O chan é o maior almacén terrestre de carbono, pero ata o momento non se tiña en conta o carbono acumulado no solo agrario. Nin como redutor, para o cómputo de emisións das granxas, nin para os mercados voluntarios de carbono, nos que empresas pagan por secuestro de CO2 para compensar a súa pegada climática. Ata o de agora, en España o mercado voluntario de carbono só admitía a capacidade de absorción de CO2 de determinadas superficies forestais.
Pero esa realidade está a cambiar e desde Bruxelas comézase a mirar para os chans agrícolas non só desde a óptica da produción de alimentos, senón tamén desde o punto de vista ambiental e na súa consideración de sumidoiros de carbono.
Prevese que o desenvolvemento do mercado de carbono agrario sexa moi rápido e que o 2024 sexa o ano clave
“É un tema que está aínda na cociña. Todo o sector está esperando pola regulación da UE, os últimos documentos de traballo da Comisión Europa son do pasado mes de marzo e pénsase que o 2024 pode ser o ano clave, porque se prevé que a posta en marcha do mercado de carbono agrario teña un desenvolvemento moi rápido”, asegura Jacobo Feijóo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) -ligada a Unións Agrarias-, que tramita contratos de venda de carbono forestal de propietarios e comunidades de montes.
O mercado de carbono albíscase como unha oportunidade engadida de obter ingresos da actividade agrogandeira e de contrarrestar a súa fama contaminante, poñendo en valor a súa labor medioambiental como sumidoiro de carbono. Pero existe “preocupación” por que estes novos criterios “non distorsionen a verdadeira prioridade do sector agrario, que é producir alimentos”, advirte Jacobo Feijoo.
Non se pode distorsionar a verdadeira prioridade do sector agrario, que é producir alimentos (Jacobo Feijoo)
“O enfoque verde da PAC está moi ben, pero non se pode esquecer o enfoque produtivo, non vaia ser que agora nos poñamos a producir carbono e deixemos de producir alimentos en cantidade suficiente para alimentar á poboación e para garantir prezos xustos, tanto para os produtores como para os consumidores”, defende Jacobo.
A Xunta posiciónase ante a próxima regulación europeo
A Xunta anunciou como unha das súas medidas para este ano a posta en marcha dun mercado de carbono propio a nivel galego. En Galicia estase a comercializar xa neste momento carbono forestal dentro do Rexistro estatal creado a partir da aprobación do Real Decreto 163/2014, pero agora o Goberno galego quere crear unha regulación alternativa, no que teñan collida outros proxectos.
Como gran novidade, no novo Rexistro galego prevese a inclusión da capacidade de secuestro de carbono dos solos agrícolas e da madeira estrutural empregada na construción. Tamén de masas arboradas sometidas a silvicultura que se demostre que capturan un dióxido de carbono adicional, en comparación con masas sen xestión. Se ben, aínda que os sistemas de cómputo e certificación deste mercado autonómico poidan basearse en estándares internacionais, o secretario xeral de Asefoga advirte do “arriscado” de ir por diante da regulación comunitaria.
A medio prazo, os mercados locais de carbono van ter que converxer na metodoloxía europea para que eses créditos sexan intercambiables entre axentes da UE
“Pode ser contraproducente ir por libre, porque hai que ver a credibilidade que pode ter un rexistro propio da Xunta. Que un banco suízo merque uns dereitos en Galicia depende de que ese crédito de carbono sexa homologable dentro do sistema da UE. Así que unha vez que a Comisión Europa diga como se mide o carbono agrario, haberá que adaptarse a iso, por ese motivo igual era mellor agardar e non lanzar un barco que despois pode quedar varado na area. O que está claro é que calquera mercado que se poña en marcha ten que ser internacional, a nivel da UE como mínimo”, argumenta.
Aumento da materia orgánica no chan
Para este novo modelo de compensación de emisións que usa o solo agrario como sumidoiro, teríase en conta unicamente a cantidade de carbono que se lograse incrementar a través de prácticas favorecedoras, non o carbono acumulado que xa hai na actualidade.
Computarase o incremento da profundidade do solo, é dicir, a materia orgánica que se logre acumular na capa de terra superficial
Galicia é un lugar privilexiado en canto a niveis de carbono no chan, multiplicando os niveis medios doutros territorios. A razón está na grande cantidade de biomasa, principal fonte de carbono, e nos baixos niveis de pH do chan.
O feito diferencial do solo galego para a captura de carbono é a grande cantidade de biomasa e o pH ácido
Pero o feito de que os solos galegos sexan ricos de por si en materia orgánica pode ser prexudicial á hora de cuantificar o carbono que pode ser comercializado (só aquel que se logre incrementar), fronte a outros territorios que parten de niveis moito máis baixos de carbono acumulado na actualidade, xa que só computaría o aumento dos centímetros da capa de terra superficial con materia orgánica, non a presente ou depositada a día de hoxe.
“Nos solos galegos movémonos entre un 5 e un 6% de materia orgánica nos primeiros 50 centímetros de chan. Cunha xestión boa de conservación de carbono podes chegar a unhas 300 toneladas/hectárea de stock máximo que das acumulado. Podes meter máis materia orgánica, pero os microorganismos descompóñena”, explica Jacobo.
Primas a través da PAC ou mercado voluntario?
A valorización do carbono forestal xa está en marcha desde fai anos na UE, a través dun mercado voluntario e de rexistros oficiais de dereitos, pero no caso do carbono agrario está por ver cal é o modelo polo que se decanta Bruxelas, se por un modelo similar ao forestal ou por incluír a captura de carbono na Política Agrícola Común (PAC).
“No ámbito forestal hai un mercado voluntario no que un terceiro, normalmente unha compañía privada, compra os dereitos que tes inscritos nun rexistro oficial. Nos solos agrarios imos ver por que modelo se decanta a Comisión Europea, se por ir ao mercado cos créditos de carbono xerados ou por pagos na PAC pola cantidade de carbono que almacena a explotación”, plantexa.
Dentro dos ecorreximes da PAC para o actual período 2023-2027 xa se establece unha categoría titulada Agricultura baixa en carbono, na que se inclúen pagos adicionais por tres prácticas beneficiosas: pastoreo extensivo, sementeira directa e cubertas vexetais en cultivos leñosos, como o olivar.
Pero Jacobo aclara que “son pagos indemnizatorios, que te compensan polo que perdes de produción, por exemplo por non facer laboreo, pero non son pagos incentivadores para que captures carbono nin a PAC entra a cuantificar tampouco canto capturas para pagarche por esa cantidade”, indica. Sen embargo, o sistema podería cambiar nas futuras reformas da PAC.
Compensación das emisións gandeiras
Até agora, os métodos de cálculo de emisións da gandería non tiñan en conta a capacidade de secuestro que ten o chan, polo que a produción gandeira, tanto a intensiva como a extensiva, saía sempre mal parada nos cómputos oficiais, como emisora neta de gases contaminantes de efecto invernadoiro.
“É inxusto, porque ti non podes equiparar un motor de explosión co metabolismo dun animal. Un coche ten emisións netas, mentres que na vaca é unha emisión circular, con balance neto cero. Desde o punto de vista científico esas emisións non son un problema, senón unha necesidade, xa que a materia orgánica ten que volver á atmosfera para seguir o seu ciclo, por iso non é lóxico contabilizar as emisións metabólicas”, argumenta Jacobo.
Até agora, os métodos de cálculo de emisións da gandería non tiñan en conta a capacidade de secuestro que ten o chan
Existe un movemento internacional, no que se inclúen diversos países e membros da comunidade científica, que está a tratar de incidir no Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU para que o cómputo sobre as emisións do gando sexa 10 veces inferior cando se trata de gandería extensiva con respecto á gandería intensiva.
Deste xeito, os métodos de cálculo de emisións nas explotacións gandeiras poderían comezar a ter en conta de cara ao futuro o carbono que as granxas son capaces de secuestrar a través do chan nas súas pradeiras ou terras de cultivo e resultar en balances positivos de carbono, en función do tipo de granxa e as súas prácticas.
Redución por sectores
Dentro do chamado Pacto Verde Europeo a Comisión Europea presentou pouco antes de que comezara a guerra de Ucraína o paquete lexislativo Fit for 55, que propón reducir de cara a 2030 un 55% das emisións de efecto invernadoiro con respecto ás producidas en 1990.
A normativa europea obriga a que haxa unha contabilidade de carbono por sector, de maneira que cada sector económico sexa neutral no 2050, é dicir, sexa capaz de compensar as súas emisións capturando tanto carbono como emita e Galicia podería converterse no sumidoiro natural para as emisións da agricultura española.
Galicia podería converterse no sumidoiro natural para as emisións da agricultura española
Dentro desta obriga de mitigación, a curto prazo o sector primario español ten que facer un importante esforzo para cumprir coas esixencias comunitarias, tendo que reducir 43.000 toneladas equivalentes de CO2 de cara a 2030, procedentes sobre todo da agricultura.
Unha parte desa redución podería lograrse estendendo prácticas como a sementeira directa ou as rotacións con especies mellorantes para diminuír o uso de fertilizantes nitroxenados de orixe química, pero outra parte dependería da capacidade de compensación que poida ter a gandería extensiva, sobre todo na cornixa cantábrica, pola maior capacidade dos seus solos para actuar como sumidoiro natural de carbono.
“Xa hai compañías dispostas a pagar polo carbono agrario”
A falta por definir o funcionamento e alcance do mercado de carbono agrícola, xa existen neste momento intermediarios dispostos a mercar os créditos de carbono xerados polas explotacións agrogandeiras. “Xa hai algunha compañía disposta a pagar polo carbono agrario; con nós xa se puxeron en contacto”, recoñece o secretario xeral de Asefoga.
Empresas doutros países, como a estonia eAgronom ou a alemá Climate Farmers, están xa asentadas en España, ofrecendo os seus Programas de Carbono, nos que calculan o potencial de secuestro da explotación (esixen un mínimo de 50 ha de superficie), axudan a implementar prácticas para incrementar esa capacidade e comercializan os créditos xerados a través da sinatura dun contrato co produtor, a cambio dunha comisión do 35%.
En países como Holanda, con escasa superficie de monte, entidades como Rabobank están xa a comercializar créditos de carbono agrario
Estas empresas preséntanse como impulsoras da agricultura rexenerativa en Europa, que se define como un conxunto de medidas que actúan mellorando o solo e a súa capacidade de captura de carbono. “A rexenerativa é un tipo de agricultura que vai un paso máis aló da agricultura ecolóxica, porque pretende non só non facer dano ao ecosistema, senón tamén restaurar o solo”, explica Jacobo Feijóo.
A agricultura e gandería rexenerativas defínense como un conxunto de medidas que actúan mellorando o solo e a súa capacidade de captura de carbono
Entre as prácticas agrarias, a fundamental é non arar a terra, porque arar osixena, o que oxida e mineraliza a materia orgánica. A cuestióon é que o carbono, cando se secuestra no chan por partículas finas (arxilas), dura centos de anos almacenado se non se libera co laboreo. Tamén contribúen a aumentar o carbono do solo o mantemento de cubertas vexetais, os aportes de materia orgánica ou as rotacións con especies mellorantes.
Multinacionais do sector da alimentación, como Unilever ou Nestlé, están a primar a redución da pegada de carbono das súas granxas provedoras
A utilización de gando en modelos extensivos é tamén unha práctica que mellora a capacidade de secuestro de carbono do chan. Os animais, ao pisar, axudan a incorporar carbono e a activar os ciclos de nutrientes, que se ven favorecidos polos abonos orgánicos que depositan, pero o modelo de pastoreo debe ser rotacional para non provocar compactación e liberación do carbono almacenado no chan.