dos métodos tradicionais non impide que desde esta adega do Ribeiro se optimicen os procesos grazas ás solucións que ofrece a tecnoloxía actual. Ferramentas como os equipos de frío ou os depósitos de aceiro inoxidable son grandes aliados para controlar procesos como as fermentacións e que as elaboracións desenvolvan e potencien as súas calidades.

Consentir o viñedo

Para Vázquez Pateiro a procura da excelencia empeza fóra da súa adega, concretamente nos viñedos. A súa aposta por variedades autóctonas como as brancas Treixadura e Loureira ou as tintas Caíño Longo e Sousón comeza pola recuperación de parcelas antigas. “Claro que nos encantaría contar con cepas centenarias, pero iso no Ribeiro é algo utópico. Por desgraza a mediados de século XX produciuse unha aposta pola cantidade en lugar da calidade, con castes foráneas que provocaron unha baixada do prestixio dos viños desta rexión. O noso anhelo é recuperalo devolvendo aos viñedos as variedades que sempre marcaron o carácter dos nosos viños”, subliña.

Entre elas tamén se atopan Albariño, Godello e Brancellao, presentes nalgúns dos viñedos que adquiriu e nos que tamén poden atoparse vides vellas de tinto que terán un valor fundamental nos seus plans de futuro. “O tinto e os viños que fago de barrica son os que máis rápido se vende. Actualmente elaboramos 3.000 botellas e a nosa idea é poder aumentar a produción para poder atender esa demanda”, argumenta.

Teñen ao redor de 2,5 hectáreas propias, aínda que polo momento non todas están en produción, dado o proceso de replantación no que se atopan inmersos actualmente. Para completar a produción compran a metade da uva en viñedos próximos á adega e do Val do Avia. Este é tamén un proceso coidado e controlado, posto que pactan cos viticultores a súa adquisición a campaña anterior para poder supervisar e adaptar todos os coidados dos viñedos á súa filosofía.

Patos-Adega-Pateiro-

As súas ocas convertéronse nun aliado para controlar a vexetación dos viñedos. // Foto: Almudena González Vázquez.

Neste aspecto, Vázquez Pateiro considera de vital importancia as prácticas vitícolas. A poda é un dos labores máis importantes entre os coidados que require o viñedo. “Para obter boa calidade e rendementos da vide para min é fundamental realizar unha poda adecuada, tanto no inverno, a que se fai agora entre decembro e marzo, como a poda en verde”, explica. A mirada á tradición tampouco se escapa nestes procesos xa que teñen en conta factores como o ciclo lunar para levalos a cabo.

“Queremos ser sustentables en todos os procesos, desde a viña ata que os nosos viños chegan ao consumidor”

E nun momento como o actual, no que quedou aínda máis patente a importancia do coidado do planeta, desde a adega reforzouse o seu compromiso coa sustentabilidade. A fertilización das súas terras realízase con abonos orgánicos, tal e como facían os seus avós décadas atrás. O emprego de herbicidas é outra palabra desterrada: as súas ocas, que se converteron nunha especie de mascotas improvisadas, exercen de rozadora animal non sen levar de cando en vez algún que outro acio á boca. “Neste aspecto tamén temos moito que aprender dos nosos antepasados. Os seus procesos convivían dunha forma máis harmónica cos ecosistemas e a meta é poder emulalos. Non chegamos a ser oficialmente biodinámicos, pero traballamos baixo esa filosofía, nós queremos ser sustentables desde a viña ata que os nosos viños chegan ao consumidor”, reivindica o vitivinicultor. Por eles, esa filosofía vai máis aló dos viñedos: todos os elementos de embalaxe son de materiais reciclados e reciclables; e elementos como as cortizas son naturais e producidos en factorías de proximidade o que, entre outras cousas, minora a pegada de carbono que produce a actividade de Pateiro Viños de Garda.

_El-Patito-Feo-Adega-Pateiro-

O patito Feo Treixadura foi o primeiro viño que sacaron ó mercado. // Foto: Garabatophoto.

Os seus viños

O feito de ser un proxecto recente non impide que elaboren unha gran variedade de viños. O seu primeiro viño, e quizais un dos máis coñecidos, O Patito Feo Treixadura, dá boa conta da filosofía desta adega. “Do mesmo xeito que a fábula de Hans Christian Andersen nós queriamos un viño que evolucionase até lograr unha gran transformación, como o patito feo que se chega a transformar nun fermoso cisne, por ese paralelismo escollemos o nome”, lembra.

O primoxénito das súas creacións é un branco a base de Treixadura que madura sobre leas primeiro en depósito e despois en barrica. Máis tarde chegaría o seu irmán tinto, O Patito Caíño Longo e Sousón que tamén madura sobre leas, pero neste caso exclusivamente en barrica.

Os viños Patito Feo e Pateiro son os emblemas da adega aínda que tamén participan en proxectos de elaboracións especiais como A Bandida

Baixo o nome de Pateiro, Iván decidiu dar renda solta á súa creatividade con dúas micro-elaboracións: Pateiro Ánfora e Pateiro Barrica. O primeiro, elaborado a base de Loureira e Treixadura, permanece uns 11 meses nunha ánfora oval antes de ser embotellado. Trátase dun viño de parcela do que adoitan sacar ao mercado uns 500 litros. O segundo, o seu outro viño de finca, permanece preto dun ano en barricas de carballo e del prodúcense preto de 600 botellas.

A creación máis nova e irreverente ten nome de muller: Saramusa. Trátase dun viño con tempos de garda máis baixos que, aínda así, está enfocado para consumirse aos 2 anos. Esta elaboración, que tivo unha gran acollida na hostalaría, é a que conta cunha maior produción, 12.000 botellas.

A familia complétase cos froitos da colaboración de Iván con outros socios, o proxecto A Bandida Wines. Baixo este selo deron o salto ao mercado 2 viños especialmente concibidos para a alta restauración. Un deles é A Bandida sobre leas, un coupage de todo o val do Avia que leva a cabo en depósito. Neste proxecto inclúese a elaboración máis especial e coidada da adega, A Bandida Fina Camineros, do que sacan unhas 2.400 botellas.

O ano das oportunidades

A crise sanitaria do coronavirus converteuse nun impulso para adiantar a súa aposta decidida polos mercados estranxeiros, xa que até o momento só supuñan unha porcentaxe mínima fronte á súa presenza no mercado galego e nacional. “En 2019 estabamos a vender case o 100% do noso viño en España, só tiñamos unhas pequenas vendas a Reino Unido”, lembra.

Nun ano conseguiron comercializar o 10% da súa produción en países como EEUU, Holanda, Estonia ou Suíza

Co parón da restauración e a redución das vendas nacionais, Iván comezou a buscar outros mercados. “Tiñamos medo de adentrarnos noutros mercados e despois non conseguir abastecer a súa demanda, xa que nós fomo aos poucos e comezamos cunhas 2.000 botellas o primeiro ano”, apunta. Con todo, hoxe non se arrepinte de dar o paso e está a comercializar xa os seus viños en países como EEUU, Holanda, Estonia, Suíza e atópase en negociacións en Alemaña e Dinamarca. “O 10% da nosa produción actual estamos a destinala xa á exportación. Estes mercados foron os que nos axudaron a soportar este ano”, argumenta.

A súa intención pasa por seguir mirando á exportación dado o que aprecian nestes países as elaboracións especiais e os viños exclusivos nos que se especializa Pateiro Viños de Garda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información