Os transportistas permiten sacar produto das industrias lácteas para que poidan manter a recollida nas granxas

O alivio do bloqueo ás plantas de produción estará vixente até as 6 da madrugada e permitirá dar saída ao stock acumulado nos almacéns. Empresas de maquinaria, tratantes de gando e ducias de tractores acompañaron este martes a marcha de protesta dos camioneiros polas rúas de Lugo

Gandeiros cos seus tractores no polígono das Gándaras, antes de comezar a marcha conxunta cos camioneiros

Gandeiros cos seus tractores no polígono das Gándaras, antes de comezar a marcha conxunta cos camioneiros

A intención do Goberno de aplacar os ánimos dos transportistas co anuncio lanzado este luns dunha bonificación de 500 millóns de euros, sen maior concreción, tivo o efecto contrario, facendo que máis camioneiros se uniran ao paro e facendo máis evidente tamén o apoio desde distintos sectores, como o agrogandeiro ou o forestal.

Ducias de tractores, tratantes de gando e empresas de maquinaria marcharon este martes durante máis de 4 horas polo centro de Lugo nunha marcha multitudinaria e recibida con aplausos dos cidadáns nas rúas. A asociación Agromuralla, que desde o comezo do paro apoiou abertamente aos camioneiros, mobilizou aos seus asociados e quixo apelar á reflexión dos consumidores portando carteis nos seus tractores co lema Se os produtores de alimentos paramos, que lles darás de comer aos teus fillos?

Os gandeiros están a sufrir en moitos casos en carne propia as consecuencias da folga, con dificultades para dar saída ás súas producións e para a entrada de insumos nas granxas, pero móstranse comprensivos coa situación que está a levar aos camioneiros a protestar e que tamén están a sufrir outros sectores afectados pola suba dos combustibles.

Balóns de osíxeno para o sector agrogandeiro

Á caravana polas rúas da cidade de Lugo sumáronse tamén tratantes de gando e empresas de maquinaria

Á caravana polas rúas da cidade de Lugo sumáronse tamén tratantes de gando e empresas de maquinaria

Por parte dos camioneiros que secundan o paro anunciábase a primeira hora da mañá que no día de hoxe permitirían sacar produtos lácteos das industrias de transformación asentadas en Galicia, ao igual que no día de onte se permitiu a saída do peixe almacenado desde a semana pasada na lonxa da Coruña.

“O sábado abrimos esa ventá aos gandeiros para que as empresas de fabricación de pensos puideran sacar cereal do porto da Coruña porque é certo que estaban moi afogados nas granxas e hoxe permitiremos saír produtos lácteos das industrias para desconxestionar os seus almacéns e que poidan seguir recollendo o leite”, anunciou esta mañá Antonio Señarís Del Río, presidente da Asociación Coruñesa de Empresarios de Transporte (Ascetra) e da Federación Galega de Transportistas (Fetran), entidades que se sumaron ao paro convocado inicialmente pola Plataforma en Defensa del Sector del Transporte de Mercancías por Carretera, da que Fetran non forma parte.

Imos permitir desatoar os almacéns das fábricas para que poidan seguir recollendo o leite aos gandeiros

“Estamos permitindo balóns de osíxeno para certos sectores. A fin de semana abriuse o acceso ao gran no porto da Coruña para que puideran comer os animais. Os fabricantes de penso dixéronos que teñen abastecemento até mañá mércores e hoxe temos que desatoar dalgún xeito os almacéns das fábricas permitindo sacar produto elaborado para que poidan seguir recollendo leite nas granxas e que os gandeiros non perdan cartos”, insistiu.

Autónomos que trabajan para Leche Río también participaron este martes en la marcha de protesta por las calles de LugoAutónomos que traballan para Leite Río tamén participaron este martes na marcha de protesta polas rúas de Lugo

Señarís considera insuficientes as medidas anunciadas este luns pola ministra de Transportes: “Seguimos co paro porque non estamos de acordo coas medidas anunciadas polo Goberno. Fixemos cálculos e serían 1.200€ ao ano por camión, iso son 100€ ao mes, é dicir, unha insignificancia para como está a situación actual do transporte e do combustible, é case unha burla ao noso sector”, considera.

Co paso dos días Lactalis, Nestlé, Celta, Río ou Entrepinares sufriron problemas de subministro de materiais e saída de produto e refugallos

“Os que asinaron o acordo co Goberno son a gran patronal, os grandes flotistas e operadores de transporte. Aos que nos consideran minoritarios, os autónomos, somos máis de 40.000 en toda Galicia. Queremos unha estabilización do gasóleo e un cobro mínimo nas tarifas do transporte, non traballar por debaixo de custos que é o que nos está levando á ruína”, conclúe o presidente da Federación Galega de Transportistas. 

Ignacio Elola. Conselleiro delegado do Grupo Lactalis

“Temos mil camións de produto terminado na factoría de Vilalba”

Ante a magnitude do problema, o conselleiro delegado do Grupo Lactalis, Ignacio Elola, desprazouse en persoa a Galicia para abordar a crise, que na comunidade afecta ás dúas plantas da compañía, ubicadas en Lugo e Vilalba.

Nun primeiro contacto teléfonico con representantes dos transportistas en folga, na xornada de onte, Elola logrou o compromiso de que se abrise unha fiestra de 24 horas para a entrada de suministros de embalaxe ás fábricas de leite e para sacar produto final. Para a tarde de hoxe, ten prevista xa unha reunión presencial cos transportistas, para tratar de consolidar unha canle que permita solucionar as incidencias.

A fiestra para introducir e sacar produto abriuse ás 6 da mañá de hoxe e péchase ás 6 da mañá do mércores, polo que o alivio é provisional

“A situación é crítica, cun colapso das plantas logo de que durante 9 días non puideramos introducir suministros de embalaxe nin practicamente sacar produto terminado” -explica o conselleiro delegado do Grupo Lactalis-. “Só na factoría de Vilalba temos mil camións de produto terminado en stock. Se non fósemos capaces de alixeirar ese stock, teriamos que pechar a produción” -advirte-. “Xa non se trata de entregarlle o produto ó cliente final, senón de sacar o produto a outros almacéns da compañía”, apunta.

A fiestra para introducir e sacar produto abriuse ás 6 da mañá de hoxe e péchase ás 6 da mañá do mércores, polo que o alivio é provisional. “Descargaremos algo os almacéns e a ver se damos recibido papel, cartón e palés, pero en 24 horas volveremos ter problemas”, pronostica Elola, que lembra que na planta de Vilalba teñen 700.000 litros de leite pendentes de procesar. “Se non somos capaces de facelo, esa produción perderase”, advirte.

Reunión

De cara a abrir novos corredores de urxencia cando sexa preciso, Elola manterá esta tarde unha reunión cos transportistas. “Este tipo de xestións, como as que estamos facendo nós cos transportistas, debería telas feito o Ministerio de Transportes, con independencia de que tamén teña que abordar unha solución ó conflicto xeral”, valora o conselleiro delegado do Grupo Lactalis, que en declaracións a Campo Galego si recoñeceu a colaboración da Consellería do Medio Rural na busca de solucións ás incidencias das industrias.

Na planta de Vilalba temos 700.000 litros de leite pendentes de procesar; se non somos capaces de facelo, esa produción perderase

O sector está agora á espera de que o Goberno sexa capaz de concretar unha saída canto antes para a folga do transporte, logo de anunciar onte unha bonificación en xenérico de 500 millóns de euros para os transportistas.

Granxas

En relación ás granxas que se están vendo na situación de ter que tirar leite, o conselleiro delegado do Grupo Lactalis lamenta os problemas que se están rexistrando no campo e apunta á magnitude do problema se as administracións non logran unha solución inmediata: “Estamos falando de que en Galicia se producen cada día 6 millóns de litros de leite”, lembra.

Preguntado sobre a posibilidade de que Lactalis lles abone unha compensación ás granxas afectadas por ter que tirar o leite de xeito puntual, Elola sinala que nestes momentos está centrado en solucionar a grave crise que enfrontan as fábricas, sen descartar que nun futuro se poida valorar esa posibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información