Este mediodía tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 61ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, o alcalde do Concello de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil (coorganizadores do evento), o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e outras autoridades.
Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado co primeiro premio Alter 2023 de Priorato de Razamonde, o viño Ramón do Casar 2023, de Adega Ramón do Casar recibiu o segundo premio e na marca Catro Parroquias Godello 2023 de Adegas Loeda recaeu o terceiro premio. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Zapicos do Verea 2023 de Adegas Gómez Sanmartín. Por último, na categoría de Viños Tintos, o mellor viño tinto de Colleiteiros recaeu en Viña Carpazal Selección 2022 de Cristian Rodríguez Vázquez e o mellor veu tinto de Adegas resultou ser Preto de Leive 2022 de Leive Ecoadega.
Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos de Adegas a Luís Ramos López, chegado de Pinto, Madrid, o galardón de Mellor Catador de Viños Tintos de Colleiteiros levouno Marta Araújo Montero, veciña de Ribadavia. Na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Xosé Manoel Gómez Cruz, de Moreiras, Toén e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega o galardoado foi Roberto Taibo Frieiro, veciño de Ribadavia. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados nas distintas categorías.
Na súa intervención, Juan Manuel Casares quixo felicitar ás adegas e colleiteiros así como “agradecer a colaboración sempre recibida polo Concello de Ribadavia para a organización deste evento, que ano a ano vaise fortalecendo máis”.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sumouse ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros e agradeceu tamén “o traballo dos voluntarios incansables na feira, así como o saber estar de todos os visitantes que fan deste evento algo moi grande”.
Esta actividade, xestionada polo C.R.D.O. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. Do total das 35 marcas presentadas a concurso (15 viños brancos de adegas, 8 brancos de colleiteiros, 7 viños tintos de adegas e 5 tintos de colleiteiros) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está probando.