Logo de desbloqueado o Carrefour e de chegar a un entendemento con Gadis, os gandeiros que estaban no bloqueo da Coruña acordaron na tarde de onte unha pequena pausa para ir muxir e ás 11 da noite citáronse para sacar os tractores do Carrefour cun novo destino, o centro loxístico de Dia, en Santiago, a 60 quilómetros e tres horas de conducción baixo a chuvia. Chegaron pasadas as 3 da madrugada, cansos polos días de bloqueos acumulados na Coruña, case dúas semanas, pero orgullosos dos logros conseguidos e decididos a enfrentar con Dia a que se presenta como última ‘batalla’.
Procedentes da Coruña, congregáronse en torno ó centro loxístico de Dia, no polígono do Tambre, un cento longo de tractores. Aos gandeiros chegados da Coruña hai que sumar ós produtores que se desprazaron en turismo desde o bloqueo do Carrefour de Lugo, xa levantado, e ós que se sumarán de Lalín. Ante a cantidade de persoas, a organización, a cargo da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, acordou establecer turnos para controlar os accesos a Dia.
Segundo bloqueo
Ao compartir Dia o mesmo recinto que o Mercagalicia, os gandeiros teñen que facer un control individualizado de cada veículo, pois os que acceden ou saen do Mercagalicia si teñen paso libre. O procedemento de control é similar ó empregado en setembro, cando os produtores bloquearan tamén por varios días o centro loxístico da cadea.
Daquela, a mobilización gandeira rematara por enfocarse nas industrias e non se chegara a pechar ningún pacto en firme con Dia. Ante a falta de respostas da cadea ás demandas do sector, os produtores volven agora coa idea de rematar o comezado en setembro. Dia é na actualidade a única gran cadea da distribución coa que non hai un entendemento ou un acordo pechado.
Poxas electrónicas
A maiores, o grupo de supermercados, segundo os produtores, está a distinguirse por un sistema de adquisición de leite, as poxas electrónicas á baixa, que minimiza a marxe industrial e obriga ás empresas lácteas a apretar a súa vez ás granxas. O propio Ministerio, na primeira reunión da comisión de seguemento lácteo, este outono, advertira de que a utilización do sistema de poxa electrónica para a compra de leite chocaba co asinado no acordo lácteo, un acordo no que a distribución se comprometía a contratos a longo prazo coas industrias para aportar estabilidade e sostibilidade á cadea de valor do leite.